porco -ca
(< lat porcu)
-
[ANIMAL]
-
s
Mamífero doméstico artiodáctilo, duns 75 cm de altura e 1 m de longo, coas orellas grandes e gachas, fociño chato con dúas grandes aberturas nasais e unha dentición con cabeiros pouco desenvolvidos. A súa pel está pouco recuberta de pelo, soamente algunhas sedas, e de tonalidades desde o rosado ata o negro, pasando incluso por tons amarelentos, e tamén se dan casos de porcos con manchas escuras. O tronco é bastante alongado, coas patas curtas con pezuños de dúas dedas e unha protuberancia atrás, vestixio das outras dedas, perdidas durante a evolución. Tamén é curiosa a forma enroscada do rabo. O seu sistema dixestivo é moi similar ao do home, xa que comparten o mesmo tipo de alimentación omnívora. As femias teñen o celo cada tres ou catro semanas e dura arredor de 35 horas. A xestación dura catro meses e paren de seis a doce bácoros. Os porcos domésticos actuais derivan de tres formas prehistóricas: o Sus vitalus, que deu lugar aos porcos de tipo asiático; o Sus mediterraneus, aos de tipo ibérico; e o Sus scrofaferus, aos de tipo céltico, entre elas a raza galega celta. A súa explotación pode ser tradicional ou industrial. Na primeira os porcos están nos cortellos que hai nas casas e son alimentados coas sobras e desperdicios das comidas, grans, verzas, landras, millo e en moi poucos casos con pensos compostos. A súa cría está destinada ao consumo propio e á venda nas feiras. A explotación industrial comezou na década de 1960 promovida polas fábricas de pensos que subministraron aos gandeiros os animais, os pensos, a asistencia sanitaria, a técnica e ata a compra dos animais producidos. Os porcos viven en granxas acondicionadas e aliméntanse fundamentalmente de pensos. Nun principio implantáronse dous tipos de granxas, as de reprodución e as de engorde, pero acabaron por ser substituídas polas de ciclo completo xa que aumentaban a rendibilidade. O sistema de explotación industrial está desprazando ao tradicional. No proceso de reprodución é de grande importancia escoller o mellor semental ou verrón. En Galicia, o maior número de explotacións industriais para a produción concéntrase no NL, mentres que as explotacións para a ceba están no SO. Nas explotacións familiares, tamén se concentra no NL o maior número de explotacións para a produción, pero no caso da ceba están no NO. O home criou o porco desde a antigüidade para aproveitar a súa carne e graxa. Entre as carnes de primeira están o xamón, o raxo e o solombo. Outras de menor calidade son o lacón, o costelar, os pezuños e a cacheira. É unha das carnes de referencia na preparación de pratos típicos da gastronomía galega como o lacón con grelos ou o cocido; tamén se emprega na preparación de embutidos como o chourizo ou o xamón curado. En Galicia existe unha tradición moi asentada, pero non exclusiva, que se celebra desde finais do mes de novembro e durante todo decembro: a matanza do porco.
-
s
m
Carne dese animal.
-
porco bravo
xabaril.
-
porco celta
Raza de porcos, autóctona de Galicia, de gran tamaño e dolicocéfalos, co corpo longo e alto, dorso arqueado, cabeza de gran tamaño, forte e alongada, con orellas longas e gachas, que lle chegan a tapar os ollos, e fociño ancho e gordo, membros alongados, ben formados e fortes con pezuños sen pigmentación, pel grosa con numerosas sedas longas e fortes e rabo longo. Posúen un sistema óseo e muscular moi desenvolvido, sobre todo o terzo anterior, o que os fai aptos para a marcha e percorrer grandes distancias. Son porcos que producen pouca graxa e moita carne. Esta raza existía tradicionalmente en todo o N peninsular; en Galicia foi a máis importante ata comezos de século, pero debido ao desenvolvemento da produción industrial, á introdución de razas de maior rendemento e aos cruzamentos con estas case chega a desaparecer. Existen tres variedades que só se diferencian pola pigmentación da pel e polo lugar de orixe: a variedade santiaguesa ten a pel rosada e ausencia de pigmentacións; a variedade barcina, rexistrada fundamentalmente no S das provincias de Lugo e da Coruña e en toda a provincia de Ourense, ten pequenas pigmentacións de tonalidade da lousa; e a variedade carballina, rexistrada en Carballo e nas zonas limítrofes da provincia da Coruña, presenta extensas manchas negras brillantes que poden chegar a cubrir todo o corpo. Debido ao seu interese xenético, social, cultural, ambiental e económico, aprobouse a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta (2000).
-
porco ibérico
Raza porcina, autóctona da Península Ibérica, de patas finas, longas e resistentes, fociño aguzado, pelo débil e escaso, e coloración escura da pel. Presenta a facultade de almacenar grandes depósitos de lípidos insaturados e infiltralos nas masas musculares, o que lle proporciona a textura e sabor característicos da súa carne. O seu desenvolvemento é lento e existen distintas variedades (a negra, a retinto, a rubia ou cana e a manchada ou Jabugo), que se diferencian fundamentalmente na pelaxe. A cría realízase en liberdade e distínguense dúas fases: unha de preparación, que ten unha duración de 15 a 21 meses, e outra de engorde ou montanera. Aliméntase de herbas, sementes e grans na primeira fase e fundamentalmente de landras na segunda. Vive nas devesas de aciñeiras e sobreiras. Habita fundamentalmente zonas occidentais e suroccidentais da Península Ibérica. Ten a súa orixe no prehistórico xabaril mediterráneo (Sus mediterraneus), froito do cruzamento con outros porcos procedentes do xabaril europeo, que chegaron á Península a través das correntes migratorias desde o N de Europa. Desta raza saen produtos como o lombo, a paleta ou o xamón ibérico.
-
s
-
adx e s
porcallán.
-
adx e s
Que ou quen se comporta de xeito desprezable e sen escrúpulos.
-
porco espiño
[ANIMAL]
ourizo cacho.
-
porco teixo
[ANIMAL]
teixugo.
Refráns
- . Se non matas porco,:non terás entrecosto.
- A porca de maio vale máis non comezos que no cabo.
- Á porca parida non lle deas fariña.
- Abo porco, boa landra.
- Ben boa vida pasa o porco, e mais dorme no cortello.
- Carne de porco touciño é.
- Ceba o porco dende agosto, se queres que estea gordo.
- Ceba o teu porco dende o mes de agosto, se queres que teña bo lombo.,
- Ceba o teu porco polo agosto, se queres ter bo porco.
- Comerás do porco e mudarás de acordo.
- Comerás do porco e xa verás como mudas de acordo.
- Comerciante e porco, despois de morto.
- Dálle ao porco do caldeiro e non do Ribeiro.
- Día de santo Tomé ao porco polo pe.
- Entrecostos e soás son honra das mesas e ósos para os cáns.
- Non ten entrecosto o que non mata porco.
- Ó porco dálle de comer, se o has de manter.
- O porco débelo manter, se ti o has comer.
- O porco no agosto pon o entrecosto.
- Ó porco, manteno e non lle cónte-Io tempo.
- O que non mata porco non dá morcilla nin entrecosto.
- O que non mata un porquiño non ten lacón nin touciño.
- Polo san Andrés colle o porco pes.
- Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.
- Polo san Andrés mata o teu porco como é.
- Polo san Andrés mata o teu porco como o tes.
- Polo san Lucas mata o teu porco e barra a túa _ cuba / as túas cubas.
- Polo san Tomé colle o porco polo pe.
- Polo san Tomé dálle ao porco polo pe.
- Polo san Tomé, agarra o porco polo pe.
- Por san Andrés agarra o porco polos pes e, se non o queres matar, déixao para Navidá.
- Porco de febreiro vai co seu pai ao fumeiro.
- Porco fiado ronca todo o ano.
- Porco fiado, inverno e verán malo.
- Porco que está sen cebar non se debe matar.
- Porco que se está cebando, non hai san Antón que poida gardalo.
- Quen soilo ten un porco faino gordo.
- Tarde ou cedo van os porcos ao cortello.
- Teña eu porcos, anque non teña ollos.
- Un porco é unha botica.
- ¡Alegría, alegrote: que anda o rabo do porco no pote!