Rábade

Rábade


Concello da comarca de Lugo, situado no centro da provincia de Lugo. Limita ao N e ao O co concello de Begonte (comarca de Terra Chá), e ao S e L con Outeiro de Rei (comarca de Lugo). Abrangue unha superficie de 5,2 km 2, en que acolle unha poboación de 1.699 h (2007), distribuída nunha única parroquia, Rábade. A súa capital é a vila de Rábade, que se sitúa a 43° 07’ 18’’ de latitude N e 7° 37’ 25’’ de lonxitude O, e dista 15 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Lugo.
Xeografía física
O concello de Rábade atópase integrado dentro do conxunto da Terra Chá, polo que o substrato litolóxico sobre o que se asenta non presenta grandes complicacións dadas as súas escasas dimensións, e por atoparse nunha área de sedimentos aluviais cuaternarios arrastrados polo río Miño e lousas cámbricas. As formas do relevo presentan unha topografía de chaira, só incidida levemente na parte oriental polo paso do río Miño. Desde o punto de vista climático, está baixo o dominio oceánico con matices de continentalidade. As súas temperaturas medias non son excesivamente altas, ao redor dos 11-12°C, con invernos un tanto rigorosos (5-6°C) e veráns suaves (17-18°C). Condicionado pola presenza da Dorsal Occidental Galega, as precipitacións sitúanse ao redor dos 1.000 mm e as xeadas son bastante frecuentes na época invernal. A rede hidrográfica está marcada polo río Miño, que discorre polo O do concello e que separa Rábade de Outeiro de Rei.
Xeografía humana
O concello de Rábade era, no s XIX, unha pequena agrupación de vivendas ao redor do ferrocarril, que foi evolucionando ata converterse nunha pequena vila, centro de comunicacións cun importante desenvolvemento industrial. Posuía 514 h en 1900, poboación que foi medrando paulatinamente ata os 1.566 h en 1950, 1.814 en 1970 e 1.858 en 1981, data en que acadou o seu máximo de poboación. Esta etapa de intenso crecemento coincidiu co forte éxodo rural na Terra Chá e nas áreas próximas ao concello. Ao tratarse dun pequeno núcleo urbano ben comunicado e con certa relevancia industrial, o seu crecemento foi forte. Desde 1981 a poboación comezou a descender de forma lenta, ata chegar aos 1.583 en 2001. A diferenza desta dinámica, o s XXI comezou cun aumento da poboación e no padrón de 2007 cifráronse 1.699 h. Aínda así, en 2006 o crecemento vexetativo é negativo (-5,1‰) , polas baixas taxas de natalidade (6‰) e unha mortalidade crecente (11,1‰). A composición por idades mostra o avellentamento da poboación pois os maiores de 65 anos sono 25,2% da poboación fronte ao 17,2% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 57,6%. Por sexos a composición está equillibrada: 50,32% de mulleres e 49,67% de homes. Rábade é o único concello de toda a comunidade que conta cunha soa parroquia e cun único núcleo de poboación polo que a densidade é bastante elevada.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rábade é do 49,9% (61,7% a masculina e 38,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,7% (58,3% a masculina e 31,6% a feminina); e a taxa de paro é do 10,3% (5,5% a masculina e 17,7% a feminina). A estrutura do emprego por sectores económicos mostra un predominio do sector terciario, con máis da metade dos activos (62%), repartíndose o resto entre o secundario (33,3%) e o primario (4,7%). A industria ocupa ao 25,5% da poboación ocupada, mentres que a construción se reduce ao 7,8%. Ao estar ante unha pequena vila, capital dun concello de moi reducido tamaño, o primario posúe moi pouca importancia, polo que o número de explotacións agropecuarias é moi reducido (8 de gando bovino). No sector secundario, destaca o peso da industria, en especial daquelas empresas instaladas no polígono industrial, con predominio de industrias agroalimentarias de lácteos e pensos, mecánicas, de transformación metálica, instaladores industriais, prefabricados e axencias de transporte. Este polígono industrial aproveita o paso da N-VI e a súa proximidade á capital provincial. No sector terciario destacan os transportes e os servizos a empresas industriais, dada a súa condición de nó de comunicacións. Tamén existe un centro de educación secundaria. As principais vías de comunicación son a autovía A-6 (A Coruña-Madrid), a estrada N-VI (A Coruña-Madrid) e a C-641 (Ferrol-Rábade). Tamén percorre o concello a liña de ferrocarril A Coruña -Lugo-Monforte.
Historia
Poboadas desde época prerromana, as terras do concello de Rábade puideron pertencer ao condado de Superata durante o s VI, aínda que tamén se estableceu a posibilidade de que fose couto real durante a dominación sueva. En 1078 foi condado reguengo de Outeiro de Rei, e a finais do s XI conseguiu o título de vila. Durante a Baixa Idade Media foi escenario das loitas entre o mariscal Fernán Ares de Saavedra e Diego López de Haro, gobernador xeral do Reino de Galicia. Rábade foi un importante centro de comunicacións desde comezos da época medieval, posto que o seu territorio era atravesado polo Camiño Real que ía desde Madrid ata A Coruña, función que se mantivo no s XIX ao ser centro de tránsito cara aos portos pesqueiros do N e NO de Galicia. As crónicas medievais recollen un feito militar nas inmediacións da ponte Ravade, relacionado co asedio á fortaleza da Caldaloba, en tempos dos Reis Católicos. No s XVIII construíuse o Camiño Real de Madrid á Coruña. Na Guerra da Independencia foi lugar de paso das tropas francesas dirixidas polos mariscais Ney e Soult en persecución do xeneral Moore e, durante as guerras carlistas, foi un punto de avituallamento para o exército isabelino, sendo a súa ponte o escenario de varios fusilamentos. Durante o Antigo Réxime a parroquia de Rábade pertenceu á xurisdición de Outeiro de Rei, señorío do conde de Lemos. Ao longo das diversas divisións municipais a parroquia de San Vicenzo de Rábade integrouse nos concello de Outeiro de Rei en 1835 e de Begonte en 1840, no que permaneceu ata que en 1925 se constituíu como concello independente e en 1979 modificou o seu nome polo de Rábade.
Patrimonio cultural
A pesar do seu reducido tamaño, o concello de Rábade presenta un bo número de recursos turísticos, tanto desde o punto de vista arquitectónico, como natural e folclórico. Ademais da lápida sepulcral atopada nas terras do concello, conservada no Museo Diocesano de Lugo, con caracteres visigodos; e da súa ponte, destacan os pazos de Miraflores de Miño e o dos Freire, así como a capela dos Remedios. Desde o punto de vista natural, destacan as Insuas do río Miño (illas que se formaron no leito do río), algunhas delas conservadas como áreas recreativas; tamén a Lagoa do Rei, declarada espazo natural en réxime de protección xeral; e o espazo natural Parga-Ladra-Támoga, declarado Lugar de Interese Comunitario (2001), dentro da proposta Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as parroquiais en honor a San Vicenzo, as da Asunción, a romaría dos Remedios, a Festa da Empanada, e os campionatos de Triatlón Nacional ou a Copa Miño de Piragüismo, durante as festas do Corpus Christi.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Lugo
Extensión 5 Km2
Poboación Total 1699 h
Poboación Homes 844 h
Poboación Mulleres 855 h
Densidade de poboación 339.8 h/Km2

Parroquias

Rábade
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias