Pontes de García Rodríguez, As

Pontes de García Rodríguez, As


Concello da comarca do Eume, situado no NO da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 3° 27’ de latitude N e 7° 51’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Mañón e Ortigueira (comarca de Ortegal), ao L con Muras e Xermade (comarca de Terra Chá), ao S con Xermade (comarca de Terra Chá) e Monfero (comarca do Eume), e ao O coa Capela (comarca do Eume) e San Sadurniño e As Somozas (os dous da comarca de Ferrol). Abrangue unha superficie de 249,4 km2, en que acolle unha poboación de 11.531 h (2007), distribuída nas parroquias do Aparral, Bermui, O Deveso, Espiñaredo, A Faeira, O Freixo, Goente, As Pontes de García Rodríguez, Ribadeume, San Pedro de Eume, Seoane, Somede e Vilavella. A capital está na vila das Pontes de García Rodríguez, localizada a 121 km de Santiago de Compostela e a 76 km da Coruña. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
O relevo das Pontes pode estruturarse en catro sectores: as serras setentrionais, a pequena superficie de erosión, a depresión das Pontes e o val do curso medio do Eume. Cara ao N están os contrafortes máis occidentais das serras setentrionais galegas, con altitudes entre os 500 e os 800 m, e que se ramifican a partir do monte Caxado (756 m) en tres aliñacións montañosas: cara ao L o monte Bustelo (676 m), que segue unha dirección O-L e que entronca coas montañas, xa lucenses, de Muras; cara ao N, cunha dirección S-N, está a serra da Faladoira; e cara ao SO, o monte da Pena dos Ladróns, cun marcado carácter residual. Polo S, a depresión das Pontes está pechada por unha pequena superficie de erosión, que a separa do curso medio do Eume e que acada o seu máximo desenvolvemento no SO do concello, con altitudes medias ao redor dos 500-550 m, prolongación cara ao SO do pequeno macizo de Carballeira (656 m), contraforte occidental á súa vez da lucense serra da Cabra. Das unidades antes sinaladas disponse a depresión das Pontes, unha pequena cubeta orientada de NO a SL, rica en lignitos, parcialmente percorrida polo río Eume e cunha altitude ao redor dos 450 m. Por último, a franxa S do concello coincide co curso medio do río Eume que, tras atravesar a depresión das Pontes, encáixase lixeiramente, xa que o seu curso está ao redor dos 400-450 m e as terras circundantes por riba dos 500 m. O concello está situado na transición entre os dominios climáticos oceánico húmido e o oceánico de transición. O seu territorio está ocupado por unha depresión, o que dota ao seu clima de certa continentalidade e o diferencia das terras litorais próximas. A temperatura media anual é de 11,7°C; a media de xaneiro é de 6,6°C e a de agosto de 17,3°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 20,2°C. A precipitación anual media é de 1.684 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival, xa que o 40% de precipitación se recolle en inverno, fronte ao 10% do verán, mentres que a primavera co 23% e o outono co 27% presentan valores intermedios. A rede hidrógrafica organízase ao redor do río Eume, que atravesa o concello en dirección NL-SO, e dos seus afluentes como o Maciñeira. A pobreza vexetal é a principal característica; a exposición aos fortes ventos das terras máis altas limitou a vexetación arbórea de xeito patente, xa que predomina o mato e os pastos naturais, aproveitados por mandas de cabalos en semiliberdade; por outra parte, no fondo da depresión a masiva desforestación de notables extensións esterilizou grandes espazos.
Xeografía humana
A poboación creceu extraordinariamente ao longo do s XX, de tal xeito que a comezos do s XXI superaba nun 73,32% á de 1900. A progresión demográfica deste concello non foi lineal, pois o máximo demográfico corresponde a 1991. Entre 1900 e 1910 o século arrancou cun moderado crecemento, da orde do 0,64% interanual, que se viu parcialmente compensado polo retroceso seguido entre 1910 e 1920 (-0,43% interanual). A partir dese momento sufriu un prolongado crecemento ata 1960, etapa que se pode subdividir en dúas fases: unha primeira de incremento moderado (entre 1920 e 1940 segue unha taxa de crecemento interanual do 0,50%) e unha segunda de crecemento máis rápido (entre 1940 e 1960 creceu un 2,01% interanual). Na década de 1960 produciuse unha notable regresión, que levou a reducir a poboación segundo unha taxa interanual do -0,97%. Entre 1970 e 1991 produciuse un segundo momento expansivo, en que se incrementaron os efectivos demográficos nun 1,67%. Finalmente, o s XX rematou cunha crise demográfica, xa que entre 1991 e 2001 perdeu un 0,85% interanual. Entre 2001 e 2007 a perda de poboación cifrouse no 4,67%. A evolución demográfica é o resultado da convivencia dunha prolongada etapa en que se mantivo como un territorio predominantemente agrario, aínda que beneficiado por certas iniciativas industriais e comerciais de grupos empresariais, xunto coas consecuencias da masiva emigración da década de 1960, situación que cambiou na década de 1970 como consecuencia da explotación dos xacementos de lignito da depresión das Pontes e a construción da central termoeléctrica de ENDESA. As necesidades de man de obra levaron á vila a un gran número de inmigrantes nun breve período de tempo, o que fixo depender ao concello dunha única empresa, e co agotamento progresivo do lignito da conca das Pontes iniciouse un proceso que explica a conxuntura demográfica deste territorio. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-3,5‰) a causa dunha baixa natalidade (5‰) e unha mortalidade moderada (8,5‰). A estrutura por idades mostra unha poboación que se vai achegando ao envellecemento pois os menores de 20 anos representan o 13% da poboación, mentres os de máis de 65 anos supoñen o 18,1%; o grupo intermedio representa o 68,9%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,1% de mulleres e 49,9% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello das Pontes de García Rodríguez é do 44,6% (56,8% a masculina e 32,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,4% (51,7% a masculina e 25,1% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 13,9% (8,8% a masculina e 22,7% a feminina). O sector primario apenas posúe relevancia e dá traballo ao 5,5% da man de obra. A superficie cultivada representa o 8,38% do territorio, unha escasa superficie en que incide a grande extensión de terreo que ocupa a mina de lignito de ENDESA. Destacan os cultivos forraxeiros, a pataca e o trigo. As superficies destinadas a prados e pastos ocupan o 11,70% do territorio, onde pacen as vacas destinadas á produción de carne na súa maioría. A industria é, co 37,2%, o principal motor da economía, aínda que depende en gran medida da actividade dunha única empresa que conta cunha gran mina destinada á extracción de lignitos que, conxuntamente con carbóns doutras procedencias, procesa na central termoeléctrica das Pontes, inaugurada en 1972 como parte dun plan de ENDESA para incrementar a súa capacidade de xeración de electricidade. O proceso de reestruturación por mor do esgotamento do xacemento das Pontes, contempla un plan de reindustrialización e diversificación industrial que atenúa os efectos do peche do xacemento. O proceso de diversificación fabril alumeou novas empresas, como industrias do sector químico, industrias da madeira, lácteas e metalúrxicas. A construción acada o 12,8% da man de obra, sector en que destacan empresas non só da promoción inmobiliaria, senón tamén da obra civil. Os servizos acadan o 44,5% do emprego e destacan as actividades vinculadas á distribución e ao transporte, xa que as comerciais e de prestación de servizos de carácter central son débiles pola escasa capacidade de atracción máis alá do seu concello. As principais vías de comunicación son a estrada AC-641, de Lugo a Ferrol, e as de carácter comarcal que enlazan a capital municipal coa Capela e Ortigueira.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados pertencen ao megalitismo, entre outras, as mámoas do Pontoibo, Marraxón, A Mourela e Vilavella, onde tamén se atopou un vaso campaniforme, así como grandes concentracións de enterramentos megalíticos na depresión das Pontes. A continuidade do poboamento testemuñouse coa presenza de castros como os de Bermui e Rebardille na Faeira, Ribadeume e Vilavella, onde se atopou un torque de ouro, e a súa posterior romanización. De época romana localizáronse aras votivas e enterramentos paleocristiáns na ermida de Santa Baia e na de San Vicente no Pontoibo. En 1376, Enrique II de Castela concedeulle o señorío do concello ao cabaleiro García Rodríguez de Varcárcel, que construíu unha fortaleza xa desaparecida. Desde entón o nome da vila quedou vinculado ao deste cabaleiro. Tamén foi nesta época cando se construíu a ponte sobre o Eume que deu orixe á vila das Pontes. Durante o medievo exerceron o seu poder sobre o territorio os Andrade que dominaron estas terras desde Pontedeume, e logo os condes de Lemos. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o concello das Pontes de García Rodríguez pertenceron ás xurisdicións das Pontes de García Rodríguez, señorío do conde de Lemos; Caaveiro, xurisdición de reguengo; e Vilalba, señorío do conde de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e configurouse o concello das Pontes de García Rodríguez, que veu incrementar o seu territorio na década de 1980 cando incorporou as parroquias máis orientais do concello da Capela.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa parroquial de Santa María das Pontes de García Rodríguez (s XVI), o castelo de García Rodríguez (BIC, 1994) e as pontes medievais situadas no barrio da Ponte. Do seu patrimonio natural destacan os espazos de Ortigueira-Mera, as Fragas do Eume, Serra do Xistral e Xubia-Castro, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello destacan as da Virxe do Carme o 16 de xullo, a romaría da Fraga o 25 de xullo e a feira do Grelo o domingo de Entroido.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Eume
Extensión 249 Km2
Poboación Total 11531 h
Poboación Homes 5754 h
Poboación Mulleres 5777 h
Densidade de poboación 46.31 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias