Riba i Bracons, Carles
(Barcelona 1893 - 1959) Escritor. Relacionado con Pompeu Fabra, foi un continuador da súa obra e co tempo converteuse en voceiro da intelectualidade catalá. Comprometido coa República, exiliouse en Francia en 1939. Traduciu a Odissea (1919 e 1948) e obras de Kavafis, Sófocles, Esquilo, Plutarco, Hölderlin, Poe, Rilke e Kafka. Iniciou a súa obra poética con Estances (1919), onde amosa un concepto de poesía como experiencia de cultura e a vontade de obxectivar a experiencia amorosa en termos de poema. Inscrito no novecentismo, elaborou un mundo poético definido polos clásicos gregos, os trobadores e algúns poetas modernos. No segundo libro de Estances (1930) incluíu poemas máis persoais, con referencias a Hölderlin, Rilke, Guillén, Valéry e Mallarmé. Tres suites (1937), Elegies de Bierville (1943), Del joc i del foc (1947) e Salvatge cor (1952), constitúen unha especie de canto espiritual que representa un dos cumios da poesía catalá contemporánea. En galego escribiu (1911) 25 cantares de amor e cinco de amigo, unha primeira aproximación ao neotrobadorismo, que foron incluídos en Papers de joventut (1987).