Quintela de Leirado
Concello da comarca de Terra de Celanova, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no O da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 05’ de latitude N e 8° 07’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Gomesende e Ramirás (comarca de Terra de Celanova), ao S con Portugal, ao L cos de Celanova e Verea (comarca de Terra de Celanova), e ao O co de Padrenda (comarca de Terra de Celanova). Abrangue unha superficie de 31,3 km2en que acolle unha poboación de 801 h (2007), distribuída entre as parroquias de Leirado, Mociños, Quintela de Leirado, Redemuíños e Xacebáns. A súa capital é o lugar de Quintela de Leirado, localizada a 40 km da cidade de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Celanova.
Xeografía física
O relevo do concello de Quintela de Leirado disponse de forma converxente no val do río Deva. Ao redor deste val sitúanse as terras máis elevadas, que forman dúas superficies de erosión, unha entre 200 e 400 m, e outra entre 400 e 800 m. Nos extremos do concello localízanse as áreas montañosas de pendentes pronunciadas, formadas pola serra de Laboreiro, que acada no concello os 1.260 m, e Penagache (1.224 m) no S; e Couto da Moura (941 m) e Marco das Cruces (939 m) no N. O substrato xeolóxico está formado por granitos en case todo o territorio, agás o NL, formado por xistos da serie de Ordes. O concello está dentro do dominio oceánico xeral, pero matizado pola elevada altitude media, o que incrementa as precipitacións. A temperatura media anual sitúase entre os 10°C e os 11°C, e as precipitacións entre os 1.500-2.000 mm anuais. Son frecuentes as nevadas nas áreas montañosas e as xeadas en todo o termo. A rede hidrográfica articúlase ao redor dos afluentes do Deva, o río Grande e o Pequeno, que forman un val non moi amplo, onde se asenta a maior parte da poboación. Neste concello os bosques de repoboación son menos frecuentes, polo que se pode localizar a verdadeira vexetación clímax, como castiñeiros e bosques de carballo e cerquiño no curso alto do río Grande en masas mixtas. Nos puntos máis elevados medra a matogueira, composta por uces e xestas.
Xeografía humana
O concello, netamente rural, sufriu un forte declive demográfico ao longo de todo o s XX, xa que o seu máximo demográfico de 2.351 h acadouno en 1900. A emigración e o descenso do crecemento natural, ata converterse en negativo, fixeron que a poboación fose desce‰ndendo a un ritmo moderado nas tres primeiras décadas do s XX e a un ritmo acelerado no resto do século. O avellentamento da poboación é moi acusado, por mor dunha taxa de mortalidade do 13,2‰ (2006) e unha moi baixa taxa de natalidade do 1,3‰, o que dá como resultado un saldo vecetaivo do -11,9. A poboación aséntase maioritariamente no val do Deva, onde forma pequenas aldeas que non soen superar os 100 h. A capital municipal, Quintela de Leirado, é unha vila pequena de 200 h, onde se concentran os principais servizos e equipamentos do concello. Os menores de 20 anos supoñen o 7,6% da poboación fronte ao 44,9% dos maiores de 65 anos e o 47,4% dos adultos. Por sexos dominan as mulleres 54,18% fronte ao 45,81% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Quintela de Leirado é do 34,4% (44,5% a masculina e 25,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 30% (38,1% a masculina e 22,9% a feminina) e a taxa de paro é do 12,9% (14,4% a masculina e 10,7% a feminina). Malia ser un concello maioritariamente agrario, a porcentaxe de activos agrarios descendeu ata ocupar o 19,8%. As fortes pendentes do terreo dan como resultado unha excesiva fragmentación da terra. O viñedo pasou de ser un cultivo fundamental nos séculos pasados para converterse nun produto secundario (22 ha de cultivo), xa que é a produción forestal o recurso máis importante, especialmente a castaña. A gandaría porcina ocupa un lugar importante na estrutura económica. O sector secundario emprega ao 30,8% da poboación (16% na industria e 14,8 na construción), en pequenas empresas locais, aínda que existen numerosas persoas que se desprazan aos espazos urbanos próximos de Ourense, Celanova e Ribadavia. O sector servizos, co 49,4% da poboación activa, é o que maior poboación ocupa, sobre todo nos servizos públicos concentrados na capital municipal ou ben nos servizos dos concellos próximos. A principal vía de comunicación do concello é a estrada local Celanova-Quintela, que atravesa o termo pola súa parte central.
Historia
As primeiras referencias documentais do concello datan de época medieval, cando a parroquia de Leirado estivo baixo a xurisdición eclesiástica do mosteiro de Ramirás. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Quintela de Leirado pertenceron ás xurisdicións de Forxán, señorío do mosteiro de Celanova, e Milmanda, señorío do marqués de Malpica. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creouse o concello de Riomuíños. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Quintela de Leirado. En 1893 modificouse a división parroquial coa creación da parroquia de Xacebáns.
Patrimonio cultural
Destacan as igrexas parroquiais barrocas de San Pedro de Leirado, cun viacrucis nas proximidades, e a de San Salvador de Redemuíños, ademais da capela dos Remedios. Sobresae tamén o pazo de Pedra en Leirado. Do seu patrimonio natural destacan a serra de Laboreiro, declarada Lugar de Importancia Comunitaria en 2001 dentro da proposta Rede Natura 2000, e que forma parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. As principais festas que se celebran son as relixiosas do Santo Cristo de Redemuíños en maio, Santa Isabel en Mociños o 2 de xullo, o apóstolo Santiago en Xacebáns o 25 de xullo, San Xusto en Redemuíños o 6 de agosto, as de Nosa Señora do Carme en Quintela de Leirado en setembro, e a romaría dos Remedios en Leirado.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 31 Km2 |
| Poboación Total | 801 h |
| Poboación Homes | 367 h |
| Poboación Mulleres | 434 h |
| Densidade de poboación | 25.84 h/Km2 |
Parroquias
| Leirado |
| Mociños |
| Quintela de Leirado |
| Redemuíños |
| Xacebáns |