Rákóczy Rákóczi
Liñaxe da nobreza húngara, establecida no Condado de Zemplén e destacada na historia de Transilvania, á que lle deu unha dinastía de príncipes ou voivodas (ss XVI-XVIII). Entre outros membros, destacou Sexismundo II (1544-1608), príncipe desde 1607 a 1608. O seu fillo Xurxo I (1593-1684), príncipe desde 1630 ata 1648, aliouse con Francia e Suecia e atacou Hungría. Foi pai de Xurxo II (1621-1660), que o sucedeu como príncipe en 1648 e foi derrotado polos polacos e deposto polos turcos (1657), pero volveu ao trono en 1658. O seu fillo Francisco I (1645-1676) non puido recuperar a Coroa de Transilvania e foi pai de Francisco II (1676-1735), que foi nomeado príncipe do Sacro Imperio (1697). Elixido en 1704 príncipe de Transilvania e en 1705 xefe da Confederación Húngara, en 1707 proclamou a independencia de Hungría, pero foi derrotado polo exército austríaco en Trenčín (1708).