Querétaro
Querétaro
Estado de México, situado na rexión do Centro (11.449 km2; 1.404.306 h [2000]. A súa capital é Querétaro. O clima é tropical temperado, con escasas precipitacións. A súa economía baséase na produción de cereais, cana de azucre, tabaco, café e plátanos. A minaría destaca pola extracción de ouro, cobre, chumbo e estaño. A industria, pouco desenvolvida, concéntrase na capital do estado. Poboado orixinariamente polos otomís, estes foron conquistados en 1531, polo que logo se fundou a intendencia de Guanajuato (1786). En 1824 constituíuse o estado de Querétaro. A zona de misións franciscanas de Sierra Gorda foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (2003).