psicoterapia
(< psico- + terapia)
Tratamento das enfermidades mentais, das desordes psicosomáticas e dos trastornos emocionais e da adaptación, baseado preferentemente nos métodos psicolóxicos, sobre todo, nos de relación interpersoal. Técnicas psicoterapéuticas son, entre outras, o psicodrama, a psicanálise, a terapia de grupo, a suxestión -hipnótica ou non- e a persuasión; entre as técnicas non especialmente psíquicas, a máis empregada é a narcoanálise. Distínguese entre psicoterapias superficiais ou sintomáticas (entre elas está o tratamento condutista), cando buscan só a desaparición dun síntoma ou síntomas concretos, e psicoterapias profundas, ou estruturais, cando queren conseguir a modificación da estrutura da personalidade que permite ao paciente superar os seus conflitos patolóxicos e patóxenos, e desenvolver formas máis adecuadas con el mesmo e cos outros.