preposición
(< lat praepositīone)
Categoría gramatical que morfoloxicamente é invariable e sintacticamente se caracteriza por ser dependente e por funcionar como relacionante entre unha unidade léxica e outra que subordina a primeira. Cando vai acompañada dun pronome tónico, esixe a presenza dunha forma oblicua (de min, para ti, por nós). É átona e, en consecuencia, forma unidade cos elementos que a seguen. Desde o punto de vista funcional, ten dúas funcións, non excluíntes mutuamente: a) Serve como marca de función sintáctica. Nalgúns casos só cumpre esta función pois non achega ningún significado específico. Así ocorre, por exemplo, coa preposición a que se pode usar, nalgúns casos, como marca obrigada de CD ou que é esixida no CI. b) Ademais a preposición achega un significado (foi a Caldelas, foi contra Caldelas, foi ata Caldelas, foi desde Caldelas). O valor léxico non é igual de relevante nin de visible en todas as preposicións. Fronte ás que, como desde ‘punto de orixe’ e sen ‘privación’, posúen un significado único e preciso, existen outras en que ese valor é múltiple e moi tenue, caso de, por exemplo, con ‘compañía’ (fun cuns familiares), ‘modo’ (fíxoo con amor) ‘instrumento’ (comeuno con culler), ‘causa ou consecuencia’ (morreu co susto). Por outro lado, hai preposicións que forman parte dunha estrutura formada por varias palabras gráficas: a) En perífrases verbais: haber (de) + inf, poñerse a + inf, botarse a + inf, aínda que nalgúns casos a presenza da preposición é opcional. b) Nas locucións adverbiais conxuntivas e prepositivas, en que a secuencia funciona como un todo: de maneira que, cara a, a xunto de, por causa de, etc. As locucións prepositivas desenvolven as mesmas funcións que as preposicións e presentan unha constitución formal moi variable: á beira de locucións coa estrutura palabra + preposición (beira de, cara a, verbo de, encol de) existen outras coa estrutura preposición + (artigo) + palabra + preposición (a causa de, con respecto a, a carón de). c) Nas palabras compostas e sintagmas fixados: herba de namorar, arco da vella, cabalo do demo, caixa de urxencias. No paradigma tradicional das preposicións distínguense as preposicións propias das impropias. Son preposicións propias a, ante, ata, ate, baixo, cabo, canda, cas, con, contra, de, deica, dende, des, desde, en, entre, malia, onda, para, perante, por, sen, so, sobre, tras e xunta. As preposicións impropias son orixinariamente adxectivos, verbos ou adverbios que se habilitaron para realizar o papel das preposicións: agás, bardante, conforme, consonte, durante, excepto, mediante, menos, quitado, quitando, sacado, sacando, salvo, segundo e senón.