policía

policía

(

  1. s f [DER/ADM]
    1. Organización e regulamentación interna dun estado ou dunha colectividade.

    2. Regulamento establecido para o manter a orde e a seguridade pública.

  2. [DER/ADM]
    1. s f

      Corpo ou forza que vela polo cumprimento e o mantemento da orde e a seguridade pública. Ten o deber de garantir as liberdades e os dereitos individuais e colectivos. As súas funcións adoitan distribuírse en tres ramas: policía administrativa, policía de seguridade e policía xudicial. O precedente da policía moderna foi a creación por parte de Luís XIV de Francia do cargo de lugartenente de policía da cidade de París (1660). Joseph Fouché fixo un corpo de policía política. No campo da policía política foron especialmente inhumanas a okhrana rusa e a Gestapo, as SS e as SD alemás. Despois de 1945 a Interpol coordinou os servizos policiais dos países de Europa e outros continentes. En España fundouse en 1908 a garda de asalto. Durante o Franquismo a policía xudicial dependeu do poder executivo. Dividida en dúas xefaturas superiores e dúas delegacións especiais (Illes Balears e Canarias), a súa entidade fundamental estaba constituída pola comisaría, servida polo corpo xeral e por un destacamento da policía armada, ambos os dous corpos fundados en 1941. Coa restauración da democracia a policía armada pasou a denominarse policía nacional.

    2. s

      Axente que pertence a un dos distintos corpos de policía.

    3. policía autonómica

      Corpo policial civil, xerarquizado, cunha competencia e unhas funcións situadas teoricamente entre as da policía nacional e as da policía local. As comunidades autónomas creárona de acordo co establecido no artigo 149.29 da Constitución de 1978. En Galicia creouse en 1991 co nome de Policía Autonómica Galega mediante a adscrición dunha unidade da Policía Nacional á comunidade autónoma e ao servizo da Xunta de Galicia, segundo o previsto no artigo 27.25 do Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade. O financiamento depende do ministerio de Interior e da Xunta de Galicia. Da súa competencia é, entre outras, a vixilancia de edificios e sedes oficiais e a protección de autoridades e do patrimonio histórico. En Catalunya creáronse os Mossos d’esquadra e en Esukadi a Ertzaina. OBS: Adoita escribirse en maiúscula.

    4. policía local

      Corpo policial dependente dun concello, agás Barcelona e Madrid, onde se denominan Guàrdia Urbana e Policía Municipal, respectivamente. As súas funcións son a protección das autoridades locais, a custodia e vixilancia de bens, servizos e instalacións, a organización do tráfico urbano, a colaboración coas forzas e corpos de seguridade nacionais e coa policía autonómica cando sexa necesario, e a resolución de conflitos privados. Só poden actuar no ámbito do municipio, salvo en situacións de emerxencia e previo requirimento das autoridades competentes. OBS: Adoita escribirse en maiúscula.

    5. policía nacional

      Corpo nacional de policía creado coa súa estrutura actual en 1978 para protexer os dereitos e liberdades dos cidadáns e garantir a seguridade cidadá. Coa Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade, unificouse o Cuerpo de Policía Nacional e o Cuerpo Superior de Policía no Cuerpo Nacional de Policía. Das súas funcións no Estado destacan a expedición do Documento Nacional de Identidade e do pasaporte, e o control de entrada e saída do territorio nacional de españois e estranxeiros. Depende do ministerio de Interior. OBS: Adoita escribirse en maiúscula.

    6. policía secreta

      Policía nacional que non leva uniforme regulamentario pola confidencialidade do seu traballo.

    7. policía xudicial

      Conxunto de membros das forzas e corpos de seguridade que axudan aos xulgados, aos tribunais e ao ministerio fiscal a investigar e resolver os delitos e descubrir e custodiar os delincuentes.

  3. policía militar [DER/BÉL]

    Corpo dedicado ao mantemento da orde nos corpos do exército.