porífero -ra
(< poro + -fero)
-
adx
Relativo ou pertencente aos poríferos.
-
s
m
[ANIMAL]
Animal do filo dos poríferos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Filo de animais parazoos pluricelulares, acuáticos e xeralmente mariños, de simetría radial ou ben asimétricos, e sen órganos diferenciados. A cavidade interna está recuberta por coanocitos e comunícase co exterior mediante unha serie de poros a través dos que penetra a corrente de auga, que é expulsada polo ósculo. Posúen un esqueleto interno formado por espículas calcarias ou silícicas e fibras de esponxina. Distínguense tres tipos fundamentais de organización: ascón, sicón e leucón. A superficie externa está constituída por pinacocitos, e a mesoglea inclúe amebocitos, escleroblastos e arqueocitos. Son animais bentónicos e coloniais, que habitan en todos os mares e nunha gran parte das augas continentais, en todo tipo de fondos e desde a superficie da auga ata grandes profundidades. Algunhas especies son colonizadas por algas, hidroideos, anélidos, crustáceos ou moluscos.