potasio
(< lat científico potassium< neerl pottaschen ‘cinza de pote’)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento químico, de número atómico 19 e peso atómico 39,0983, pertencente ao grupo IA, ou dos metais alcalinos, da táboa periódica, descuberto en 1807 por H. Davy. É o sétimo por orde de abundancia dos elementos presentes na codia terrestre, e constitúe un 2,4% do seu peso. O potasio natural é unha mestura de tres isótopos, con masas 39 (93,1%), 40 (0,00118%) e 41 (6,90%), e o isótopo 40 K é radioactivo cunha vida media de 1,4 x 10 9 anos. Tamén son coñecidos seis isótopos artificiais radioactivos, dos que o máis importante é 42 K, cunha vida media de 12,4 horas, que se emprega como trazador en experimentos biolóxicos. O potasio está moi espallado na natureza e localízase en forma de mesturas de sales (carnalita, polihalita, silvinita), atopadas en depósitos extensos, superficiais ou subterráneos, procedentes en moitos casos da desecación de zonas acuáticas. Non se dá nativo e a súa preparación en forma metálica ten lugar por electrólise do hidróxido. Reacciona violentamente coa auga e os ácidos liberan hidróxeno e forman, respectivamente, o hidróxido e as sales correspondentes. É atacado intensamente polo osíxeno, co que forma diversos óxidos. Forma aliaxes con numerosos metais, e é dunha grande importancia o que contén un 77% de potasio e un 23% de sodio, líquido de punto de fusión -12,3°C, bo condutor da calor e da electricidade, que ten aplicación como cambiador de calor en reactores nucleares. Tamén ten unha grande importancia no metabolismo de animais e plantas. Malia non estar presente nos tecidos orgánicos dos seres vivos, intervén na regulación dun gran número de procesos vitais, dos que cómpre salientar a resposta nerviosa, a acción da musculatura lisa, a acción encimática e a respiración.
-
carbonato de potasio
[QUÍM]
Sólido en forma de pos brancos delicuescentes, soluble en auga, onde dá solucións básicas, e insoluble en alcohol, que funde a 891°C. Ten a súa aplicación na fabricación de vidros e cerámicas especiais, como deshidratante, aditivo alcalino para alimentos e cosméticos, e na fabricación de tubos de televisión.
-
cianuro de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino, de cor branca, con cheiro de améndoas amargas, moi tóxico, soluble en auga, alcohol e glicerina, que funde a 634°C. Emprégase na metalurxia da prata e no tratamento do aceiro (cianuración).
-
cloruro de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino incoloro, de gusto fortemente salgado, soluble en auga, que funde a 772°C. Emprégase principalmente como fertilizante, en fotografía e como substituínte do cloruro sódico na dieta con fins terapéuticos. Tamén se denomina muriato de potasa.
-
dicromato de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino vermello amarelado, tóxico e oxidante, soluble en auga, que funde a 396°C e que se obtén por tratamento do cromato de potasio con ácido sulfúrico. Emprégase como pigmento, oxidante e reactivo analítico.
-
hidróxido de potasio
[QUÍM]
Sólido branco, delicuescente, que absorbe activamente auga e dióxido de carbono do aire, soluble en auga e alcohois, funde a 360°C. Emprégase na fabricación de xabóns e deterxentes, principalmente líquidos, como elemento de branqueo e como aditivo alimentario alcalino. Tamén se denomina potasa cáustica.
-
nitrato de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino, higroscópico, de gusto salino, soluble en auga, que funde a 337°C. Empregouse na fabricación de pólvora e ten aplicación na preparación de fertilizantes especiais.
-
permanganato de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino de cor púrpura escura e gusto astrinxente, altamente oxidante, soluble en auga e metanol, que se descompón a 240°C. Emprégase como oxidante industrial, analítico e sintético, como desinfectante e como axente branqueador.
-
sulfato de potasio
[QUÍM]
Sólido cristalino, soluble en auga, que funde a 1072°C. Emprégase como fertilizante para os cultivos de cítricos.