priscilianismo
(< antropónimo Prisciliano)
Movemento doutrinal e ascético iniciado por Prisciliano. Desenvolveuse principalmente no NO peninsular, probablemente o lugar do seu nacemento. Desde as súas primeiras predicacións ascéticas, uníronse á nova teoría os bispos Instancio e Silvano, mentres que Hixinio de Córdoba, Hidacio de Mérida e Itacio de Ossanuba foron os seus maiores detractores. En Galicia fixo ese papel o vigairo Mariniano. Prisciliano recibiu a influencia do gnosticismo, do maniqueísmo, da astroloxía e das ciencias ocultas. Rexeitou a existencia de tres persoas (pai, fillo e espírito santo) nunha soa substancia divina (a Santísima Trindade) e, no eido moral, defendeu un rigorismo que puxera fin á relaxación dos costumes, ademais quitou valor á xerarquía eclesiástica. Segundo Hidacio de Chaves, a súa predicación chegou ata Galicia e arraigou forte entre os habitantes, que mesmo repatriaron o corpo. Esta rápida extensión foi posible grazas a que na Gallaecia apenas se executaba aos herexes e que, por parte do bispo de Braga, Balconio, non houbo unha represión estrita. A entrada dos pobos bárbaros tamén propiciou unha conxuntura de desarraigamento á tradición cristiá. A súa influencia chegou a afectar aos galeguistas dos anos vinte do s XX, que atoparon un xustificante do panteísmo cultural dos galegos na prédica priscilianista da preexistencia da alma e o parentesco entre a natureza humana e a terra. Castelao incluíuno na Santa Compaña de inmortais galegos, como adiantado da procesión, que porta a súa caveira e se apoia nun caxato que remata coa fouce dos druídas.