plástico -ca

plástico -ca

(< lat plastĭcu < grπλαστικός)

    1. adx

      Relativo ou pertencente á plástica.

    2. efecto plástico [ARTE]

      Efecto estético, na arte do s XX, das formas artísticas producido por elas mesmas como tales, e non pola súa semellanza coa natureza.

  1. adx

    Que pode ser modelado.

  2. adx

    Que se caracteriza pola súa expresividade e vivacidade.

    Ex: Realizou unha descrición moi plástica da paisaxe.

    1. adx

      Relativo ou pertencente ao plástico.

    2. s m [IND/QUÍM]

      Composto orgánico polimérico obtido por síntese ou procedente de substancias naturais que sufriu unha profunda transformación química, susceptible de ser conformado pola acción conxunta do sol e da calor. Algunhas das características comúns dos plásticos son o elevado peso molecular, a sensibilidade á calor nun momento determinado da súa manufactura, o intervalo relativamente limitado da temperatura de utilización, o peso específico relativamente baixo (entre 0,02 e 2,5 g/cm 3 ), as súas propiedades illantes (tanto térmicas como eléctricas e acústicas) e a resistencia aos axentes químicos inorgánicos. Os plásticos poden obterse a partir de materias minerais (gas natural, hulla, petróleo, etc), vexetais (algodón, gomas vexetais, madeira, plantas oleaxinosas, resinas, etc) e mesmo animais (leite), ou dos seus respectivos derivados, produtos intermedios na síntese de plásticos (acetileno, benceno, butileno, caseína, celulosa, estireno, etilo, fenol, lacas, látex, nafta, óleos, propileno, xileno, etc). A estrutura química das súas moléculas, denominadas monómeros, é sinxela e permite a unión entre elas por polimerización ou por policondensación, feito que dá lugar a moléculas moi longas, denominadas macromoléculas ou polímeros. Se os monómeros son dunha soa especie dan lugar a un homopolímero (como nos casos do polietileno ou do polistireno), e se son dúas ou máis especies diferentes dan lugar a un copolímero (como no caso das resinas ABS, obtidas a partir de monómeros de acrilonitril, de butadieno e de estireno). A lonxitude da cadea, que especifica algunha das características do plástico, determina o uso ao que pode ser destinado, de xeito que un polímero que contén entre 20 e 100 veces o monómero é amorfo e rompible, e só serve para revestimentos, mentres que se o contén entre 100 e 1.000 veces, é moldeable, e se o contén un número de veces superior a 1.000 é moi flexible e resistente, e axeitado para obter fibras téxtiles e películas. Os plásticos poden ser termoplásticos ou termoendurecibles. Os plásticos termoplásticos son susceptibles de ser abrandados pola calor e endurecidos ao arrefriar tantas veces como se queira, porque non sofren transformación química coa calor, entre eles figuran o polietileno, o polipropileno, o polistireno, o poli(cloruro de vinilo), etc. Os plásticos termoendurecibles, obtidos por policondensación e constituídos por macromoléculas orientadas en todas direccións e con numerosos enlaces entre elas, non poden ser abrandadas pola acción da calor máis ca unha soa vez, posto que sofren modificacións fisicoquímicas. É o caso das resinas fenólicas e amínicas, das siliconas, dos epóxidos, etc. O primeiro plástico obtido industrialmente foi o celuloide (1869), a base de nitrocelulosa, pola reacción da celulosa con ácido nítrico, e o segundo foi a galatita (1897), extraída da caseína. Ao descubrir que o peso molecular das gomas e das resinas era elevado, intentáronse crear no laboratorio macromoléculas ou polímeros; así, en 1909, Leo Hendrik Baekeland sintetizou por primeira vez a baquelita por polimerización do formol e formaldehido, a partir dos estudos de Adolf von Baeyer, iniciados en 1878. Desde ese momento, a historia dos plásticos estivo seguida de novos procesos de polimerización que permitiron obter novos plásticos: o acetato de celulosa (1915), as resinas ureicas (1921), as resinas acrílicas (1928), os polistirenos (1930), o poli(acetato de vinilo) e o poli(cloruro de vinilo) (1932), a buna e as poliamidas e os poliuretanos (1938), o polietileno de baixa densidade (1940), o acrilonitril (1943), as siliconas (1945), o polietileno de alta densidade (1954), o polipropileno (1956). Segundo a natureza dos monómeros, os plásticos poden clasificarse en fenoplastos, aminoplastos, poliamidas, polietilenos, polipropilenos, polistirenos, copolímeros do estireno, poli(cloruro de vinilo), poli(metacrilato de metilo) e polímeros celulósicos. Os plásticos son sometidos a diversas operacións, como a extrusión, o laminado, o moldeado, etc, para obter unha enorme variedade de pezas, obxectos, etc, que substituíron en case todos os campos industriais aos materiais tradicionais e que permitiron novas solucións a diversos problemas. Por extrusión obtéñense perfís (empregados como guías de portas, fiestras, vidros, etc), películas (para o recubrimento de obras e na embalaxe) e tubos (para conducións de augas, extracción de fumes, etc); por laminado obtéñense láminas e pranchas empregadas na fabricación de portas flexibles para a industria, difusores de lume, cubertas ondulares, revestimentos, etc; por moldeado obtéñense toda clase de obxectos e pezas, como abrazadeiras, enchufes, parafusos, etc. Con plásticos expandidos, especialmente o poliuretano e o polistireno, fabrícanse illantes térmicos, acústicos e eléctricos, colchóns, coxíns, etc, así como embalaxes.

  3. adx
    1. Relativo ou pertencente á plastia.

    2. [BIOL/MED]

      Que forma ou reconstrúe un tecido.

  4. s m [QUÍM/IND]

    Explosivo a base de ciclonita ou de pentrita amasadas cun plastificante, xeralmente un hidrocarburo líquido e caucho sintético, de potencia media, pero moi expansivo, que require estar provisto de detonador. Pode ser aplicado directamente e dividido coas mans de tal xeito que penetre en buracos e fendas para conseguir a máxima efectividade. Os plásticos son moi empregados baixo a auga, que non os altera.

Palabras veciñas

plast(o)- | plastia | plástica | plástico -ca | plastidio | plastificación | plastificante