Pontedeva

Pontedeva


Concello da comarca de Terra de Celanova, situado ao S da Comunidade Autónoma de Galicia e no SO da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 09’ de latitude N e 8° 07’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Cortegada (comarca do Ribeiro), ao L co concello de Gomesende (comarca de Terra de Celanova), ao S co de Padrenda (comarca de Terra de Celanova) e ao O co concello de Padrenda e Crecente (comarca da Paradanta). Abrangue unha superficie de 9,9 km2, en que acolle unha poboación de 723 h (2007), distribuída nas parroquias de Pontedeva e Trado. A capital municipal está no lugar de Aldea de Deva, na parroquia de Pontedeva, localizada a 60 km da cidade de Ourense e a 146 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ribadavia.
Xeografía física
Pontedeva sitúase no bordo do río Deva, unha conca hidrográfica que deu lugar á formación dun amplo val que ocupa a maior parte do concello, formado por terras chás. Este sector caracterízase polo predominio de amplas terrazas e de pequenas elevacións, comprendidas entre os 100 e os 200 m de altitude. No límite co concello de Padrenda o relevo adquire un carácter máis irregular e abrupto, que ascende ata os 400 m no penedo do Monte. Climaticamente, o concello pertence ao dominio oceánico, aínda que nas temperaturas, pola súa posición meridional e interior, presenta trazos de continentalidade, cuns veráns calorosos e invernos fríos. A temperatura media anual é de 13°C, o mes máis frío é xaneiro con 6°C de media, o máis cálido, xullo, con 20°C, e cunha oscilación térmica que chega ata os 14°C. As precipitacións están ao redor dos 1.200 mm anuais, cun réxime pluviométrico que ten un máximo no inverno e un forte déficit hídrico no verán. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Deva e os seus afluentes. Por outro lado, o límite noroccidental constitúeno o río Miño, que fai de fronteira entre Ourense e Pontevedra. A vexetación natural é abundante. Os bosques mixtos de especies autóctonas e de repoboación, piñeiros e eucaliptos, esténdense polo territorio.
Xeografía humana
O concello de Pontedeva tiña ao comezo do s XX unha poboación de 1.296 h, que creceu na primeira década do século por unha forte natalidade compensada cunha inicial corrente emigratoria, aínda que freada pola dificultade para acceder ás principais vías de comunicación terrestres e marítimas e saír ao exterior. Este crecemento freouse na década de 1920, xa que a poboación de Pontedeva sufriu un pequeno retroceso, compensado nas décadas seguintes, que foron de crecemento. Esta dinámica demográfica mantívose ata 1950, cando se acadou o máximo poboacional histórico con 1.429 h, máis do dobre dos habitantes de comezos do s XXI. A segunda metade do s XX amosa un intenso proceso de despoboamento por mor da emigración, xa que o éxodo rural de adultos novos ás áreas urbanas e industrializadas, levou a un avellentamento. Cando a natalidade caeu en todo o país, o despoboamento intensificouse. Na derradeira década do s XX, reiniciouse un último proceso de éxodo rural que deu lugar á redución da poboación nunha quinta parte. A nova marcha de habitantes estivo favorecida polo desenvolvemento acadado polas vilas máis próximas de Celanova e Ribadavia. A cifra total de habitantes fai que Pontedeva sexa un dos concellos menos poboados de Galicia, sen embargo nos inicios do s XXI asistese a un aumento da poboación pois pasouse dos 679 h en 2001 aos 723 h recollidos no padrón de 2007 o que indica un aumento do 6,48%. Aínda así. En 2006 o crecemento natural foi de signo claramente negativo (-13,7‰), a taxa de natalidade sitúase nun 1,6‰, e a de mortalidade ascende ao 15,3‰. A poboación ata os 20 anos supón o 9,1% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 35%, o que amosa unha estrutura de poboación fortemente avellentada, o gruopo intermedio representa o 55,9%. A distribución por sexos amosa unha maioría de mulleres, que supoñen o 52,28% fronte ao 47,17% de homes. A capital do concello, Aldea de Deva é o lugar máis habitado. A elevada proporción de vivendas non habitadas reflicte o forte proceso de despoboamento.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pontedeve é do 34,7% (46,9% a masculina e 24,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,3% (43,8% a masculina e 22,6% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 6,9% (6,7% a masculina e 7,2% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector servizos que emprega ao 50,7% da poboación activa, seguido do secundario, no que un 15,3% traballa na industria e un 24,1% dedícase á construción, e por último o primario co 9,9%. As actividades económicas no propio concello redúcense ao sector primario, polo que a maior parte dos activos traballan fóra do termo. A elevada porcentaxe de persoas xubiladas dá lugar a que as pensións sexan o recurso familiar principal en moitos casos. A actividade agraria permanece en estruturas produtivas tradicionais, cunha superficie media das pequenas explotacións. A produción dedícase ao autoconsumo e, sobre todo, ao abastecemento dos mercados máis próximos de Ribadavia e Celanova. A gandaría non ten apenas importancia, agás unha granxa porcina modernizada (80 cabezas reprodutoras, 2005). Os traballadores da industria exercen fóra de Pontedeva, dado que no concello só existe algún serradoiro. Os da construción, actividade en expansión, forman parte de pequenas empresas que desenvolven a súa actividade pola comarca. Agás os comercios máis básicos e os servizos de primeira instancia, non hai representación no concello deste sector. A cabeceira comarcal, Celanova, e a vila de Ribadavia, atenden as demandas dos habitantes e é precisamente nelas onde se empregan a maior parte dos residentes de Pontedeva ocupados neste sector. A principal vía de comunicación é a estrada local OU-410.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados pertencen á époxa castrexa, con castros como o Valiño en Trado e A Senra en Pontedeva. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Pontedeva pertenceron á xurisdición de Milmanda, señorío do marqués de Malpica. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creouse o concello de Pontedeva. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se creou o concello de Pontedeva.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de San Breixo de Pontedeva e San Paio de Trado, as capelas de Xinzo de Deva en Pontedeva e a da Madanela en Freáns de Deva, ambas as dúas en Pontedeva, e a ermida de San Xusto en Trado. Da arquitectura civil hai que sinalar a ponte sobre o río Deva que dá nome ao concello. Das festas que se celebran salientan as relixiosas en honor de San Breixo o 25 de xuño, a de San Bertomeu o 24 de agosto en Pontedeva, e a de Santa Lucía o 13 de decembro en Trado.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Celanova
Extensión 9 Km2
Poboación Total 723 h
Poboación Homes 345 h
Poboación Mulleres 378 h
Densidade de poboación 80.33 h/Km2

Parroquias

Pontedeva
Trado
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias