provincia

provincia

(

    1. [XEOG/ADM]

      Unidade administrativa de primeiro grao propia de moitos estados, entre outros, Arxentina, Bélxica, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Ecuador, Panamá ou Italia. Equivale a outros termos autóctonos doutros estados, como Finlandia (lääni), Irán (ostān), Iraq (muḥāfaa) ou Mongolia (ajmag).

    2. [XEOG/ADM]

      División administrativa de segunda orde de España. Na lexislación de réxime local española vén definida como unha entidade local determinada pola agrupación de municipios, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Ademais tamén se define como división administrativa do Estado para a satisfacción doutros fins, entre eles o de servir de circunscrición electoral. O Tribunal Constitucional, ademais, aplicoulle o concepto de garantía institucional que, tomado da doutrina xermánica, protéxea de xeito especial, como se se tratase dun ente básico no organigrama institucional do Estado e no que as comunidades autónomas non poden inferir nun núcleo esencial e irredutible de competencias e funcionalidade. Pero, a provincia, é contestada e cuestionada, sobre todo nas nacionalidades históricas, que a consideran un ente artificial, ahistórico, difícil de asimilar nun estado descentralizado como é o da Constitución de 1978 e necesitado de revisión e reformulación funcional. E o mesmo sucede co seu órgano reitor: a deputación provincial, de carácter representativo, pero de segundo grao.
      Evolución histórica da provincia en España
      Ten a súa orixe na organización territorial romana. En 197 a C Hispania dividiuse nas provincias de Hispania Citerior e Hispania Ulterior. Posteriormente Augusto (s I) reorganizouna e dividiuna nas provincias Bética, Tarraconense e Lusitania. A definitiva división foi obra de Diocleciano coa formación das provincias Tarraconense, Cartaxinense, Bética, Lusitania e Gallaecia. A idea romana de provincia foi asumida practicamente sen matizacións pola Igrexa na súa organización. As provincias eclesiásticas calcáronse das romanas e os concilios, que historicamente convocaban os bispos metropolitanos asentados nas capitalidades das provincias, perfilaron paulatinamente o concepto de circunscrición provincial, que articulou un conxunto de relacións entre as cidades e vilas dese espazo. Este modelo da Igrexa influíu na configuración provincial española que, durante o Antigo Réxime, estaba dividida en provincias: 34 na división de Floridablanca (1785) e 40 na de 1799, aínda que o concepto non coincidía co da Constitución de Cádiz. Na Coroa de Castela existía desde o s XVI, a entidade territorial chamada provincia que, a partir do s XVIII, coa implantación das intendencias, configurarouse non só como división económica, senón tamén como soporte dunha xurisdición político-administrativa que, pasado o tempo, chegou a agromar no concepto provincial do s XIX. A provincia converteuse entón nunha constante organizativa que mantivo a súa orixinaria significación romana: unha circunscrición ao servizo do estado para posibilitar a presenza deste en todo o territorio, garantir o cumprimento dos seus fins e obxectivos e servir de contrapoder e freo ás vilas, aos concellos, asegurando a súa submisión e práctica uniforme da gobernación pública. O constitucionalismo decimonónico converteuna nunha institución crucial para os seus obxectivos, buscando destruír ou parcelar os vellos reinos, estruturas da oligarquía, e proceder a unha organización de base igualitaria e xeométrica, ao estilo de N. Bonaparte. Desde o primeiro momento a provincia foi concibida polos constituíntes como un instrumento básico ao servizo da centralización, en claro paralelismo co feito polos revolucionarios franceses. Esta pegada centralista advertida en 1812 perdurou longos anos sen matizacións, cubrindo cando menos dous terzos do s XIX, tempo durante o que foi unha mera circunscrición ou división territorial da Administración do Estado. Con este espírito naceu esta institución nas primeiras divisións provinciais que de España se coñecen. Primeiro a división de Xosé Bonaparte (1810), que creou prefecturas e subprefecturas, e logo as divisións do período 1811-1833 (a de Bauzá de 1813, os proxectos de Bauzá e Larramendi e da Comisión das Cortes de 1821, o Decreto das Cortes de 1822), ata desembocar na división de Francisco Javier de Burgos en 1833, que xa é practicamente a actual. A provincia e a deputación provincial cumpriron nestas datas fins estatais máis que locais. Vinculada ao afán revolucionario de representación igualitaria e instrumento de loita contra os antigos reinos, a provincia experimentou todos os avances e retrocesos propios do primeiro terzo do s XIX español: instaurada en Cádiz, desapareceu coa volta das vellas institucións no Sexenio Negro (1814-1820), volveu florecer no Trienio Liberal (1820-1822) e de novo desapareceu durante a Década Ominosa (1823-1833). O período 1833-1837, da man do tránsito ao constitucionalismo, representou a definitiva consolidación das provincias e dos seus órganos de goberno. A súa non matizada concepción como circunscrición ao servizo do estado comezou a cambiar de rumbo cara a 1859, e ata 1882 desenvolveuse un fenómeno de paulatino reforzamento das deputacións provinciais, que atopou o seu punto álxido coa Revolución de 1868. Neste período foi clave a lei provincial de 1870, que a fixo máis independente e ampliou as súas competencias. Recoñecéuselle carácter representativo e incrementáronse as súas funcións. Esta concepción sufriu un notable retroceso coa Restauración monárquica de 1875. Unha das primeiras decisións adoptadas por F. Romero Robledo como ministro de Gobernación foi a modificación do réxime local de 1870. A Lei de 1877 foi moi restritiva para as provincias, tendencia que continuou coa Lei de 1882. No Estatuto de 1925, obra de Calvo Sotelo, configurouse como entidade local substantiva, caracterizada por uns fins propios, de índole local. A partir de aquí superpúxose na súa concepción unha perspectiva bifronte que perdurou ata o presente: circunscricións para fins do estado e, asemade, entidade local que opera como agrupación de concellos. Esta dobre faceta aparece reiteradamente proclamada na lexislación desde 1945 ata a Constitución de 1978, e reflíctese tamén na lexislación de réxime local (1985-1986), aínda que modulada nos aspectos competenciais pola irrupción no sistema político-territorial das comunidades autónomas. Actualmente, a provincia, desaparecida loxicamente nas comunidades autónomas uniprovinciais (Asturias, Cantabria, Madrid, La Rioja, Murcia, Nafarroa), ten atribuídos, con carácter xeral, á parte doutros que lle poidan asignar as distintas comunidades autónomas, fins específicos que se materializan en competencias funcionais, reconducidas á coordinación de servizos municipais entre si, á asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica dos concellos, á prestación, normalmente con carácter subsidiario, de servizos públicos de carácter supramunicipal e supracomarcal, e ao fomento e administración duns inconcretos intereses particulares da mesma. Actualmente pasa por unha difícil situación, oprimida polas comunidades autónomas, que a consideran un ente estraño á súa organización e a exclúen de calquera operación posible de transferencia ou delegación de competencias, cando non mesmo de toda encomenda de xestión. E, doutra parte, tentan dar virtualidade aos mandatos estatutarios de coordinación autonómica das súas competencias e actuacións, sobre todo nos aspectos orzamentarios e dos planos provinciais de obras e servizos.
      A división de Galicia en provincias
      O antigo Reino de Galicia permaneceu dividido no s XV nas provincias de Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Ourense, ás que se engadiron a mediados do s XVI Tui e A Coruña. Chamábanse provincias pero en realidade eran cidades cuxos representantes, procuradores ou deputados, integraban a Xunta ou Deputación do Reino. Esta Xunta, que persistiu ata 1834, non era un ente gobernativo ou executivo, como a actual Xunta de Galicia, senón un órgano de representación do reino ante o poder central, por medio dos seus adiantados. Deste xeito, as provincias só eran a extensión xurisdicional composta por cada unha das cidades que tiñan procurador na Xunta do Reino. O nome que recibiron proviña da cidade cuxo deputado tiña asento no reino. Coa división de Floridablanca, Galicia constituíu unha intedencia, das 31 nas que se dividiu España. Galicia formaba así un reino-provincia. A extensión do reino, aínda non administrativamente parcelado, coas conseguintes dificultades de control por parte dos poderes centrais, foi causa constantemente alegada como fundamento da conveniencia de proceder a unha división máis práctica e racional de tan ampla extensión territorial; circunstancia que favoreceu tamén o progresivo recorte territorial de Galicia, que viu amputadas partes importantes do seu territorio. No s XIX, e co constitucionalismo, a división provincial galega experimentou parecidas vicisitudes ca no resto de España. A división prefectural bonapartista, que dividía Galicia en catro prefecturas, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, con subprefecturas en Santiago, Corcubión, Mondoñedo, Viveiro, Monterrei, Monforte, Pontevedra e Tui, resultou practicamente ilusoria, porque ningunha deputación galega concorreu a se dobregar ante Xosé I. O tránsito do Antigo ao Novo Réxime foi lento, tamén na orde administrativa, de tal xeito que Galicia continuou longo tempo indivisa. En 1813 constituíse a Deputación Única do Reino de Galicia, baixo a presidencia do marqués de Campo Sagrado, deputación que se trasladou á Coruña, onde radicaba o intendente, que era á súa vez vicepresidente nato da deputación. Despois da paréntese da volta ao Antigo Réxime de Fernando VII (1814-1820), produciuse a restauración constitucional e en 1820 constituíuse de novo na Coruña a Deputación Única do Reino de Galicia, baixo a presidencia de Pedro de Agar y Bustillo, que perviviu ata abril de 1822, cando as Cortes aprobaron, por vez primeira, a tetrapartición de Galicia en provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. En 1823 aboliuse esta división e pasou a formar unha soa provincia. Na definitiva división provincial de 1833 de Francisco Javier de Burgos, Galicia quedou dividida administrativamente nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Esta división de orixe racionalista e artificial orixinou, ao longo de máis de medio século de vixencia, vínculos de unión e relacións comúns, aínda que sempre foi contestada desde moitos ámbitos de opinión, sobre todo dos defensores das tradicionais formas de asentamento, convivencia e organización galegas. Ao compás dos movementos provincialistas (1840-1868), con A. Neira de Mosquera, X. Verea Aguiar, A. Faraldo, X. Carracido ou F. Añón, fíxose constante a reflexión sobre a artificialidade desta división. O provincialismo trataba de recuperar a unidade de Galicia, unha soa provincia, perdida desde 1833. Esta idea estivo presente tamén no federalismo (1868-1885), no rexionalismo (1885-1900), en Solidariedade Galega (1907-1914), nas Irmandades da Fala que, en 1918, na I Asemblea celebrada en Lugo, formularon a petición de supresión das deputacións provinciais, e agromou no pensamento de V. Risco, L. Porteiro Garea, L. Peña Novo, R. Cabanillas, R. Otero Pedrayo, Villar Ponte, B. Álvarez, Viqueira, V. Paz Andrade, e nos programas do Partido Galeguista. A tensión antiprovincial sostívose na frustrada experiencia da Mancomunidade provincial galega, entre 1916 e 1930, ao fío primeiro das boas relacións do galeguismo con Catalunya e, logo, do libro de L. Peña Novo sobre aquela institución (1921) que, a partir do Estatuto provincial de Calvo Sotelo (1925), se converteu nunha arela imposible. No proceso estatutario da Segunda República as deputacións seguiron a ser o centro do nacionalismo galego. No Anteproxecto de Estatuto de 1932 elixiuse, ao tratar do réxime local de Galicia, unha cautelosa e aberta fórmula, na que non se prexulgaba a subsistencia, supresión ou transformación das mesmas, o que dependería do que a rexión considerase máis conveniente. Pero o Estatuto de 1936 si contemplaba a desaparición das deputacións provinciais e a transferencia dos seus medios persoais e materiais á Xunta de Galicia, aínda que as provincias e gobernos civís se mantiñan aos efectos de división territorial para os fins da administración central do Estado. No Estatuto de Autonomía de 1981 deseñouse un réxime administrativo-territorial ambiguo, con elementos tomados da vella estrutura centralista e provincial e con outros que apuntaban á tradición organizativa (parroquias e comarcas). A provincia respéctase, pero o estatuto non agocha a súa vontade de non lles atribuír un concreto papel na organización do territorio galego. As referencias que a ela se fan evocan un carácter extrínseco ao sistema e un inequívoco propósito de que a Xunta de Galicia coordine a súa actividade no que atinxa directamente ao interese xeral da comunidade autónoma, ordenando a estes efectos unir os seus orzamentos aos da Xunta de Galicia. A implantación dunha organización político-territorial axustada ao Estatuto de Autonomía segue a ser unha cuestión pendente e nunca abordada con criterios de globalidade e consenso político e social. Neste marco, a provincia, adoptada mesmo pola comunidade autónoma como espazo para a súa administración periférica, segue presente como institución que, non sendo básica nin propia da orde administrativa galega, se vai consolidando, ao tempo que se esquecen as prescricións estatutarias. A Lei de Coordinación das Deputacións Provinciais, aprobada polo Parlamento de Galicia en 1989, foi recorrida de inconstitucionalidade e, adiándose in aeternum a sentenza do Tribunal Constitucional, foi derrogada, sen chegar sequera a entrar en vigor, pola Lei de Administración Local de Galicia de 1997, tamén en proceso de revisión.

    3. s f [HIST]

      Territorrio do Imperio Romano conquistado fóra de Italia e gobernado por un pretor. A partir do s I distinguiuse entre a provincia senatorial ou proconsular, rexión pacificada que o Senado administraba por medio dun procónsul; e a provincia imperial, rexión non pacificada gobernada por un pretor designado polo emperador. O proceso de subdivisión iniciado por Dominicano e Traxano acentuouse con Diocleciano, que dividiu o imperio en dioceses, e con Constantino. Internamente dividíase en conventos.

    4. s f [RELIX]

      Conxunto de mosteiros ou conventos de cada unha das ordes relixiosas que ocupan un territorio determinado e que depende dun mesmo superior ou provincial.

    5. [DER/HIST]

      Antigo xulgado dos alcaldes de corte que estaba separado da sala criminal e que servía para coñecer os preitos e as dependencias civís.

    6. provincia eclesiástica [RELIX]

      Circunscrición territorial eclesiástica, a máis ampla das existentes, constituída por un grupo de dioceses, territorialmente contiguas, denominadas sufragáneas. Está administrada por un arcebispo ou metropolitano, normalmente o da sede máis antiga ou máis importante. España organízase nas provincias de Barcelona, Burgos, Granada, Madrid, Mérida-Badajoz, Oviedo, Pamplona, Santiago de Compostela (integrada polas dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo), Sevilla, Tarragona, Toledo, València, Valladolid e Zaragoza.

    7. provincia relixiosa [RELIX]

      Circunscrición territorial propia de moitas ordes e congregacións relixiosas, meirandes ca as divisións administrativas internas dos estados.

  1. s f [ECOL]

    División fitoxeográfica inferior á rexión, na que abundan os endemismos a nivel de xénero e especie.

  2. provincia petrolóxica [XEOL]

    Rexión natural, a miúdo difícil de distinguir, onde as rochas correspondentes a determinados ciclos de actividade ígnea se caracterizan individual e colectivamente pola súa composición química e mineralóxica, a textura e a estrutura, a xénese, as alteracións, os fenómenos metamórficos e todo o que indique comunidade de orixe e analoxía de evolución.