Rhode Island
Estado de Nova Inglaterra, EE UU, o máis pequeno en extensión e o segundo máis densamente poboado (3.140 km2; 1.048.319 h [2000]). A súa capital é Providence. Limita ao N e ao L con Massachusetts, ao O con Connecticut e ao S co Océano Atlántico. O territorio é case chá, cunha extensión litoral relativamente grande. Predomina o sector industrial, con industrias téxtiles, construción de maquinaria, instrumentos de precisión e equipamentos eléctricos. Os primeiros poboadores europeos foron emigrantes relixiosos de Massachusetts, que se estableceron en Portsmouth, Newport News, Warwick e Providence na primeira metade do s XVII. As catro cidades uníronse en 1644, e en 1663 Carlos II de Inglaterra outorgoulle un estatuto onde establecía a liberdade relixiosa e as fronteiras do estado actual. Foi a primeira colonia en proclamarse independente (1776) e entrou na Unión en 1790. Durante o s XIX iniciou un rápido proceso de industrialización que atraeu unha forte inmigración.