Revolucións de 1848

Revolucións de 1848

Conxunto de movementos revolucionarios que axitaron Europa entre febreiro de 1848 e o verán de 1849, que tiveron como substrato común a crise económica de 1846-1847, o rexeitamento dos réximes autoritarios e a exaltación do sentimento nacional, pero diferiron nos seus obxectivos. Mentres que en París e Viena se loitou principalmente pola implantación ou ampliación do constitucionalismo, en Italia, en Alemaña e na maior parte do Imperio Austríaco as revolucións pretenderon a constitución de estados nacionais rexidos por sistemas democráticos. Iniciáronse en Francia, coas revoltas de París dos días 22-24 de febreiro e derrocaron a monarquía de Luís Filipe I de Francia, formándose un goberno provisional que proclamou a Segunda República Francesa. En Italia os revolucionarios reivindicaron constitucións liberais, a expulsión dos austríacos e a reunificación da península. En Austria, o primeiro levantamento de Viena (13-15 de marzo) provocou a dimisión de K. Metternich e o outorgamento dunha constitución, pero as sucesivas revoltas provocaron a renuncia do Emperador Fernando I a favor do seu sobriño Francisco Xosé I. En Alemaña, o desexo dunha nación unida congregou en Frankfurt unha Asemblea Nacional (1848-1849) que redactou unha constitución que prefiguraba a do II Reich. En canto a España, as revolucións tiveron menos efecto ca no resto de Europa porque a “ditadura legal” implantada por R. M. Narváez fixo abortar toda tentativa revolucionaria.

Palabras veciñas

Revolución, La | revolucionar | revolucionario -ria | Revolucións de 1848 | revoluto -ta | revolvedeira | revolver