radar
(< ingl radar, acrónimo deRadio Detecting and Ranging)
Sistema que permite localizar, identificar un obxecto e avaliar a súa distancia por medio de ondas radioeléctricas de alta frecuencia. Consiste nun emisor moi potente que xera ondas radioeléctricas moi curtas, e polo tanto moi reflectibles, en forma de impulsos. Estes son transmitidos por unha antena parabólica altamente direccional, que xira sobre o seu eixo por medio dun mecanismo sincronizado. Cando os impulsos atopan un obstáculo, son reflectidos por este e captados pola antena (xa desconectada do emisor), que os envía a un receptor, onde son amplificados e aplicados ás placas deflectoras dun tubo de raios catódicos que traduce a diferenza de tempo entre o sinal enviado e o eco retornado, correspondente á distancia do obstáculo, nunha liña da pantalla cuxa medida, segundo unha determinada escala, indica a distancia á que se atopa o obstáculo. A pantalla do tubo de imaxe está adaptada para dar a posición e a distancia dos obxectos en movemento e as masas de terra ou as construcións fixas; a posición vén determinada pola dirección da antena cando o sinal captado é máis intenso. A velocidade do branco vén dada polo desfase da frecuencia da onda de retorno respecto á da onda emitida (efecto Doppler). O radar ten aplicacións militares, en aeronáutica, para a detección e localización de aeronaves, obxectivos terrestres ou fenómenos meteorolóxicos. Os radares terrestres empréganse máis para a circulación aérea que para a navegación, e os radares embarcados nas aeronaves serven para tarefas complementarias ás de circulación e navegación. En navegación emprégase para a identificación de escollos, icebergs e outros buques para evitar colisións.