Profecía do mar

Profecía do mar
[LIT]

Poemario de Bernardino Graña editado en 1966, composto por 19 poemas de diferente extensión e con ilustracións de Virxilio. Concibido, á marxe das influencias da Escola da Tebra, como un gran conxunto de profecías, de tipoloxía épica, a conexión entre as primeiras composicións e os últimos textos, titulados “Apocalipse” e “Final”, ofrecen ao lector unha idea máis concreta do que o autor quere lograr cos seus versos. De feito, as súas primeiras palabras levan á temática do poder creador e destrutor da morte, onde a resurrección natural e o morrer para vivir, nunha clara visión vitalista, conforman o universo en que se move o home. O mar, o elemento xerador de vida, contraponse ao home, o ser destrutor nunha dialéctica marcada, segundo os estudosos da obra de Graña, polo cosmos-home-tempo-morte-destrución-caos-renacencia. A procura do reequilibrio no universo a través dunha xustiza natural e global é a grande esperanza do poeta, que asemade denuncia as inxustizas da miseria, a fame e a emigración.

Palabras veciñas

profano -na | profase | profecía | Profecía do mar | profecticio -cia | Profelis | proferir