Quijote de la Mancha, El ingenioso hidalgo don

Quijote de la Mancha, El ingenioso hidalgo don
[LIT]

Novela de Miguel Cervantes Saavedra. A primeira parte apareceu en Madrid a comezos de 1605, e a segunda en 1615, ambas editadas polo libreiro Juan de la Cuesta. O éxito da novela foi inmediato, e xa en 1605 Juan de la Cuesta tivo que publicar unha nova edición da primeira parte, mentres en Lisboa aparecían dúas máis sen autorización. A primeira parte traduciuse ao inglés en 1612, mentres que a obra completa reeditouse en numerosas ocasións en castelán e nas restantes linguas cultas do mundo. O Quixote representa unha parodia dos libros de cabalarías, tan de moda na época, e marca o inicio do seu declive definitivo; ademais, a novela transloce o concepto renacentista e clásico dunha arte literaria nova e moderna. O que nun principio ía ser unha máis das súas coñecidas Novelas Ejemplares, converteuse co tempo nunha inmensa obra, dotada duns recursos temáticos, estilísticos e estruturais sen precedentes. O fidalgo Alonso Quijano vólvese tolo coa lectura dos libros de cabalarías, o que lle leva a crer como reais todos os feitos que neles aparecen, protagonizados por cabaleiros que non existen na realidade; ao mesmo tempo tenta resucitar e facer factible o ideal de cabalaría da Idade Media e actuar de acordo co código de honra dos cabaleiros. Así mesmo, adoptou o nome de don Quijote de la Mancha, vestiuse cunha armadura do tempo dos seus bisavós (s XV) e saíu da súa vila disposto a impoñer a xustiza no mundo. Na primeira parte a mente de don Quixote transforma a vulgaridade da vida cotiá nunha fantasía do seu mundo cabaleiresco, malia que a crúa realidade fai patente constantemente o seu erro, e incluso a pesar das observacións realizadas por Sancho Panza, un campesiño da súa vila que leva como escudeiro. Na segunda parte da novela, don Quixote, que xa observa a realidade tal e como é, sofre o engano dos que están ao seu redor (Sancho, os duques), que aproveitan as súas obsesións para burlarse del. O problema dos bandoleiros, coas súas imbricacións heréticas, e o da expulsión dos mouriscos, enchen esta segunda parte dun certo compromiso coa vida española de comezos do s XVII. A novela péchase coa morte do protagonista, que nos últimos instantes, xa na súa vila e deitado na cama, recobra a lucidez mental. A morte de don Quixote representa un intento do autor por evitar posibles continuacións ou partes apócrifas, tal e como acontecera coa versión ofrecida por Avellaneda. No ámbito musical foi un personaxe e unha temática que tamén triunfaron, especialmente nas óperas de Paisiello, Bodin de Boismortier e Massenet, nos ballets de L. Minkus e R. Gerhard, no poema sinfónico de R. Strauss e en El Retablo de Maese Pedro de Manuel de Falla.

Palabras veciñas

quieto -ta | Quieto, Tito Fulvio | quietude | Quijote de la Mancha, El ingenioso hidalgo don | quil(i/o)- | quilaia | quilate