rapina

rapina

(< lat rapīna)

  1. s f

    Acción e efecto de rapinar.

  2. s f [DER/HIST]

    Delito que consiste na subtracción violenta dunha cousa allea. Na antiga Roma comportaba unha acción penal infamante para obter do autor do delito unha indemnización equivalente ao cuádruplo do substraído. Durante a época dos bárbaros o termo tipificaba todo tipo de furtos e roubos feitos durante o día.

    Sinónimos: pillaxe.
  3. ave de rapina [ORNIT]

    1 rapaz.

  4. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Nome común que reciben algunhas aves da familia dos accipítridos, do xénero Circus.

    2. rapina arpella/sapeira/das xunqueiras [port: tartaranhão dos pauis; cast: aguilucho lagunero; ingl: marsh harrier] [Circus aeruginosus, Fam dos accipítridos]

      Ave rapaz de ata 56 cm de lonxitude, con dimorfismo sexual; o macho ten a plumaxe castaña escura, pero a cabeza e o peito son máis claros e a cola e o extremo das ás de cor cincenta; a femia é parda escura, pero a cabeza e parte anterior das ás son máis claras. Vive en zonas lacustres e pantanosas máis ou menos extensas, alimentándose doutras aves acuáticas, anfibios (de aí o nome de sapeira), réptiles e micromamíferos. Está presente en case toda Europa, e en toda a Península Ibérica; en Galicia, aínda que está presente, non está confirmada a súa nidificación, e é rara de ver.

    3. rapina branca

      gatafornela.

    4. s f rapina cincenta [port: tartaranhão; cast: aguilucho cenizo; ingl: montagu’s harrier] [Circus pygargus, Fam dos accipítridos] s f

      Ave rapaz de ata 46 cm de lonxitude, con dimorfismo sexual; a plumaxe do macho é cincenta, agás no ventre que é riscado e as ás coas puntas negras; a femia ten a plumaxe acastañada no dorso, co ventre riscado, e a mitra branca. Vive en zonas de monte baixo e campo aberto, e aliméntase de micromamíferos, pequenas aves, réptiles e anfibios e insectos. En España a súa presenza é estival, ao igual que en todo o territorio de Galicia, entre abril e setembro.

Palabras veciñas

Raphidia | rapidez | rápido -da | rapina | rapinar | Rapisardi, Mario | rapón