portaavións
(< porta- + avión)
Barco de guerra de superficie, especialmente concibido e construído para o transporte, lanzamento e recollida de avións de guerra. A parte superior do casco é unha cuberta que sobresae por babor e estribor, e pola proa e pola popa, sen case obstáculo na superficie, de xeito que constitúe unha pista de lanzamento e de aterraxe dos avións, que, á súa vez, están no interior do casco nun enorme hangar, do que son subidos mediante montacargas. O primeiro voo da historia desde unha plataforma instalada nun barco foi o do piloto norteamericano E. Ely, que en 1910 iniciou o voo cun biplano desde o cruceiro Birmingham, e a primeira aterraxe nunha pista deste tipo conseguiuna o mesmo piloto no buque Pennsylvania, en 1911. O primeiro portaavións propiamente dito foi o Hermes, que saíu ao mar en 1924 con vinte avións. O maior portaavións do mundo é o estadounidense Enterprise, propulsado con enerxía atómica e botado en 1960, con capacidade para transportar 100 avións e unha dotación de 4.500 homes.