Pontevedra Club de Fútbol
Club de fútbol fundado en Pontevedra o 16 de outubro de 1941. Xoga os seus partidos como local no estadio de Pasarón e viste camiseta e medias granates con pantalón azul. A historia do club iniciouse no campo da Xunqueira, á beira do Lérez, onde xogou o equipo do Spórting, en que militaron xogadores como Eduardo Novoa e Luís Otero. Co tempo, o Spórting trasladouse a Campolongo, un campo que alternou co equipo do Deportivo, en que xogou outro ilustre, Pasarín. Da fusión de ambos os dous equipos xurdiu o Atlético Pontevedra, primeiro equipo que principiou a xogar no estadio de Pasarón. Nesta etapa tamén xurdiron os equipos do Eiriña e do Alfonso CF, que competiron co Atlético Pontevedra en campionatos rexionais. En 1941, tras a desaparición do Atlético Pontevedra, fusionáronse o Alfonso CF e o Eiriña e xurdiu o Pontevedra CF. Despois de moitos anos militando na 3ª división, na tempada 1959-1960 conseguiu o ascenso a 2ª, e na tempada 1962-1963 logrou xogar en 1ª, éxito que volveu acadar na tempada 1965-1966, en que obtivo o sétimo posto. Este período de bonanza deportiva chegou ata a tempada 1970-1971, en que novamente descendeu a 2ª. A partir deses anos militou alternativamente en 2ª A e 2ª B.