reixa

reixa

(< lat [porta] regĭa?‘porta do señor’)

  1. s f [ARQUIT/CONSTR]

    Conxunto de barras, paralelas ou entrecruzadas, de ferro, madeira, bronce ou outros materiais que, con predominio do baleiro sobre o cheo, separan un ambiente ou protexen unha abertura. Durante a Antigüidade foron moi simples e de uso moi escaso, pero desde a Alta Idade Media foron máis habituais e fixéronse progresivamente máis elaboradas, e substituíron portas e fiestras ou estableceron separacións entre espazos. A partir do s XVII utilizáronse reixas de ferro para pechar espazos descubertos, e fóronse enreixando sistematicamente as fiestras das plantas baixas, terrazas ou balcóns. O modernismo recreou no ferro a lixeireza e a elegancia das formas naturais. Contemporaneamente, incorporáronse materiais novos á fabricación de reixas, como o aluminio, que limita as posibilidades de elaboración formal.
    Evolución da reixa en Galicia
    Durante a Idade Media realizáronse reixas das que quedan poucas mostras. Sábese, pola Historia Compostellana, que a catedral de Santiago de Compostela tiña unha reixa de ferro que pechaba a capela maior. Do románico consérvase parte da reixa que pechaba o acceso á absida de Santa María de Melide. A comezos do s XVI as pautas góticas comezaron a mesturarse coas novas ideas renacentistas. Destacaron Xoán Francés, artesán de orixe francesa, que realizou as reixas da capela e do vestíbulo do Hospital Real de Santiago de Compostela, e Guillém Bourse, que realizou diversas reixas na catedral compostelá, das que se conservan as da capela de Mondragón. A linguaxe renancentista empregouse nas reixas da capela maior e do coro da catedral compostelá, obra de Pedro Flamenco, e nas da capela do Sacramento, obra do mestre Domingo. Destacaron tamén os mestres Luís Estrada, que traballou nas catedrais de Mondoñedo e Lugo, e Baltasar Ruiz e Pedro de Sobrado, ambos os dous na catedral de Lugo. A finais do s XVI introducíronse as novas formas da linguaxe manierista. Destacaron Sadornín Fernández (capela de San Xosé na igrexa de Salomé en Santiago de Compostela), Macías Lozano (catedral de Tui) e Juan Bautista Celma, autor das da catedral de Ourense e as de Santo Estevo de Ribas de Sil, introdutor da linguaxe manierista. Da época barroca (s XVII-XVIII) destacou a familia Lorenzo, que realizou diversas reixas na catedral compostelá, as da capela da Prima e a de Nosa Señora da Barca. Fernando de Casas Novoa tamén trazou diversas reixas para a catedral (capela do Pilar) e para San Martiño Pinario. A finais do s XVIII destacaron Nicolao e Manuel Vidal e Domingos de Vigo, autor das reixas da Porta Santa da catedral. Da época contemporánea destacan as reixas do Parlamento de Galicia no pazo do Hórreo.

  2. s f [FÍS]

    Eléctrodo auxiliar dun tubo electrónico, empregado xeralmente como eléctrodo de control, pero que en certos tubos ten outra misión, como é o caso da reixa pantalla e a reixa supresora dos péntodos.

  3. reixa de debuxo [ARQUEOL]

    Bastidor ou cadrante dun metro de lado subdividido con fío ou arame cada 10 cm que se emprega para facilitar o debuxo arqueolóxico. Sitúase sobre a zona a debuxar e permite a localización exacta no plano dos obxectos atopados durante a escavación.