Pobra do Brollón, A
Concello da comarca de Terra de Lemos, situado na provincia de Lugo no L da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 32’ 10” de latitude N e 7° 23’ 10” de lonxitude O. Limita ao N co Incio e Samos (ambos os dous na comarca de Sarria), ao L con Folgoso do Courel e Quiroga (ambos os dous na comarca de Quiroga), ao S con Ribas de Sil (comarca de Quiroga), e ao O con Bóveda e Monforte de Lemos (ambos os dous na comarca de Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 176,7 km2, nos que acolle unha poboación de 2.201 h (2007), distribuída nas parroquias de Abrence, Barxa de Lor, Canedo, Castroncelos, Castrosante, Cereixa, Eixón, Ferreiros, A Ferreirúa, Fornelas, Lamaigrexa, Liñares, Óutara, Parada dos Montes, Pinel, Piño, A Pobra do Brollón, Saa, Salcedo, Santalla de Rei, Veiga e Vilachá. A súa capital está no lugar da Pobra do Brollón, na parroquia do mesmo nome, a 141 km de Santiago de Compostela e a 65 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
A Pobra do Brollón pode dividirse en tres sectores claramente diferenciados: a depresión de Lemos, que ocupa o O do seu territorio, os contrafortes da serra do Courel, estendida polo L, e unha superficie de aplanamento que ocupa o S, delimitando o Canón do Sil. A depresión de Lemos, cunha altitude comprendida entre os 300 e 400 m e cuberta por potentes depósitos de materiais sedimentarios, caracterízase pola planitude, modelada pola erosión fluvial, que dá lugar á formación de terrazas e algúns outeiros, froito da erosión diferencial, con cotas que apenas destacan sobre a chaira. Os contrafortes occidentais da serra do Courel resólvense nunha sucesión de aliñacións montañosas que seguen as direccións L-O e NL-SO a partir dun nó común, a serra da Trapa (alto da Serna, 1.135 m), situada no extremo NL, cunha altitude media entre os 500 e os 900 m (Pena María, 974 m; Piñeiro, 825 m; Salgueiriña, 717 m). O S do territorio correspóndese cunha superficie de aplanamento delimitada polos ríos Sil e Lor, que se resolve nunha morfoloxía alombada, cuns niveis altitudinais que superan os 600 m e que culminan na serra de Augalevada con cotas próximas aos 800 m. Desde o punto de vista climático, repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña, oceánico-mediterráneo e oceánico de transición. Localizado na transición entre a depresión de Lemos e os contrafortes da serra do Courel, as súas características termopluviométricas pasan de ser máis calidas e secas no O, a máis frías e chuviosas no L. A temperatura media anual é de 12,9°C, cunha media en xaneiro de 6,2°C e en xullo de 20,3°C, e unha amplitude térmica extrema que acada os 27,3°C. A precipitación anual media é de 993 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival co 10% das precipitacións e un máximo no inverno co 37%, ficando con valores medios a primavera, co 28%, e o outono, co 25%. A rede hidrográfica está protagonizada polo río Cabe, que atravesa as terras do NO do concello, seguindo un trazado NL-SO, a través dun val que se abre progresivamente ata converterse na depresión de Lemos. Ao longo do seu percorrido recibe os tributarios que drenan os contrafortes máis occidentais da serra do Courel, entre os que destacan o Saa, que recolle as augas do ríos Lebrón e Rubín e conflúe no Cabe á altura de Fornelas. O S do concello pertence á conca do río Lor, que percorre brevemente o extremo SL. É a área de drenaxe directa do Sil, que delimita o extremo S do concello profundamente encaixado e alterado polo encoro de Santo Estevo. A vexetación natural da depresión de Lemos practicamente desapareceu e foi substituída por terras de labor e pastos. Nas accidentadas terras do L e S, destacan as masas de carballos, cerquiños e castiñeiros, que dan paso a piñeiros e mato nas terras máis altas, ou a especies mediterráneas no Canón do Sil.
Xeografía humana
A poboación da Pobra do Brollón viu minguar considerablemente os seus efectivos demográficos, facéndose visible o contraste entre a primeira metade do s XX, caracterizada pola estabilidade, e a segunda metade do século, cando tras acadar o seu máximo demográfico, se viu abocada a un despoboamento alarmante. Ata 1930 a súa poboación tendeu a perder efectivos (-0,47% interanual entre 1900 e 1930) para, entre 1930 e 1950, dar paso a unha notable expansión demográfica (0,92% interanual). O período comprendido entre 1950 e 1970 foi de éxodo, ao perder habitantes segundo unha taxa interanual do -2,54%; freado progresivamente nas décadas seguintes (entre 1970 e 1981 caeu un -1,64% interanual; entre 1981 e 1991 un -0,28%), para reactivar esta tendencia tan negativa na década final do s XX (entre 1991 e 2001 perdeu un -1,96%). Entre 2001 e 2007 o descenso cifrouse no -13,9%. A continua emigración foi freada nas décadas centrais do s XX por motivos coxunturais, avellentou a súa poboación de xeito alarmante, representando os de menos de 20 anos o 7,4% e os de máis de 65 anos o 44,8%; o grupo intermedio representa o 47,9%. O avellentamento é visible tamén no saldo vexetativo (2006) que é amplamente negativo (-26,2‰) pois a natalidade (1,5‰) é amplamente superada pola mortalidae (27,7%). Por sexos a composición está equilibrada: 50,86% de mulleres e 49,11% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Pobra do Brollón é do 37,8% (45,1% a masculina e 31% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,1% (39,5% a masculina e 27,1% a feminina) e a taxa de paro é do 12,4% (12,4% a masculina e 12,5% a feminina). No sector primario traballa o 33,4% da poboación. A superficie cultivada só representa o 12,05%, case totalmente concentrada na depresión de Lemos. O principal cultivo son os forraxeiros. A industria representa o 10,8% da man de obra e a construción o 10,1% dos ocupados. Os servizos representan o 45,7% dos traballadores, destacando o modesto papel comercial da capitalidade, onde se celebraban feiras e mercados de certa relevancia. As principais vías de comunicación son as estradas N-120 e a LU-533, complementadas por estradas locais.
Historia
Estas terras pertenceron ao conde de Lemos, que tivo moitos problemas para impoñer a súa autoridade aos seus veciños que se negaron recorrentemente a satisfacer as cargas feudais. Outro importante poder señorial foi o exercido polos monxes de Montederramo, propietario de moitas das viñas na ribeira do Sil, onde se sitúan as adegas de Vilachá. Durante o Antigo Réximen o seu territorio estivo repartido entre as xursidicións de Guntín e Canedo, administradas por unha casa fidalga e polo conde de Altamira; A Pobra do Brollón, señorío do conde de Lemos e os seus veciños; e Quiroga, rexida pola Orden de San Xoán. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Abolíronse as xurisdicións e foron substituídas polos concellos da Pobra do Brollón, Fornelas e Cereixas pero en 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 recuperouse a división municipal e o territorio dos anteriores concellos dividiuse entres os da Pobra do Brollón, Somoza Maior de Lemos e Quiroga. En 1840, naceu o actual concello da Pobra do Brollón, inicialmente adscrito ao partido xudicial de Quiroga ata 1988, cando pasou ao de Monforte de Lemos.
Patrimonio cultural
Destacan as igrexas parroquiais de San Cosme de Liñares (s XVI), San Martiño da Ferreirúa, San Salvador de Ferreiros (s XII), San Xiao de Veiga (s XII), San Xurxo de Eixón, Santa María de Saa (s XVI), Santiago de Castroncelos, San Mamede de Vilachá (s XVIII), San Miguel de Canedo, San Xoán de Salcedo (s XVIII) ou Santa Mariña de Castrosante (s XIX). Das construcións civís cómpre sinalar a casa grande de Marcón (s XV) e a ponte romana da Labrada. Do seu patrimonio natural destacan os espazos dos Ancares-Courel e do río Cabe, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran no concello destacan as do Corpus, na capital, e as romarías populares de San Vitorio e de Santalla, ademais do Entroido de Salcedo e as feiras de artesanía e do viño de Vilachá.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra de Lemos |
| Extensión | 176 Km2 |
| Poboación Total | 2201 h |
| Poboación Homes | 1081 h |
| Poboación Mulleres | 112 h |
| Densidade de poboación | 12.51 h/Km2 |