radiodifusión
(< 1 radio-+ difusión)
Transmisión a distancia mediante ondas hertzianas do son, especialmente de voz humana e música, en forma de programas. A historia da radiodifusión -radio- é tamén a historia do electromagnetismo. H. C. Ørsted foi o primeiro en comprobar, en 1820, que unha agulla magnetizada é afectada por unha corrente eléctrica. A. M. Ampère, durante os mismos anos que Ørsted e baseándose nos experimentos deste, formulou a lei que leva ou seu nome. M. Faraday en 1831 interpretou as conclusións de Ørsted e Ampère e engadiu que un campo magnético variable induce unha forza electromotriz, e por tanto unha corrente eléctrica, nun condutor, e demostrou a veracidade desta hipótese ao construír o primeiro motor eléctrico. C. F. Gauss e W. Weber colaboraron entre 1831 e 1837 no estudo dos campos magnéticos, pero foi J. C. Maxwell quen deu unha expresión matemática á física dos fenómenos electromagnéticos baseándose nos traballos dos anteriores. As catro ecuacións diferenciais que se coñecen como leis de Maxwell representan o fundamento do electromagnetismo. Entre 1885 e 1889 H. Hertz demostrou a existencia das ondas electromagnéticas que Maxwell predixera dez anos antes. Hertz empregou un circuíto eléctrico capaz de producir oscilacións que contiña unha abertura nun cable eléctrico que producía ondas cun arco ionizado. O receptor era un cable circular cunha abertura similar. Con este aparato Hertz foi capaz de demostrar a transmisión de ondas electromagnéticas a distancia. En 1894 G. Marconi, coñecedor dos experimentos de Hertz, concibiu o uso das ondas “hertzianas” para a transmisión de telegramas. En 1895 conseguiu, empregando un oscilador e antenas direccionais creadas por el, transmitir e recibir sinais electromagnéticos a uns poucos quilómetros de distancia. Marconi descubriu o modo de sintonizar diferentes lonxitudes de onda ao empregar condensadores variables e experimentou o alcance con diferentes lonxitudes de onda. A diferenza do telégrafo, a transmisión de voz mediante ondas electromagnéticas implica o uso dunha frecuencia portadora de alta frecuencia modulada de modo continuo polo sinal sonoro. O oído humano responde a sinais acústicos entre 20 Hz e 20 Khz., pero non sería posible enviar este sinal directamente a unha antena para ser transmitido aínda que fora amplificado para darlle máis potencia. Unha antena para ser efectiva ten que ter unha dimensión da orde da lonxitude de onda. As antenas típicas teñen unha lonxitude igual á metade ou a un cuarto da lonxitude de onda que se quere tranmitir. Un sinal, por exemplo de 20 Khz, requiriría unha antena da orde dos 15 km e mil veces máis longa para os sinais de arredor de 20 Hz. Ademais este sinal interferiría con outros sinais deste tipo, sendo só posible unha única emisora nunha certa área. Por estas e outras razóns é necesario empregar unha portadora de frecuencia suficientemente alta e modulala co sinal sonoro, que foi posible cando en 1906 Lee de Forest inventou o tríodo de baleiro, que nuns poucos anos xa era empregado no uso de transmisores e receptores de radio como amplificador e detector e como oscilador de alta frecuencia. Na década de 1910 eran numerosas as emisións de radio, e en 1921 tivo lugar a primeira transmisión transatlántica de voz, empregando onda corta. Estas emisións utilizaban modulación de amplitude, o que permitía o uso de receptores moi simples. As emisións en frecuencia modulada comezaron en 1945. A modulación de amplitude (AM), empregada inicialmente, foi substituída despois pola modulación de frecuencia (FM), con frecuencias moito máis elevadas (VHF). Na AM empréganse a onda curta (OC ou SW), que comprende 8 bandas e ocupa desde os 5,95 aos 26,1 MHz; a onda media ou normal (OM ou MW), que comprende dos 525 aos 1.605 kHzK; e a onda longa (OL ou LW), dos 150 aos 285 kHz, xa pouco corrente. Cada emisora pode ocupar un ancho de 9 kHz, o que só permite transmitir unha banda sonora de 0 a 4.500 Hz. A FM utiliza a banda dosaproximadamente 87 aos 105 mHz, e cada emisora pode ocupar un ancho de 300 kHz, co que se poden transmitir ata 15.000 Hz. Caracterízase por unha alta fidelidade e calidade, pero o alcance da emisora é reducido. A maioría de emisoras de FM emiten en estereofonía: a FM estéreo (FMS), que se basea na transmisión da información mediante dúas canles, dereita (D) e esquerda (E); é compatible (compatibilidade) coa FM normal ou monofónica. Para a recepción dos programas de radio empréganse os radiorreceptores. OBS: Tamén se emprega a forma apocopada radio.