relevo
(
-
s
m
Porción de algo que sobresae dunha superficie.
-
s
m
[XEOG]
Conxunto de formas que accidentan a superficie terrestre, resultado das interaccións dos diferentes compoñentes do espazo xeográfico: a litosfera, a atmosfera, a hidrosfera e a biosfera. A xeomorfoloxía estuda as formas de relevo e a súa xénese. As formas que constitúen o relevo terrestre están relacionadas coa actuación dos procesos externos de modelado (chuvia, vento e temperatura) e cos factores internos (litoloxía, forma do xacemento e disposición tectónica). Cada un destes factores ten unha diferente maneira de actuar, que orixinan por tanto formas distintas. O modelado do relevo dun ou doutro axente vén condicionado, en última instancia, polo clima imperante, de forma que cada dominio climático ten un axente erosivo característico ou predominante, aínda que os outros tamén poidan estar presentes. Outro factor importante é o tempo, necesario para que poidan actuar os axentes xeolóxicos, tanto externos coma internos, e desenvolver calquera tipo de relevo. A natureza das rochas pode condicionar o relevo, polo que se distinguen, segundo a litoloxía predominante, o relevo cárstico, o relevo sobre rochas metamórficas e o relevo volcánico. As rochas calcarias erosiónanse dando poucos residuos de alteración. Son compactas e permeables, polo que a auga da chuvia penetra a favor das diáclases ata que acada o nivel de base sobre unha rocha impermeable, formando entón unha corrente de auga subterránea. A auga, cargada de dióxido de carbono, produce na rocha unha disolución ao penetrar nas fracturas. Co tempo, estas vanse ensanchando ata orixinar a formación de ocos ou grandes cavernas. En climas de alta montaña, continentais fríos e temperados húmidos, a auga actúa especialmente na rocha calcaria e disolve gran cantidade dela, dando lugar a uns relevos típicos caracterizados pola existencia de dolinas, lapiás, poljé, simas e cavernas, entre outras formas. As rochas metamórficas que aparecen na superficie da Terra son o resultado da erosión dos antigos macizos ou ben das intrusións ígneas. Trátase de rochas resistentes á fragmentación pero moi susceptibles á alteración. A rocha metamórfica máis abundante é o granito. Os granitos están formados polo agregado de cuarzo, feldespato e mica. Unha vez húmida a rocha, a mica e o feldespato disólvense, polo que o granito se desintegra. Este proceso dáse sempre, pero sobre todo baixo condicións de climas cálidos e húmidos. As fendas ou diáclases afectan con frecuencia ao granito e permiten a penetración da auga, facendo posible a desagregación dos minerais que o compoñen, ou ben a súa fragmentación en varios bloques. Os relevos resultantes maniféstanse en resaltes rochosos, onde as súas vertentes coinciden cos planos de diáclase. Estes relevos, consecuencia dunha erosión diferencial, presentan unha ruptura de pendente na súa base, onde se acumulan os restos da meteorización que forman unha espesa capa areosa. Os resaltes cuarcíticos preséntanse en forma de cristas filonianas ou diques, mentres que os granitos fano en forma de outeiros. O relevo volcánico é un relevo estrutural engadido. Sitúase de forma artificial sobre outros relevos existentes con anterioridade. Os volcáns complexos son a morfoloxía máis habitual, xa que é raro que apareza nunha erupción volcánica cun único cono illado. O que resulta máis frecuente é que, sobre o cráter dun cono, teña lugar unha nova erupción, en que se van encaixando os sucesivos conos. A erosión ataca os relevos volcánicos respectando pouco máis que as lavas, duras polo xeral, desmantelando as escouras máis vulnerables por brandas, e actuando sobre as demais rochas segundo a diferenza de resistencia destas. As formas do relevo dependen en boa medida de como estean dispostos os materiais que o compoñen. Non se dan as mesmas formas de relevo en estratos horizontais ca nos inclinados, pregados ou fallados. Nos relevos estruturais destacan os relevos aclinais, os monoclinais ou en costa, os fallados, os pregados e os apalachenses. O relevo aclinal desenvólvese nas rexións con estratos horizontais, onde a estrutura se impón ás formas, especialmente se hai capas de distinta resistencia. A estrutura mantense dando a forma do relevo. Neste caso, os estratos resistentes dificultan a erosión e sobre eles desenvólvense chairas estruturais, cortadas bruscamente por vales fluviais. Se hai varios estratos resistentes intercalados entre os brandos, ademais da superficie da chaira estrutural poden existir superficies estruturais colgadas na baixada a diferentes alturas. Fálase entón dun relevo de chanzo. Nas rexións con estratos inclinados, se estes buzan lixeiramente, orixínanse as costas, que dan lugar ao relevo monoclinal. Trátase de pequenas elevacións do terreo levemente inclinadas onde existe unha simetría. O relevo monoclinal adoita aparecer nos bordos marxinais das concas sedimentarias, onde a estrutura da cubeta subxacente adopta unha pendente moi acusada. É necesario que exista variedade litolóxica que se comporte de distinta maneira ante uns mesmos axentes erosivos. Cando a tectónica supera a capacidade de deformación das rochas, a estrutura xeolóxica aparece dislocada ou fracturada. Son relevos fallados todos aqueles relevos controlados por fenómenos de dislocación. As fallas poden influír na formación do relevo de tres formas diferentes: creando desniveis de pendentes, poñendo en contacto afloramentos de rochas diferentes ou modificando os caracteres do rochedo nas proximidades do plano de dislocación. Nas rexións pregadas acostuma darse unha morfoloxía baseada na erosión diferencial das rochas. Nos pregos suaves e simétricos, de estilo xurásico, desenvólvese unha morfoloxía especial, xa que se forman relevos consecuentes ou conformes coas estruturas que se coñecen como relevos xurásicos. Os anticlinais correspóndense coas aliñacións das montañas e os sinclinais cos vales. A escisión dos anticlinais iníciase pola presenza de cabeceiras de barrancos, que chegan a medrar ata truncar por un val o antigo anticlinal. A erosión continuada co eixe dun anticlinal pode facer desaparecer a capa competente, e formarse unha depresión de paredes escarpadas correspondentes ás rochas duras, e unhas ladeiras suaves correspondentes ás rochas brandas inferiores. Se a erosión dos eixes dos anticlinais se desenvolve moito poden formarse relevos invertidos ou subalpinos, de forma que os vales equivalen aos anticlinais e aos sinclinais. En certas ocasións, os ríos poden reactivar a súa enerxía e encaixarse na superficie, aproveitando as capas menos resistentes. Quedan así en resalte as capas máis resistentes, todas elas como aliñacións topográficas da mesma altura. Este tipo de relevo é o denominado relevo apalachense. Independentemente da litoloxía e da estrutura das rochas, certas características da paisaxe débense á influencia directa do clima, que impón as condicións baixo as que ten lugar o modelado e determina a evolución deste. Nas zonas temperadas de climas húmidos oceánicos, como Galicia, desenvólvese o chamado sistema de erosión normal, onde o mecanismo erosivo predominante é a meteorización química das rochas e o desenvolvemento de chans potentes e ben estruturados, como consecuencia da actividade das temperaturas e unha notable pluviometría destas rexións. As accións mecánicas son, polo contrario, moi restrinxidas, dada a homoxénea regularidade con que caen as precipitacións, a ausencia de axentes erosivos especialmente agresivos e o efecto de papel protector que exerce a abundante vexetación, propia destas áreas, sobre o terreo. As áreas temperadas de clima mediterráneo con espazos subáridos, as rexións esteparias dos continentes e as zonas áridas, con desertos, presentan actualmente formas chairas do relevo. A súa xénese é parecida en todas elas, pois obedece ao resultado dunha erosión similar. Nestes espazos a primeira consecuencia dos seus caracteres climáticos é a existencia dunha vexetación precaria e discontinua. Nestas condicións, ten lugar unha intensa disgregación e ruptura mecánica das rochas, polo efecto das alternancias térmicas. Isto é a causa da tremenda efectividade das augas torrenciais, dado o violento e concentrado das escasas precipitacións e a ampla posibilidade dos fenómenos eólicos, como consecuencia da secura habitual da superficie do terreo. A acción das augas torrenciais provoca o desmantelamento progresivo das ladeiras e o seu retroceso. Os materiais escorregados pola acción da gravidade das ladeiras e pendentes, como consecuencia da súa erosión, son distribuídos ao pé das mesmas polas augas torrenciais de chuvia, que forman mantos de arroiada. Desta forma, estes materiais deposítanse en grandes extensións, formando chairas de pendente suave (glacis), se se desenvolven sobre rochas brandas, ou de pedimentos, se o fan sobre rochas duras e cristalinas. No interior das zonas desérticas adoitan formarse chairas endorreicas, espazos lixeiramente deprimidos e sen drenaxe ou saída ao mar. O deserto iníciase a partir dun macizo montañoso que sofre unha erosión debido ás variacións de temperatura entre o día e a noite, que provocan unha fragmentación das rochas en maior ou menor grao. O transporte e sedimentación polo vento dos materiais fragmentados é moi activo, dado que as zonas áridas manteñen sobre elas frecuentemente un anticiclón que fai que o vento sopre sempre desde o seu interior (áreas de alta presión) cara á periferia (áreas de baixa presión), arrastrando e seleccionando os materiais erosionados e fragmentados. Os cantos máis grosos quedan preto do macizo montañoso do que proceden, formando un deserto pedregoso (reg), mentres que as areas se sitúan a continuación, formando un deserto areoso (erg). Por último, deposítanse as partículas máis finas en limo, dando lugar ao loess. As áreas de climas moi fríos tamén posúen formas de relevo propias, derivadas da erosión glacial. Esta erosión ten lugar actualmente nos espazos ocupados por grandes bloques de xeo, como Groenlandia, a Antártida ou os vales na alta montaña. Aínda que este sistema estea reducido a determinados espazos, foi o que modelou enormes extensións de territorio durante o Cuaternario, deixando unhas formas e unhas pegadas características que aínda perduran en amplos espazos. Un glaciar fórmase só nas áreas de frío persistente, pero afecta a outros espazos cando a masa de xeo se despraza por vertentes ou vales. O modelado exercido polo glaciar dá lugar a determinadas formas de relevo como os circos, os vales, as chairas e as mesetas glaciarias.
O relevo galego
A morfoloxía do relevo galego sitúase entre as chairas elevadas da área setentrional e a sucesión de serras e depresións de orixe tectónica no sector meridional. Está formado por unha serie de serras e penechairas que se alternan con depresións e vales. Presenta formas suaves, froito do longo proceso erosivo ao que foi sometido, non obstante, non faltan áreas máis rexuvenecidas polos movementos alpinos e as formacións posteriores. Pódese dividir, de forma xeral, en tres unidades diferenciadas. Un primeiro espazo son os sectores máis elevados, que coinciden coas serras orientais, as serras setentrionais e a Dorsal Occidental Galega. As máximas altitudes acádanse nas serras orientais (serra dos Ancares, serra do Courel, macizo de Manzaneda e serra de Queixa), mentres que nas serras setentrionais (serra da Faladoira, serra da Capelada) e na Dorsal Occidental Galega (serra da Loba, serra da Cova da Serpe, serra do Faro, montes do Testeiro, serra do Suído, serra do Faro de Avión), as altitudes son máis modestas, entre os 700-1.100 m. Outro sector importante son as grandes extensións do interior de Galicia, cunha altitude entre os 400-600 m, nos que destacan a meseta lucense, o NO de Ourense, o O da Dorsal Occidental Galega e o centro da provincia da Coruña. Das áreas afundidas destacan as depresións das Pontes de García Rodríguez, Sarria e Monforte, Valdeorras, Maceda ou a Depresión Meridiana. Outro elemento importante son as costas, que se desenvolven ao longo de máis de 1.600 km. O seu elemento máis característico son as rías. A sucesión de praias e cantís, a máis ou menos altura e pendente, é continua. -
s
m
[ARTE]
Escultura non exenta. As figuras poden realizarse cara ao fondo (relevo fundido) ou cara a fóra (relevo saínte). Neste último caso distínguese entre altorrelevo, cando sobresae do fondo máis da metade do seu vulto, mediorrelevo, cando só sobresae a metade, e baixorrelevo, cando sobresae menos da metade. Cando a liña de contorno das figuras está escavada, proporcionando claridade á representación, denomínase relevo escavado ou refundido. A práctica do relevo escultórico iniciouse na Prehistoria, pero as súas primeiras manifestacións plenamente definidas están no mundo exipcio e mesopotámico, subordinadas ao marco arquitectónico, característica que se mantivo ao longo de toda a historia. Desde un punto de vista plástico pode considerarse cun carácter espacial ou segundo un criterio simplemente volumétrico. O relevo espacial é aquel en que o fondo do relevo non é tan só un soporte senón un medio para crear profundidade. É o caso dos relevos romanos e renacentistas. No outro tipo, común na Antigüidade e na época medieval, a superficie do fondo non intervén como elemento expresivo da obra, senón en canto á súa calidade textural. En arte contemporánea, o concepto superou o ámbito propio da escultura e pode falarse de relevo dentro da obra pitórica, na que se provoca unha ruptura tridimensional ou se lle engaden obxectos ou elementos tomados da realidade.
-
s
m
Sona dunha persoa.
-
s
m
Importancia que se lle dá a algo ou alguén.
-
s
m
Calidade do que se manifesta con claridade por estar ben contrastado.
-
s
m
[XEOL]
Fenómeno que consiste en destacar un mineral do medio en que está mergullado para podelo observar mellor (xeralmente mediante bálsamo do Canadá). Serve para poder determinar o índice de refracción do mineral.
Frases feitas
-
En relevo. De maneira que forma relevo.
-
Pór/poñer de relevo. Realzar ou destacar algo.