prefixo

prefixo

(< lat praefixu, p depraefigĕre ‘colocar diante’)

  1. s m [LING]

      Afixo que se antepón á base para crear unha nova unidade. Os prefixos axúntanse directamente ás bases sen integrarse nelas, mesmo en combinacións en que son iguais a vogal final do prefixo e a inicial da base (anti-imperialista, contra-almirante), e sen provocar cambios acentuais nin outras alteracións formais. Son unidades recorrentes que aparecen en moitas palabras; determinan e combinan con raíces léxicas substantivas, adxectivas e verbais, e non funcionan como lexemas independentes. Algúns prefixos coinciden formalmente con preposicións (a-, en-: agramatical, encoller), pero, en oposición á preposición, a prefixación non é o resultado automático de combinar unha “preposición” e unha base léxica, pois os prefixos combinan con substantivos (infraestrutura, sobrecella), adxectivos (descortés, entreaberto) e verbos (circundar, desfacer). Ademais, un mesmo prefixo pode combinarse con categorías diferentes: super- concorre con substantivo (superestrato), adxectivo (supersónico) e verbo (superpoñer). Coma nos sufixos, hai prefixos populares e prefixos cultos coa mesma orixe latina (en-/in-: encabalgar, inculpar; entre-/inter-: entreacto, interlingua; sobre-/super-: sobremesa, superpotencia), pero en xeral funcionan como unidades diferenciadas e non como variantes formais. Nos prefixos tamén existen variantes distribucionais (in-atacable, in-tratable, im-precisión, i-lexible, i-rrelevante). Os prefixos, tanto os de orixe latina coma os de orixe grega, poden clasificarse funcional e semanticamente en varios grupos (un mesmo prefixo pode estar incluído en varios grupos, segundo a súa acepción). Os prefixos en- e a- funcionan de xeito particular, pois empréganse como transcategorizadores, que converten substantivos e adxectivos en verbos (em-barc-ar; a-fe-ar), en xeral sen bases verbais coas que poder relacionarse (*barcar, *fear). A maioría dos prefixos, en cambio, manteñen a clase de palabra da base (facer > desfacer). Como a- e en- son a evolución patrimonial dos prefixos a(s)- e in-, ás veces compórtanse como variantes deles, relacionando un verbo prefixado con outro sen prefixo. Pero as situacións son diversas, pois nuns casos poden ser só variantes formais co mesmo significado (acalmar e calmar, empreñar e preñar); noutros poden diferir en significado sen que o verbo simple sexa a base (dentar e adentar, frear e enfrear, con base en dente, freo); e, finalmente, noutras ocasións poden marcar diferenzas, ben porque a- e en- lle dan un carácter transitivo máis activo e directo, ou ben porque en- engade un sentido interno e medio (acaer e caer; emprender e prender). O prefixo a- forma verbos, xeralmente transitivos, a partir de substantivos e adxectivos, co sentido xeral de ‘poñer, facer’ + base, e, a partir do verbo, poden crearse substantivos e adxectivos que incorporan o prefixo (bafo > abafar > abafo, abafante). O prefixo en- tamén forma verbos, transitivos e intransitivos, a partir de adxectivos e substantivos. Con substantivos, o significado é xeralmente ‘poñer en, con’ + base, verbalizando esta na función de circunstancial (embarcar ‘poñer en barco’); o seu significado ten así un sentido diferente do de a-, aínda que lexicamente haxa coincidencia ampla (emparellar/aparellar, empedrar/apedrar). Con adxectivo é frecuente a combinación de en- co sufixo -ecer para expresar sentido medio, ás veces en oposición á forma sen sufixo e co prefixo en- ou, sobre todo, co prefixo a-, de sentido transitivo ou indiferente: emborrachar, emburrar, emporcar, encruar, pero entalar/entalecer; enxordar, axordar/enxordecer; agrandar/engrandecer. Agora ben, isto non impide que en- e a- sexan por veces variantes con significado igual (encalmar/acalmar), nin que -ecer combine tamén con a- (amolecer, anoitecer).

  2. s m [COMUN]

    Elemento, constituído por cifras ou letras, indicativo do país ou provincia á que pertence o número de teléfono dun abonado. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].