Porriño, O

Porriño, O


Concello da comarca de Vigo, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 09’ 70” de latitude N e 8° 37’ 30” de lonxitude O. Limita ao N con Mos (comarca de Vigo), ao L con Ponteareas (comarca do Condado) e Salceda de Caselas (comarca de Vigo), ao S con Salceda de Caselas (comarca de Vigo) e Tui (comarca do Baixo Miño), e ao O con Gondomar, Mos e Vigo (os tres na comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 61,2 km 2 , en que acolle unha poboación de 16.745 h (2007), distribuída nas parroquias de Atios, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, O Porriño, San Salvador de Budiño e Torneiros. A capital esta na vila do Porriño, na parroquia homónima, a 83 km de Santiago de Compostela e a 29 km de Pontevedra. Está adscrito, á diocese de Vigo-Tui e ao partido xudicial de Vigo.
Xeografía física
O seu relevo caracterízase polo forte contraste entre as terras chás do centro do concello, situado en plena Depresión Meridiana, e as serras que a delimitan polo L e O, exemplificando a convivencia entre bloques erguidos e afundidos como consecuencia das repercusións da oroxenia alpina sobre o macizo paleozoico. Os materiais dominantes son granitos nas serras e sedimentos terciarios e cuaternarios no fondo da depresión. A configuración orográfica diferencia tres franxas lonxitudinais. A franxa occidental coincide coa serra do Galiñeiro e ten altitudes comprendidas entre os 400 e 600 m e unha dirección N-S, que separa a Depresión Meridiana do val do río Miñor. No centro sitúase a Depresión Meridiana, cuberta totalmente por capas horizontais de sedimentos aluviais, cunha altitude media duns 30-70 m, onde predomina a sensación de planitude. Ao L, sitúase a serra de San Cibrán (431 m), de dirección tamén meridiana, altitudes comprendidas entre os 200 e 400 m, que separa a Depresión Meridiana do val do río Tea. Está situado en pleno dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Sitúase na confluencia entre a Depresión Meridiana e o Baixo Miño, cunhas condicións climáticas caracterizadas polas fortes precipitacións en outono e inverno, así como unhas temperaturas moi suaves e un verán con aridez estival. A temperatura media anual é de 14°C, cunha media en xaneiro de 7,6°C e de 19,9°C en xullo, e unha amplitude térmica extrema que acada os 23°C. A precipitación anual media é de 1.715 mm, cunha distribución estacional que recolle o 36% das precipitacións en inverno e o 7% en verán, polo que o valor medio de primavera é 28% e do outono 29%. Hidrograficamente, pertence á conca do Baixo Miño, atravesado de N a S polo río Louro, que aproveita as terras baixas da Depresión Meridiana e recibe numerosos regos de escasa entidade que drenan as serras que delimitan a depresión. Destacan as áreas lacustres, concretamente as lagoas das Gándaras de Budiño, espazo rico en fauna avícola e fluvial, ameazado pola actividade industrial do polígono das Gándaras. A vexetación natural está en retroceso, debido á forte acción antrópica, coa crecente urbanización dos espazos da Depresión Meridiana e as numerosas canteiras de granito que aparecen dispersas polas zonas máis altas.
Xeografía humana
A evolución da poboación está en constante crecemento, en especial desde 1930: en 2001 os datos da poboación duplicáronse respecto a 1900. A evolución demográfica recente iniciouse cun suave crecemento entre 1900 e 1910, incrementando os seus efectivos nun 0,37% interanual. Entre 1910 e 1920 viviu unha etapa de estancamento, perdendo poboación nun -0,12%. Entre 1920 e 1930 creceu de novo, pero cun aumento moderado do 0,45% interanual. Entre 1930 e 1950 viviu a primeira fase de notable incremento poboacional, cun aumento do número de residentes dun 1% interanual. Entre 1960 e 1970 perdeuse poboación (-0,20% interanual), pero a partir de 1970 comezou a forte expansión demográfica, en especial entre 1970 e 1981 cando a poboación se incrementou un 3,46% interanual e un 0,45% entre 1981 e 2001. Entre 2001 e 2007 o crecemento foi do 4,91%. Esta evolución tan positiva debeuse á consolidación do Porriño como polo industrial de desconxestión de Vigo, en especial desde 1960 cando se iniciou a construción do polígono industrial. En 2006 o crecemento natural foi positivo (2,8‰) cunha natalidade relativamente alta (9‰) e unha mortalidade inferior (6,2‰). A poboación é moi nova, os menores de 20 anos representan o 19,9% e os de máis de 65 anos o 14,2%; o grupo intermedio representa o 65,9%. Por sexos predominan as mulleres (51,02% fronte ao 48,97% de homes).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Porriño é do 56,7% (72,9% a masculina e 41,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,4% (66,5% a masculina e 33,9% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 12,9% (8,9% a masculina e1 9,2% a feminina). A agricultura só dá traballo ao 1,3% da man de obra. A superficie cultivada representa o 20,39% do territorio, ocupada por millo, o viñedo e a pataca. Ás actividades pesqueiras dedícanse o 0,8% dos ocupados. A industria é, co 39,2% do emprego, o principal motor da economía, convertendo o concello nun dos máis importantes espazos de expansión da industria viguesa (polígonos industriais das Gándaras e da Granxa). Neles sitúanse numerosas industrias entre as que destacan as cárnicas, as vinculadas á automoción, as de produtos derivados da pesca, farmacéuticas, químicas, de materiais de construción, de madeira ou de transformados metálicos. O Porriño é rico en recursos mineiros, en especial de rochas ornamentais, onde existen numerosas empresas dedicadas á extracción e á primeira transformación do granito. A construción ocupa o 11,7% da man de obra. Os servizos ocupan o 47,1%, fundamentalmente en actividades con proxección no S de Galicia, como comerciantes por xunto, concesionarios e talleres de reparación ou transportistas. O comercio polo miúdo conta cun equipamento relativamente modesto pois sofre a competencia do comercio asentado na cidade olívica. As principais vías de comunicación son as autovías A-52, de Vigo a Benavente, e A-55, de Porriño a Tui. Outras estradas destacadas son a N-120, de Logroño a Vigo, a N-550, da Coruña a Tui, e a que comunica O Porriño coa Ramallosa. O concello está atravesado pola vía férrea Vigo-Monforte de Lemos, con estación na vila e ramais secundarios para dar servizo ás empresas dos polígonos industriais.
Historia
A antigüidade do poboamento móstrase nos restos arqueolóxicos conservados como o xacemento paleolítico das Gándaras do Budiño (BIC, 1997) e o gravado rupestre do Monte Castelo (BIC, 1975). Durante a romanización gozou dunha privilexiada situación como centro de comunicación, ao ser atravesado pola vía romana que ía de Tui a Redondela. Durante os asentamentos suevo e visigodo, produciuse unha consolidación do réxime señorial que derivou na construción de castelos, como os de Miravel (Cans) ou o de Orbenlle (San Salvador de Budiño), posteriormente desaparecidos. Con todo o poder eclesiástico foi en aumento durante a Baixa Idade Media, como puxo de manifesto a doazón de Afonso VII ao mosteiro de San Miguel de Canales (Cans). No Porriño asentáronse importantes familias nobiliarias, que contaron con casas fortes en distintas parroquias do concello como Cans ou Mosende. Durante o s XVII sufriu as incursións portuguesas, ao mando do conde de Prado. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións de Budiño, rexida polos veciños, e Porriño, señorío do conde de Salvaterra. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos do Porriño e Mosende. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se constituíu o concello, que mantivo a partir de entón unha evolución económica e social en consonancia coa da cidade de Vigo. De grande importancia foi o trazado da vía férrea, a mediados do s XIX, que permitiu a conexión con Vigo e co resto de España, e a construción do polígono das Gándaras, na década de 1960, grazas á creación do Polo de Desenvolvemento de Vigo, fomentando o papel do Porriño como un dos centros industriais máis representativos do S de Galicia.
Patrimonio cultural
Ademais dos vestixios arqueolóxicos mencionados tamén se atoparon restos de cerámica campaniforme e da cultura castrexa, no monte Faro, no lugar polo que transcorreu a antiga vía romana. Na vila do Porriño destacan a casa do concello (1921-1924), a Botica Nova (1909-1912), a Fonte do Cristo (1904) e o Pavillón do Metropolitano, obras todas elas de Antonio Palacios, ademais da igrexa parroquial de Santa María, as capelas do Cristo, San Sebastián e San Bieito, o cruceiro do Cristo dos Sachos e o Parque Gonzalo Ordóñez. O Museo dos Minerais, inaugurado en 1997, mostra unha colección de minerais procedentes dos cinco continentes. Destacan tamén as igrexas de San Salvador de Budiño, románica, e de Santo Estevo de Cans e Santiago de Pontellas, ambas de estilo barroco, así como o pazo de Budiño. Do patrimonio natural destaca o espazo das Gándaras de Budiño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Ademais da festa patronal do Cristo no Porriño, destacan as romarías populares da Risca, da Festa dos Callos ou da Feira dos Cogomelos.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Vigo
Extensión 61 Km2
Poboación Total 16745 h
Poboación Homes 8201 h
Poboación Mulleres 8544 h
Densidade de poboación 274.51 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias