Regojo
Regojo
Empresa do sector téxtil creada en Redondela por Xosé Regojo (1900-1993), quen se instalou na vila ao redor de 1928. Dedicada inicialmente á fabricación de camisas, durante a Guerra Civil converteuse en provedor oficial do exército franquista e diversificou a súa produción. Acadou o seu apoxeo na década de 1960 coa fabricación da camisa Dalí e a comezos de 1970 tiña fábricas en Zamora, Redondela e Soutomaior. Moi afectada pola crise xeral da década de 1970, pechou a comezos dos anos oitenta. Un dos sucesores do fundador mantén en Portugal o Grupo Regojo.