psicanálise
(
Método para o tratamento dos desaxustes emocionais e mentais, ideado por S. Freud en 1896 e baseado en fenómenos como os da motivación inconsciente, conflito e simbolismo onírico. Cando a doutrina que sustenta o método psicanalítico se refire ao tema do inconsciente, recibe o nome de psicoloxía profunda e engloba variantes da psicanálise como, por exemplo, a psicoloxía analítica, a psicoloxía individual e a denominada neopsicanálise, mentres que, cando insiste no papel primordial da motivación, oriéntase no sentido da psicoloxía dinámica. A elaboración do método psicanalítico orixinouse a partir da observación dos efectos nocivos de determinados acontecementos traumáticos aparentemente esquecidos; o establecemento posterior dun vínculo entre estes acontecementos e os síntomas observados, levou a Freud á afirmación dun inconsciente dinámico, a partir do que se pode comprender o sentido daqueles síntomas ao superar a serie de resistencias que o mencionado inconsciente determina. Tratando de superar estas resistencias, Freud probou sucesivamente a hipnose e a suxestión e finalmente serviuse da libre asociación, técnica creada para que o paciente respondera de forma libre e espontánea, a partir de calquera asociación de ideas, sentimentos ou evocacións. Xunto á libre asociación, o psicanalista ten que contar cos fenómenos de transferencia do paciente; finalmente, a psicanálise sérvese da interpretación dos soños, chegando desde o seu contido manifesto ao seu contido latente inconsciente. Nos principios teóricos que, en Freud, dan soporte ao método da psicanálise, afírmase a tendencia humana a suprimir toda excitación penosa (principio do pracer), contra a que se impoñen as condicións do mundo exterior (principio de realidade), así como a tendencia das experiencias traumatizantes a repetirse (compulsión de repetición); así mesmo, establécense tres instancias psíquicas, denominadas id, superego e ego. A psicanálise comporta, tamén, dunha banda, o recoñecemento de que os feitos psíquicos obedecen a un determinismo, e non ao azar; doutra, a afirmación dunha clara primacía da sexualidade e a agresividade, asemade que a suposición de que os trazos sexuais do individuo son determinantes desde a nenez. Dous dos primeiros discípulos de S. Freud, que xunto con outros psicanalistas formaron o que se denomina primeira xeración, foron K. Abraham e E. Jones. A psicanálise, con todo, xa en tempos do seu fundador, coñeceu diversas escisións; as dúas primeiras foron as de A. Adler e C. J. Jung, que iniciaron dúas escolas diferenciadas: a primeira, de psicoloxía individual (1911), e a segunda, de psicoloxía analítica (1914). Outros psicanalistas desta primeira xeración foron O. Rank e S. Ferenzci, que finalmente romperon coa ortodoxia freudiana. A segunda xeración está representada por O. Fenichel e F. G. Alexander. Unha escola desta, cualificada de heterodoxa, foi a escola psicanalítica culturista, con influencias de A. Adler, que estivo formada por K. Horney, que revisou a teoría psicanalítica sobre a psicoloxía feminina, E. Fromm e H. S. Sullivan, que remarcan a importancia dos factores socioculturais no desenvolvemento da personalidade. Unha rama que desde Freud experimentou unha notable evolución é a da psicanálise infantil. Dous autores destacados neste campo foron A. Freud e M. Klein. Outro psicanalista que marcou profundamente a psicanálise francesa foi J. Lacan, estruturalista, que fundou a Escola Freudiana de París (1964-1980) e que na súa relectura de S.Freud destacou o papel esencial da linguaxe na estruturación do inconsciente.