prostaglandina
Cada un dos membros dunha familia de ácidos graxos quirais, opticamente activos, non saturados, de vinte átomos de carbono, que conteñen como esqueleto común o ácido prostanoico, constituído por un anel de cinco membros enlazados, en átomos veciños, dúas cadeas de sete e oito átomos de carbono, e o grupo carboxílico situado no carbono terminal da primeira. Están amplamente difundidos, en moi baixa concentración, no organismo dos mamíferos, e localízanse preferentente nos fluídos seminais. As prostaglandinas presentan unha acción acusada sobre a musculatura lisa. Comprobouse o efecto nos ciclos menstrual e do embarazo, e tamén na fertilidade masculina e na área cardiovascular como vasoconstritoras e vasodilatadoras. Empregáronse como abortivos, para inducir o parto e no tratamento de úlceras. Regulan a presión sanguínea por vasoconstrición ou vasodilatación, presentan antagonismo coas hormonas que inflúen no metabolismo dos lípidos, e a prostaglandina I2 (chamada tamén prostaciclina) actúa como antiagregante plaquetario. Presentan efectos sobre as actividades hormonais pola súa acción modificadora sobre os niveis de AMP cíclico; son os axentes causantes das células afectadas por certos tipos de traumatismos, de tal xeito que as substancias que inhiben a súa biosíntese (como as do tipo da aspirina), preveñen ou reducen moito os procesos inflamatorios.