Redondela
Concello da comarca de Vigo situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 17’ de latitude N e 8° 37’ de lonxitude O. Limita ao N con Soutomaior (comarca de Vigo), ao L con Pazos de Borbén (comarca de Vigo), ao S con Mos e Vigo (ambas as dúas na comarca de Vigo), e ao O coa ría de Vigo. Abrangue unha superficie de 52,1 km 2 cunha poboación de 29.987 h (2007), distribuída nas parroquias de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela, Vilar de Infesta e O Viso. A capital está na vila de Redondela, na parroquia homónima, a 73 km de Santiago de Compostela e a 19 de Pontevedra. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Redondela.
Xeografía física
Desde o punto de vista orográfico o territorio divídese en tres franxas lonxitudinais de dirección N-S. A máis oriental correspóndese con pequenas aliñacións montañosas, cunha altitude media entre os 300-400 m, resolta en pequenas elevacións illadas que serven de separación á ría de Vigo e á Depresión Meridiana da conca do sistema fluvial Verdugo-Oitavén. O centro do territorio correspóndese coa Depresión Meridiana, parcialmente somerxida pola enseada de San Simón, con altitudes por debaixo dos 100 m. Ao SO localízase un pequeno macizo que corresponde co extremo N dunha aliñación montañosa que marca o flanco occidental da Depresión Meridiana entre Tui e Vigo. Este reducido sector ten tamén altitudes modestas que superan escasamente os 400 m, pero a inmediatez do mar dá lugar a importantes pendentes. O litoral é moderadamente recortado, alternando áreas con cantís naqueles tramos en que chegan as montañas ao mar (Rande), con outros en que aparecen extensas praias (Cesantes) coincidindo coa Depresión Meridiana. Redondela está en pleno dominio climático oceánico húmido, con tendencia á aridez estival. Sitúase no fondo da ría de Vigo e posúe unhas condicións climáticas caracterizadas polas fortes precipitacións en outono e inverno, así como unhas temperaturas moi suaves e un verán seco. A temperatura media anual é de 14,9°C, cunha media de xaneiro de 10,2°C e en xullo de 20°C, e unha amplitude térmica extrema que acada os 17,6°C. As precipitacións anuais medias acadan uns 1.412 mm, cunha distribución estacional onde o 37% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 8% do verán, o que amosa unha notable seca estival, mentres que a primavera co 26% e o outono co 28% presentan valores intermedios. A rede hidrográfica é modesta, e resólvese en pequenos regos que drenan montañas moi próximas á costa, entre os que destacan o Alvedosa e o Maceiras. A vexetación natural, agás na beira dos ríos, está practicamente desprazada polo eucalipto.
Xeografía humana
A evolución da poboación foi altamente positiva; en ningún período intercensual rexistrou perdas de poboación, polo que, en 2001 (29.003 h) case triplicou os seus efectivos demográficos respecto aos que posuía en 1900 (10.843 h). Esta evolución positiva non tivo a mesma intensidade, pois desde 1900 rexistráronse momentos de rápido crecemento e períodos próximos a crecemento cero. O s XX arrancou cun prolongado período de moderado crecemento, de xeito que entre 1900 e 1940 medrou un 1,40% interanual, xa que se beneficiou do aumento da industria pesqueira instalada na ría de Vigo. Entre 1940 e 1960 viviu unha etapa de estancamento, cun 0,08% interanual. A etapa de progresión demográfica correspondeu co período 1960-1981, cando a expansión industrial da área urbana de Vigo afectou a Chapela, parcialmente integrada na cidade olívica; medrou neste período un 2,90% interanual grazas á afluencia de traballadores atraídos pola industria redondelá. A crise industrial da década de 1980 pasou factura a este concello, que volveu moderar o seu ritmo de crecemento (0,20% interanual entre 1981 e 1991), volvendo rexistrar un leve repunte das correntes emigratorias ante o peche de moitas empresas asentadas no seu territorio. A década final do s XX acelerou suavemente as taxas de crecemento interanual (0,48% entre 1991 e 2001) grazas á recuperación xeral da economía da área de Vigo. O aumento da poboación continuou nos comezos do s XXI e así entre 2001 e 2007 o 3,39%. A poboación de Redondela é tributaria da dinámica da área urbana de Vigo, así como dos principais sectores industriais. Entre todos os asentamentos do concello destacan as vilas de Redondela e Chapela, que por si soas agrupan case a metade dos seus habitantes. En 2006 o crecemento natural da poboación foi positivo (1,4‰), froito dunha elevada natalidade (9,4‰), a mortalidade é do 8‰. A poboación é moi nova grazas á positiva repercusión da inmigración de décadas atrás; os menores de 20 anos representan o 18,2% mentres que os de máis de 65 anos suman o 16,1% da poboación; o grupo intermedio representa o 65,8%. Por sexos dominan as mulleres (51,29%) fronte aos homes (48,98%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Redondela é dun 55,5% (69,5% a masculina e 46,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,7% (62,8% a masculina e 37,4% a feminina); e a taxa de paro é do 13,7% (9,6% a masculina e 19,4% a feminina). A agricultura supón o 1% da poboación ocupada, especialmente a tempo parcial. A superficie cultivada representa o 33,17% do seu territorio, onde destacan o millo, o viñedo e a pataca como principais cultivos. O gando apenas ten relevancia; os prados e pastos só representan o 0,71% do seu territorio. A pesca conta cunha grande importancia económica, non tanto polo emprego xerado, cifrado no 5,6% da poboación ocupada, senón pola relevancia das empresas pesqueiras e especializadas na acuicultura localizadas no concello. A industria é un dos principais puntais da súa economía, co 31,8% da man de obra, con empresas conserveiras e de conxelados, téxtiles, de construción naval, de maquinaria, de madeira, metalúrxicas e papeleiras. A construción ocupa o 11,9% dos traballadores, tanto en obras desenvolvidas no concello como na área urbana viguesa. Os servizos representan o 49,7% da man de obra, especialmente o equipamento terciario das localidades de Redondela e Chapela. Moitos dos comercios e servizos situados no concello, en especial nas vías de comunicación que as comunican coa cidade olívica, son funcións terciarias tributarias da dinámica interna da área de Vigo, o que explica a gran cantidade de actividades relacionadas co moble e a automoción que se asentan no concello. As principais vías de comunicación son a autopista AP-9, de Vigo á Coruña e Ferrol, e as estradas N-550, da Coruña a Tui; N-552, de Redondela a Vigo; e N-555 de Redondela ao aeroporto de Peinador. Ademais atravesan o concello as liñas férreas de Vigo-A Coruña e Vigo-Monforte.
Historia
A antigüidade do poboamento do concello amósase nos restos arqueolóxicos atopados. Destacan a necrópole megalítica de Chan das Formigas, entre as parroquias de Trasmañó e Cabeiro, e os gravados rupestres de Negros ou Ventosela. A romanización debeu ser moi intensa nestas terras, cuxas condicións meteorolóxicas fixeron posible o poboamento desde datas temperás. Durante a Idade Media unha gran parte do territorio formou parte do señorío da mitra compostelá e o bispo Xelmírez estableceuse alí temporalmente despois de ser desterrado. É lugar de paso do Camiño Portugués a Santiago. As illas de Santo Antonio e San Simón foron o lugar de acollida para varias ordes relixiosas, como beneditinos, franciscanos e templarios, ao longo de moitos séculos e ata 1830. En 1838 convertéronse en lazaretos de Vigo e xa no s XX foron cárcere durante a Guerra Civil. A situación costeira do concello fixo que, ao longo do tempo, fose atacada desde o mar por frotas de distintos países ou por piratas. Destacan a Batalla de Rande (1702) ou o ataque francés á vila durante a Guerra da Independencia (o 12 de abril de 1809), como represalia pola axuda prestada polos habitantes de Redondela aos seus veciños de Tui durante o asedio francés. Ademais, os seus habitantes participaron na Batalla de Pontesampaio (1809). Durante o Antigo Réxime o territorio que integra o concello de Redondela pertenceu ás xurisdicións de Redondela a Nova, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Saxamonde, señorío do bispo e do cabido de Tui; Val do Fragoso, rexida polos seus veciños; e o couto redondo de Cedeira, señorío dunha casa fidalga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Redondela, Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa fusión destes concellos no de Redondela.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan os miliarios de época romana de Vilar de Infesta. Sobresaen tamén a ermida de Nosa Señora da Peneda, a capela barroca das Angustias e as igrexas parroquiais de Santo André de Cedeira, San Pedro de Cesantes, Santiago de Redondela, Santa María de Reboreda, San Fausto de Chapela e a de Santa María do Viso, o convento de Vilavella, ademais dos Pousadoiros, Torre de Agrelo, Reboreda e Torre Cedeira. Destacan tamén a ponte de Rande e os viadutos de Madrid e Pontevedra, que atravesan o centro urbano. O espazo natural da enseada de San Simón foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (2001), dentro da proposta Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello están as patronais de Santa Mariña (Redondela), Santa María (Reboreda) e da Virxe das Angustias (Santa Mariña), os Reis coa celebración dos Ranchos, a Festa do Choco, os Maios e Corpus (Redondela), coa danza das espadas e das penlas.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 52 Km2 |
| Poboación Total | 29987 h |
| Poboación Homes | 14605 h |
| Poboación Mulleres | 15382 h |
| Densidade de poboación | 576.67 h/Km2 |