prerrománico -ca

prerrománico -ca

(

adx e s m [ARQUIT/ARTE]

Aplícase ao período artístico anterior ao románico que comprende diversas formas e solucións artísticas e estruturais. Estendeuse desde Carlomagno ata a introdución do románico (ss IX e X), pero pode incluír a arte dos séculos precedentes desde antes da disolución do Imperio Romano de Occidente (s V). Presentou as variantes ostrogoda, lombarda, merovinxia, saxoa, visigoda, carolinxia, otónica, viquinga e irlandesa. Segundo os países, pódense atopar varias solucións artísticas, as de maior personalidade agrúpanse baixo as denominacións de arte carolinxia, asturiana e mozárabe, as dúas últimas na Península Ibérica. A arte carolinxia, de clara vontade monumentalista, ten as súas fontes na arte da antigüidade romana tardía e bizantina, como a capela palatina de Carlomagno en Aquisgrán (790-805). A arte asturiana, propia da monarquía asturiana, é unha reinterpretación das formas do mundo hispánico, romano tardío e visigodo. Destacan San Julián de los Prados (791-842), Santa María del Naranco e San Miguel de Lillo (842-850). A arte mozárabe é a das terras de repoboación do Reino de León, construído por comunidades monásticas procedentes de terras musulmás, e recupera modelos antigos, da época visigoda, con solucións formais de orixe califal, como en San Miguel de Escalada (913). Dentro da arte mozárabe destaca a iluminación de manuscritos como o comentario á Apocalipse do Beato de Liébana, de San Miguel de Escalada (926). En Galicia destacan Santa Comba de Bande (s VII), visigoda; San Xes de Francelos (ss IX-X), onde se mesturan elementos visigodos e asturianos; Santa María da Corticela (s IX), que segue a tipoloxía asturiana; e as mozárabes San Miguel de Celanova (s X) e a capela do Ciprés ou do Salvador en Samos (s X).