Prado, Mateo de
(Cumbraos, Sobrado? - Santiago de Compostela 27.8.1677) Escultor. Formouse con Gregorio Fernández e introduciu en Galicia o naturalismo escultórico deste. Abandonou o manierismo e evolucionou cara a un estilo máis naturalista onde destacan as figuras de vulto redondo, expresivas, e as pregaduras marcadas da vestimenta. Cara a 1632 traballou en Villagarcía de Campos e entre 1637 e 1638 na basílica da Encina en Ponferrada. Está documentado en Galicia desde 1639. Traballou en numerosos templos e da súa extensa produción destaca o cadeirado do coro de San Martiño Pinario (1639-1649?), que lle serviu de modelo para outras obras posteriores e que marcou a súa influencia nos escultores galegos do s XVII. Nel representou a vida da Virxe no cadeirado baixo e a Igrexa militante no alto, no que destacou os membros da orde beneditina. Encargouse da imaxinaría das obras de Bernaldo Cabrera (1641-1667), como a Inmaculada, San Miguel e Santa Catarina do mosteiro de Oseira (1650), a Inmaculada do mosteiro de Montederramo (1653), San Domingos e San Tomé de Aquino de San Domingos da Coruña (1853) e os relevos dos retablos da capela do Cristo de Burgos da catedral compostelá. Foi tamén o autor das imaxes dos retablos de Diego de Romay entre 1663 e 1677, das que destacan as da capela do Rosario de San Domingos de Santiago, San Xosé e Santo André dos retablos colaterais da igrexa de Santa María de Conxo (1664-1665). Realizou tamén a estatua ecuestre de Santiago para a capela das Reliquias na catedral de Santiago de Compostela (1667).