poboamento

poboamento

(< poboar)

  1. s m

    Acción de poboar.

    Sinónimos: poboación.
  2. s m [XEOG]

    Estudo dos asentamentos de poboación, considerando o número, dimensións e a distribución espacial en relación cun territorio determinado. O estudo da distribución espacial do poboamento non debe confundirse coa análise da distribución espacial da poboación, que se ocupa da forma en que os habitantes dun territorio se localizan sobre el.
    Modalidades de poboamento e o seu estudo
    Pódese afirmar en xeral que tanto a poboación como o poboamento na súa distribución territorial, presentan diferentes modalidades cunhas situacións extremas que son a concentración e a dispersión. Segundo Puyol Antolín existen catro grandes combinacións posibles: poboación dispersa con poboamento disperso, que existe cando aparecen un gran número de asentamentos por unidade superficial, cun tamaño demográfico semellante, sen que ningún deles conteña unha parte significativa da poboación total; poboación dispersa con poboamento concentrado, que aparece cando existen poucos asentamentos por unidade superficial e estes presentan unha certa semellanza, ao mesmo tempo, entre os seus tamaños; poboación concentrada con poboamento disperso, que se dá cando existe un número elevado de asentamentos, pero a maioría da poboación está localizada nun número reducido dos mesmos e poboación concentrada con poboamento concentrado, que existe cando a unidade superficial ten poucos asentamentos e algún deles concentra boa parte dos efectivos demográficos. Para poder comparar territorios é necesario crear índices de concentración ou dispersión do poboamento. O índice de concentración obtense calculando (en números relativos) a importancia cuantitativa dos habitantes que residen no núcleo de maior tamaño dun territorio respecto aos que viven nos restantes núcleos dese espazo. O índice de disimilaridade obtense restando as porcentaxes de poboación e superficie de cada unha das unidades administrativas que integran un territorio (habitualmente concellos) e sumando despois todos os resultados positivos e negativos, de xeito que canto máis lonxe estea de 0 o resultado final, maior grao de concentración existirá. O índice de Gini calcúlase a partir dunha curva de Lorenz e os seus valores van desde 0 (concentración mínima) a 1 (concentración máxima). Para darlle un valor numérico á concentración-dispersión, e a efectos comparativos entre territorios, existen indicadores como a relación de asentamentos por superficie (por exemplo: 3 por km 2 ) ou análise do elemento máis próximo (R), que se obtén calculando o promedio das distancias observadas desde cada asentamento ao que ten máis próximo (o), relacionando ese valor coa distancia media entre asentamentos (a). Para calcular a distancia media entre asentamentos emprégase a seguinte fórmula: a = 1 / 2.√(n/s). Onde n e o número de asentamentos e s a superficie do territorio. O índice R obtense dividindo o entre a. Os seus valores están comprendidos entre 0 e 2,149. O 0 significa unha concentración máxima e se os valores superan o 1 significa que a distribución de asentamentos tende á dispersión.
    O poboamento galego
    No caso galego hai que destacar en primeiro lugar o número de asentamentos existentes. O Nomenclátor amosa un gran número de asentamentos (entidades singulares de poboación), a maioría deles de pequeno tamaño. Así, existen 21.179 entidades de poboación (1,1 por km 2 ), o 88 % das cales teñen menos de 100 habitantes (pero só aglutinan ao 25,5 % da poboación galega), mentres que o 11% teñen entre 101 e 500 moradores (e acaparan ao 21,79% da poboación). Pola contra, o 33,4% da poboación galega vive en núcleos con máis de 10.000 persoas. Estas cifras mostran a orixinalidade do sistema de asentamentos galego con respecto ao español, pois en Galicia atópanse case a metade das entidades singulares de poboación do conxunto do estado. A xerarquía de asentamentos desde os que aglutinan un menor número de persoas ao maior (das aldeas ás cidades) mostrou unha evolución ao longo do tempo. Ata a década de 1960, e mesmo ata ben entrada a de 1970, o artellamento territorial galego aparecía dominado por un hábitat ou poboamento rural, baseado na parroquia. Ao ámbito espacial da freguesía, ou de moi poucas parroquias, circunscribíanse as relacións humanas e económicas, porque no seu espazo era onde se realizaba o traballo diario, se desenvolvían os mercados locais e mesmo se gozaba do tempo de lecer. Por riba das aldeas e parroquias situábanse as vilas, que centralizaban e daban cobertura terciaria a eses amplos espazos agrarios, e que se distribuían regularmente polo territorio actuando como cabeceiras comarcais. O paso seguinte eran as cidades, constituidas polas sete grandes aglomeracións de poboación: A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense. Neste contexto, as cidades aparecían como meras illas, non incidindo apenas no sistema territorial galego, malia que medraron de xeito notable durante a primeira metade do s XX e multiplicaron por 2,5 o seu potencial demográfico ao pasar de supoñer o 6,6 % (1900) ao 16,8 % (1950) do total da poboación. Ese artellamento territorial mudou, porque a partir de fins do decenio de 1960 comezou un proceso de urbanización que supuxo a aparición dunha nova lóxica espacial urbana que se difundiu por todo o territorio. Esta circunstancia fixo cambiar a fisionomía do hábitat tradicional, e provocou a aparición de novas tipoloxías construtivas, a expansión da construción ao longo das vías de comunicación e a aparición de novos tipos de poboamento relacionados coa desconcentración residencial emanada desde as cidades cara a áreas periurbanas máis ou menos extensas. Segundo Rosario Miralbés o poboamento rural galego anterior a estes cambios presentaba os seguintes caracteres: nas serras orientais e surorientais as parroquias contaban xeralmente cun só núcleo de poboación asentado no pé das serras, nos vales e nos ríos; na meseta lucense as parroquias presentaban unha media de 5,2 aldeas, próximas entre si e con escasa poboación por núcleo (sobre 30 habitantes); na Galicia setentrional e NO, aparecían maior número de habitantes, de entidades por parroquia e cunha diseminación de casas illadas; na Galicia meridional ao L, había unha maior concentración nas aldeas, que son poucas por parroquia; no val do Miño a dispersión das aldeas é moi grande; na conca do Ulla existía unha dispersión de aldeas por parroquia elevada (8,4), cun escaso número de habitantes; e nas Rías Baixas as parroquias son numerosas, grandes, con elevada densidade e cun número elevado de aldeas por freguesía cunha alta dispersión de casas. Este esquema xeral manténse, aínda que o hábitat rural perdeu moita importancia polo retroceso da poboación rural e o avellentamento e pola escasa significación económica que ten no PIB galego. Na actualidade o papel reitor do poboamento posúeno vilas e cidades que configuran a rede urbana galega, desequilibrada pola ausencia de cidades intermedias que, segundo Souto González, debían ter como obxecto repartir e redistribuír entre as vilas máis pequenas, e na propia periferia rural, os fluxos económicos que parten das sete cidades principais. Así, o poboamento caracterízase pola concentración da poboación nun pequeno espazo, o terzo occidental, moi dinámico economicamente, e pola existencia dunha tendencia acusada ao despoboamento no resto do espazo, rural na súa maioría. A área máis dinámica organízase ao redor da autoestrada do Atlántico e esténdese desde Ferrol a Tui, espazo convertido en corredor de crecemento xeoespacial denominado eixe urbano atlántico que engloba as cinco cidades occidentais galegas (Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo). Estes espazos correspóndense basicamente coa maior parte do espazo comprendido desde o litoral occidental ata a liña que segue a mencionada autoestrada (a excepción feita da Costa da Morte e da Terra de Soneira). Esta dinámica área litoral abarca menos da cuarta parte da extensión de Galicia, concentra a máis de tres cuartas partes da poboación, e preto do 80 % do PIB industrial. Fóra deste eixe costeiro occidental, moi poucas áreas conseguiron manter un certo dinamismo demográfico e económico, cousa que aconteceu tan só nas capitais provinciais orientais e nalgunhas vilas distribuídas de xeito regular polo territorio, especialmente aquelas que se sitúan nas vías de comunicación que conectan Galicia co resto de España (Lugo, Ourense, Monforte, Lalín, Verín, Sarria, Melide, Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo) así como a Mariña lucense e os enclaves mineiro-industriais de Valdeorras e As Pontes de García Rodríguez. O resto do espazo galego amosa unha constante perda de efectivos de poboación debido a unha estrutura demográfica na que predominan as idades avanzadas, cunha moi escasa presenza de mozos e un saldo vexetativo negativo. Este amplo espazo rural regresivo xa non está pechado en si mesmo como acontecía ata mediados de s XX, senón que aparece inmerso na dinámica de mercado e nas pautas de comportamento urbano: produción agropecuaria destinada ás demandas urbanas; compra de todos os insumos necesarios para as explotacións; notable mobilidade dos seus efectivos poboacionais na procura de servizos sanitarios, comerciais, administrativos e de ocio e a uniformización cultural cos medios urbanos. Polo tanto, o artellamento territorial e o poboamento de Galicia presenta unha desigual distribución dos núcleos, da poboación e da riqueza, pero cunha mesma lóxica de funcionamento, a que impón o proceso de urbanización.

Palabras veciñas

poboación | poboado -da | poboador -ra | poboamento | poboar | Poboeiros | Pobra de Burón, A