Rianxo
Concello da comarca de Barbanza, situado no SO da provincia da Coruña, no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N con Lousame (comarca de Noia), ao S coa ría de Arousa, ao L con Dodro (comarca do Sar) e ao O con Boiro (comarca de Barbanza). Abrangue unha superficie de 58,8 km 2 , en que acolle unha poboación de 11.554 h (2007), distribuída nas parroquias do Araño, Asados, Isorna, Leiro, Rianxo e Taragoña. A súa capital é a vila de Rianxo, situada a 42° 39’ 10’’ de latitude N e 8° 48’ 52’’ de lonxitude O, localizada a 104 km da capital provincial e 36 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Padrón.
Xeografía física
Rianxo, situado no fondo da ría de Arousa, na súa marxe dereita, está nunha zona de transición entre a serra do Barbanza, o val de Quintáns e o esteiro do Ulla. O territorio encóntrase compartimentado en bloques elevados e afundidos cunha dirección SO-NL. As áreas elevadas están moi suavizadas, e as áreas baixas atópanse cubertas de sedimentos procedentes tanto do medio continental como do mariño. A alternancia de materiais duros (granitos hercínicos), brandos (xistos da serie de Ordes) e a presenza de numerosas fallas fan posible a disposición actual do relevo. A rede fluvial está marcada polo río Te e o seu val, un corredor tectónico con dirección SO-NL, que divide en dúas partes o territorio rianxeiro. As maiores altitudes sitúanse no sector occidental, onde destacan o pico da Muralla (674 m) e o monte do Treito (624 m). No sector oriental, as altitudes son menores. Desde o punto de vista climático, Rianxo está encadrado na variante oceánica hiperhúmida, con temperaturas moi suaves ao longo de todo o ano (14°C), con medias invernais de 9-10°C e estivais tamén moi suaves (19-20°C). As precipitacións medias anuais (1.500 mm), dada a súa apertura cara ao SO, increméntanse nas áreas de montaña chegando a acadar os 2.000 mm, dada a súa posición como pantalla pluviométrica. As xeadas son case inexistentes. Desde o punto de vista hidrográfico, ademais do curso baixo do Ulla destaca o río Te, que nace na Muralla e percorre o fondo da depresión tectónica que forma o val. Desemboca na punta da Torre, tras deixar unha produtiva zona ben aproveitada agricolamente. Os restantes cursos de auga do concello son regatos de pouca importancia como o do Pazo, Rial e Isorna.
Xeografía humana
Rianxo sitúase nunha comarca que tivo un dinamismo moi forte ao longo de todo o s XX, aínda que presenta certas singularidades. Poboado intensamente desde a Idade Moderna, a poboación municipal era de 8.277 h en 1900, que foi medrando de forma paulatina durante a primeira metade do século pasado (9.461 h en 1930 e 11.120 h en 1950). O crecemento vexetativo de signo positivo e certos indicios de industrialización, como as conserveiras, posibilitaron que a emigración non minguase moito o incremento poboacional. A partir de 1950, as saídas de poboación foron fortes e o crecemento vexetativo non puido conter esta emigración, polo que se produciu un descenso notable (10.484 h en 1960), aínda que a partir de 1960, a recuperación foi inmediata (10.944 h en 1970 e 11.812 h en 1991). O crecemento mantívose pese ao descenso entre 1996, con 12.193 h e 2001 con 11.682 h; o descenso fixose continuo ata chegar aos 11.554 h en 2007. As densidades demográficas son moi elevadas e o poboamento é moi denso e difuso, con aldeas grandes, situadas ao redor das vías de comunicación. Destacan como núcleos máis poboados a vila de Rianxo, o lugar de Brión, na parroquia de Leiro, e o de Ourolo, na parroquia de Taragoña. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-1,1‰) a pesar de contar cunha natalidade elevada (8,9‰) pero cunha mortalidade elevada (10‰). A estutura por idades mostra que os menores de 20 anos (17,1%) son superados polos maiores de 65 anos (21,9%); o grupo intermedio representa o 60,9%. Por sexos dominan as mulleres, 51, 14%, fronte ao 48,85% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Rianxo é do 51,2% (62,8% a masculina e 40,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,1% (55% a masculina e 31,9% a feminina); e a taxa de paro acada o 15,9% (12,4% a masculina e 2,1% a feminina). Rianxo posúe unha estrutura económica bastante diversificada tal e como mostran as porcentaxes de poboación empregada nos distintos sectores. O primario, co 16,2% dos activos ten unha relativa importancia grazas a que a pesca é un dos motores económicos do concello, aínda que está en retroceso, e no que se empraga o 12,5% dos activos, en especial en actividades marisqueiras como os cultivos de mexillón en bateas, marisqueo a pé ou marisqueo en bote. A agricultura está asociada aos cultivos hortícolas e ás actividades a tempo parcial, como complemento ás rendas familiares. A gandaría é pouco importante e tan só destaca a avícola. No secundario emprégase o 46,6% da poboación activa (29,8% na industria e 16,8% na construción). Reparte as súas actividades entre as empresas conserveiras, as téxtiles, os transformados metálicos e a construción. No sector servizos, que dá traballo ao 37,2% e que se atopa en crecemento, Rianxo destaca como centro comercial de produtos pesqueiros, coa actividade do seu porto, pero tamén como pequena vila de servizos e equipamentos. Destaca o comercio, os servizos públicos e os transportes, cunha gran diversificación de actividades. As principais vías de comunicación do concello son a VRG-11, de Padrón a Ribeira e a estrada AC-550.
Historia
Os primeiros restos de ocupación humana no concello, como as necrópoles de Asados e a dos Campiños en Leiro, datan de época megalítica. Da Idade de Bronce atopáronse numerosos gravados rupestres, como os da Foxa Vella (Leiro) ou os de Rianxiño (Rianxo). Os numerosos castros atopados, como o das Cercas en Quintáns (Isorna), o de Traba (O Araño) ou o do Castriño (Taragoña) mostran o denso poboamento da época. De tempos da ocupación romana atopouse unha estela nas Miráns (O Araño) e documéntase o paso da Via per loca maritima polo territorio. Durante a Idade Media produciuse o saqueo das costas do concello polos normandos e a súa penetración cara a Santiago de Compostela polo río Ulla. O territorio situábase dentro do condado de Posmarcos e a súa xurisdición pertenceu desde 934 a Santiago de Compostela, por privilexio do Rei Ramiro II. En 1057 a doazón foi confirmada polo Papa Anastasio, Afonso V e o arcebispo Paio e a vila foi cabeza de xurisdición eclesiástica con dominio de gran parte do territorio pola mitra compostelá. Durante o s XIII Pai Gómez Charinho, o primeiro señor de Rianxo, foi almirante de Castela e na Baixa Idade Media o señorío da vila pertenceu aos Charinho ata que rematadas as Guerras Irmandiñas volveu á mitra compostelá. Desde 1532 a liñaxe dos Torrado exerceu o señorío sobre o territorio e encargouse do cobro das rendas de Asados para a mitra de Santiago de Compostela, ata que en 1814 a mitra recuperou o señorío. O esplendor da época e o carácter fidalgo da vila reflectiuse na abundancia de casas nobres e escudos heráldicos nelas conservados. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Rianxo pertenceron ás xurisdicións de Rianxo e Cordeiro, señorío ambas as dúas do Arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Rianxo, Asados e Taragoña. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo deuse en 1835, cando se creou o concello de Rianxo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santa Comba de Rianxo (s XV), Santa María de Leiro (ss XII-XIII) e Santa María de Isorna (s XVIII), e as capelas de Nosa Señora de Guadalupe e de San Bertomeu, ambas as dúas do s XVII e situadas en Rianxo. Consérvanse os restos do castelo da Torre, unha antiga fortaleza do s XIII erguida por Pai Gómez Charinho, derrubada durante as Guerras Irmandiñas, reedificada de novo por Sueiro Gómez de Soutomaior e novamente derrubada polo gobernador real Fernando Acuña cara a 1480. Entre os pazos que se conservan no concello destacan o de Martelo, sede da Biblioteca Pública Municipal Afonso Daniel Rodríguez Castelao (BIC, 1973), o pazo de Viturro en Rianxiño (Rianxo), e os dous pazos da familia Torrado, o de Asadelos (Asados) e Leiro (Brión). No eido da arquitectura popular cómpre sinalar o hórreo de Araño (Traba) e os cruceiros de capeliña como o da Laxe (Taragoña) do s XVI. O Sistema fluvial Ulla-Deza foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as da Virxe do Carme en Rianxo en xullo, as do Salvador en Taragoña tamén en xullo, as dos Milagres no Araño en agosto e as de Nosa Señora de Guadalupe na capital municipal en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Barbanza |
| Extensión | 58 Km2 |
| Poboación Total | 11554 h |
| Poboación Homes | 5645 h |
| Poboación Mulleres | 5909 h |
| Densidade de poboación | 199.21 h/Km2 |