Portas

Portas


Concello da comarca de Caldas, situado na provincia de Pontevedra ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao O da provincia de Pontevedra, a 42° 34’ de latitude N e 8° 39’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Caldas de Reis (comarca de Caldas), ao L con Caldas de Reis e Moraña (comarca de Caldas), ao S con Meis (comarca do Salnés) e Barro (comarca de Pontevedra), e ao O con Meis, Vilanova de Arousa (ambos os dous na comarca do Salnés) e Caldas de Reis (comarca de Caldas). Abrangue unha superficie de 22,6 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.129 h (2007) distribuída nas parroquias de Briallos, Lantaño, Portas e Romai. A capital do concello é o lugar de Currás, a 22 km da cidade de Pontevedra e a 40 km de Santiago de Compostela. Está adscrito, á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Caldas de Reis.
Xeografía física
Sitúase entre o val do Salnés e as serras prelitorais onde forma parte dunha ampla depresión topográfica. Morfoloxicamente presenta un relevo lixeiramente ondulado, con pequenos montes e outeiros intercalados na chaira predominante. A altitude media é baixa, as elevacións máis importantes non superan os 200 m de altitude. Constitúe unha pequena extensión de terreo que forma parte do val do Umia. Climaticamente, pertence ao dominio oceánico, con temperaturas moderadas durante todo o ano. A temperatura media anual é de 14,6°C, cunha media no mes máis frío, xaneiro, de 7,9°C, e nos máis quentes, xullo e agosto, de 19°C. A oscilación térmica é de 11,1°C; é unha leve variación debida aos suaves invernos e aos temperados veráns producida pola influencia do Océano Atlántico. As precipitacións son elevadas, 1.811 mm anuais, debido á proximidade do océano e á influencia dos ventos húmidos do mar. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, un 36,27%, e un mínimo con déficit hídrico no verán, un 9,71% das precipitacións totais. O Umia é o seu principal río, que serve de límite natural con Caldas de Reis e Vilanova de Arousa. Nel conflúen ríos e arroios, como o Louriño, o Chaín e o Barosa, que atravesan o territorio, formando cos seus vales e divisorias a sucesión de planicies e outeiros que caracterizan o relevo de Portas. A ocupación humana é moi intensa e reduciu a proporción de territorio con vexetación natural. Con todo, destacan as frondosas ribeiras dos ríos e a presenza de bosques con especies de repoboación, como piñeiros e eucaliptos
Xeografía humana
Ao comezo do s XX contaba cunha poboación de 2.675 h. A transición do ciclo demográfico antigo ao moderno produciuse no primeiro cuarto do s XX, onde o descenso da mortalidade e o mantemento da natalidade deu lugar a un crecemento demográfico a pesar da emigración. No censo de 1940 acadouse o máximo poboacional histórico con 3.721 h. Durante o terceiro cuarto do s XX, a cifra estabilizouse nun total un pouco inferior. Foron anos de forte crecemento natural e de éxodo rural, pero con dinámicas equilibradas que compensaron ambos os dous movementos. A partir de 1970 a poboación entrou nunha fase de descenso, debido principalmente á caída da natalidade -a emigración incluso se reduciu nas últimas décadas grazas á expansión económica do concello e, sobre todo, á posibilidade de manter a vivenda familiar mentres se traballa nunha das vilas pontevedresas próximas. As cifras do crecemento natural reflicten este proceso de descenso situándose nun -4,06‰. En 2001 contaba con 3.205 h e no padrón de 2007 a cifra descendeu a 3.129 h. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-3‰) pois a taxa de natalidade acada un 7,2‰ e a de mortalidade mantense nun 10,2‰. A poboación ata os 20 anos supón soamente o 16,4% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 25,1%; o grupo intermedio representa o 58,5%. A distribución da poboación por sexos amosa unha maioría a prol das mulleres, o 52,63% fronte ao 47,36% de homes, explicada polo proceso de avellentamento e pola maior lonxevidade das mulleres. A poboación aparece repartida por todo o territorio. Predomina a vivenda familiar a consecuencia da forte densidade de poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Portas é do 47% (63,5% a masculina e 33% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,9% (59,1% a masculin e 29,2% a feminina) e a taxa de paro sitúase no sitúase no co 8,7% (6,9% a masculina e 11,7% a feminina). A maior parte destes empregos, así como a propia economía de Portas, apóianse nas actividades extralocais. Os desprazamentos laborais diarios a outros concellos da súa contorna son elevados. A maioría das persoas con ocupación principal na construción, (24,8%) na industria (19,3%)e nos servizos(45,1%) traballan na área delimitada entre a cabeceira comarcal de Caldas de Reis e as cidades de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. No concello, a actividade transformadora redúcese a pequenos talleres e algunha empresa da industria do moble e mecánicas, así como algunha da construción. Así, Portas mantense como espazo de residencia e de actividades agropecuarias (11,8%), acotío a tempo parcial. Neste sector primario destacan os cultivos de horta e o viñedo. Debido á orientación do seu modelo económico, aínda non se chegou a formar un perceptible centro local onde realizar as funcións propias de núcleo urbano. Só o comercio máis frecuente, os servizos máis inmediatos e as bases administrativas inherentes á titularidade municipal teñen radicación local. Os servizos de maior rango atópanse na cabeceira comarcal, Caldas de Reis, en Vilagarcía de Arousa e en Pontevedra. As vías de comunicación que atravesan o concello son a AP-9 e estradas locais, que o comunican coa intensa rede de vías do litoral pontevedrés. Conta ademais cunha estación de ferrocarril da liña Vigo-A Coruña.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos que se conservan son da Idade de Bronce, da que se atopou unha machada en Lantaño. Da época castrexa hai que destacar o castro situado en Rial (Lantaño). Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello de Portas pertenceron ás xurisdicións de Peñaflor, señorío do conde de Graxal, e Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creouse entón o concello de Trasumia, que comprendía tamén o actual concello de Barro. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se constituíu o concello de Portas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan, entre outras, as igrexas parroquiais de San Cristovo de Briallos, San Pedro de Lantaño, Santa María de Portas e San Xián de Romai, así como a capela de San Bieito en Lantaño e a de San Xián en Portas. Sobresaen tamén a casa priorado de Briallos, a casa reitoral de Portas e diferentes pazos, como o de Losada (s XV) en Lantaño, o da Peroxa e o de Souto de Poio en Portas, ou o de Torre Penelas en Lantaño. Das festas que se celebran no concello destacan a romaría de San Bieito o 21 de marzo en Lantaño, a festa en honor do xeógrafo Domingo Fontán Rodríguez o 17 de abril, a Festa da Terceira Idade o 12 de outubro en Portas e a festa da Virxe do Carme e a do Viño Roxo en Romai en xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Caldas
Extensión 22 Km2
Poboación Total 3129 h
Poboación Homes 1482 h
Poboación Mulleres 1647 h
Densidade de poboación 142.23 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias