Portomarín, San Xoán de

Portomarín, San Xoán de

ou San Nicolao de Portomarín Igrexa parroquial situada en Portomarín. Pertenceu ao antigo mosteiro de san Xoán, que pertenceu aos cabaleiros de Santiago e despois aos de San Xoán de Xerusalén. En 1963 trasladouse, xunto coa vila, á súa localización actual seguindo un proxecto do arquitecto F. Pons-Sorolla. Construíuse ao longo do s XII. Trátase dunha igrexa-fortaleza con ameas no seu exterior polas que circulaba un camiño de ronda. Ten unha soa nave de planta rectangular, cuberta cunha bóveda de canón, e ábsida semicircular, máis pequena que a nave, decorada cunha moldura de billetes e tres seteiras decoradas. No interior conserva pinturas murais. A fachada principal acubíllase baixo un gran arco de descarga, sobre o que se sitúan dúas pequenas torres con ameas. Baixo o arco a fachada divídese en dúas partes: na superior atópase un gran rosetón calado; e na inferior a portada que amosa as influencias do mestre Mateo. Está formada por unha tripla arquivolta decorada: a exterior con arquiños cegos de medio punto e as interiores con floróns e os 24 anciáns da Apocalipse. No tímpano aparece a figura de Cristo na mandorla. Os muros laterais teñen contrafortes unidos entre si por arcos de medio punto e no seu interior ábrense ventás. Na fachada norte represéntase a Anunciación e na sur unha escena non identificada con tres personaxes con báculos e vestiduras eclesiásticas. Foi declarada BIC en 1931.