Priegue, condado de
Título concedido en 1643 por Filipe IV a Baltasar de Sequeiros Soutomaior Zúñiga Silva , señor da casa e morgado de San Tomé (Freixeiro, Vigo), Torre da Silva (Portugal) e Vila de Priegue (Pontevedra). Herdouno a súa primoxénita, Isabel de Sequeiros Soutomaior Silva , nai da III condesa, Mariana Ozores Sequeiros Soutomaior . O fillo desta, Mauro Ozores Sequeiros Soutomaior Silva , IV conde de Priegue, foi rexedor de Santiago de Compostela e propuxérono en 1705 para mestre de campo dun dos terzos de Galicia. O condado pasou ao seu fillo Xosé Ozores Soutomaior , V conde, que lle deixou o título ao seu fillo Xoán Antonio Ozores de Silva Sequeiros , VI conde desde 1754 e rexedor perpetuo de Santiago de Compostela. O VII conde foi Xoán Nepomuceno Ozores Silva Sequeiros Soutomaior (?- 1847), que herdou o título en 1786 e participou na Guerra da Independencia. O VIII conde foi Antonio Ozores Varela (?-1882) a quen sucedeu Francisco Xavier Ozores Losada , X conde e último en señorear o pazo da San Tomé. Ao X conde Santiago Ozores Pedrosa (?-1899) sucedeuno o seu fillo Xavier Ozores (?-1970), sucedido polo seu fillo Javier Ozores Marchesi (A Coruña 1942).