prateadura

prateadura

(< prata)

s f [IND]

Operación de cubrir algo cunha capa de prata. Pode realizarse por aplicación dunha lámina de prata, por metalización ao baleiro, por deposición de metal reducido quimicamente (sen corrente eléctrica) ou por electrodeposición. No primeiro destes métodos o obxecto, unha vez que se lle colocou unha lámina moi fina de prata, quéntase co fin de formar unha aliaxe que asegure a adherencia. A metalización ao baleiro emprégase principalmente para obxectos non metálicos. A prateadura de metais por redución química realízase, ben por inmersión do metal máis electropositivo que a prata (especialmente cobre ou latón) nunha solución de sal de prata, ou ben fretándoo cunha pasta a base de sales de prata. A prateadura química, a partir de sales de prata e redutores, adoita servir de base condutora para a electrodeposición sobre superficies non condutoras (vidro ou plástico). O método máis importante é a electrodeposición, que se aplica especialmente sobre cobre e aliaxes. Os baños son a base de dicianoarxentato de potasio ([Ag(CN)2]K) ou de sodio ([Ag(CN)2]Na) con exceso de cianuro básico. Os ánodos son de prata fina e a densidade de corrente varía entre 0,2 e 0,8 A/dm2.

Palabras veciñas

pratado | prataría | prateado -da | prateadura | pratear | prateiro -ra | pratense