Ribadavia

Ribadavia


Concello da comarca do Ribeiro, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no L da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 17’ 50” de latitude N e 8° 08’ 30” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Beade, Carballeda de Avia e Cenlle (comarca do Ribeiro), ao L cos de Castrelo de Miño e A Arnoia (comarca do Ribeiro), ao S co de Crecente (comarca da Paradanta), e ao O cos de Carballeda de Avia e Melón (os dous da comarca do Ribeiro). Abrangue unha superficie de 25,2 km 2 c unha poboación de 5.390 h (2007), distribuída nas parroquias de Campo Redondo, Esposende, Francelos, Ribadavia (San Domingos de Fóra), Ribadavia (San Domingos), San Cristovo de Regodeigón, Sanín e Ventosela. A capital está na vila de Ribadavía, localizada a 92 km de Santiago de Compostela e a 29 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ribadavia.
Xeografía física
O relevo de Ribadavia é pouco contrastado, xa que case todo o territorio está ocupado polas beiras dos ríos Miño e Avia, cunhas altitudes comprendidas entre os 100 e 200 m, só no N e O existen pequenas elevacións, cara ao N, no interfluvio entre o Miño e o Avia, atópanse cotas que apenas superan os 300 m, e cara ao O existe un relevo marxinal que preside a zona urbana de Ribadavia con altitudes superiores aos 400 m. O concello está en pleno dominio climático oceánico mediterráneo, situado a sotavento da serra do Faro de Avión e nas ribeiras do Avia e Miño, que o illan da influencia mariña e lle dan trazos climáticos moi semellantes aos contornos climáticos mediterráneos. A temperatura media anual é de 14°C, cunha media en xaneiro de 7°C, e en xullo de 21,7°C, e a amplitude térmica extrema chega aos 24,1°C. A precipitación anual media é de 772 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival, xa que o 38% das precipitacións recóllese en inverno, fronte ao 9% do verán, ficando con valores medios a primavera co 26%, e o outono co 27%. O territorio está situado na confluencia dos ríos Miño e Avia, o primeiro segue unha dirección N-S, e percorre brevemente o concello desembocando augas abaixo da capital municipal; o Miño delimita o concello polo L e S cunha dirección NL-SO. A vexetación natural acada superficies limitadas, as abundantes repoboacións de piñeiros nas áreas máis accidentadas e o intenso aproveitamento vitícola das terras baixas, limitou a súa presenza a especies de ribeira (amieiros) e alguns núcleos illados con especies mediterráneas (sobreiras), aos que se engaden outros de características atlánticas (cerquiños).
Xeografía humana
A poboación de Ribadavia foi en 2001 lixeiramente inferior á de 1900 (apenas un 3% por debaixo), froito dunha evolución demográfica contrastada ao longo do s XX ao rexistrar ata 1960 unha evolución positiva, data na que pasou a ter un balance demográfico globalmente negativo. Entre 1900 e 1920 a poboación creceu a un ritmo suave (0,39% interanual), grazas a un dinamismo demográfico que compensou a emigración cara a América. Entre 1920 e 1940 as dificultades da emigración impulsaron a taxa de crecemento interanual a un 1,07%. Na década de 1940, co 0,05% interanual, a característica foi a estabilización demográfica ao abrirse de novo a emigración cara ao exterior; finalmente, entre 1950 e 1960 produciuse un lixeiro aumento das taxas de crecemento (0,27% interanual), e en 1960 acadou o seu máximo demográfico (7.571 h). Entre 1960 e 1970 as emigracións alcanzaron unha grande importancia, repercutindo en fortes perdas demográficas (-1,84% interanual), parcialmente compensadas entre 1970 e 1981 (0,71% de crecemento interanual). Entre 1981 e o 2001 o crecemento volveu ser negativo, tanto pola reactivación da emigración como por un saldo vexetativo fortemente negativo (-0,89% interanual). Nos inicios do s XXI o concello mantén o ritmo dos últimos anos do s XX pois entre 2001 e 2007 só perdeu 7 efectivos. En 2006 o saldo vexetativo foi amplamente negativo (-7,2‰) a causa dunha nataLIDADE BAIXA (5,7‰) e unha mortalidade elevada (12,9‰). Ribadavia é un concello no que a agricultura tivo unha gran relevancia, o que explica o comportamento demográfico antes descrito, no que a emigración (primeiro a America, logo a Vigo e Ourense) deixou a súa intensa pegada, en especial desde 1960. Non obstante, e pesar deste feito, a poboación aínda non está excesivamente avellentada, xa que os menores de 20 anos supoñen o 14,4%, e os de máis de 65 anos o 25,6%; o grupo intermedio representa o 60,1%. Por sexos a poboación é predominantemente feminina, cun 52,43% da poboación, fronte ao 45,57% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribadavia é do 47,1% (59,2% a masculina e 36,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 41% (53,9% a masculina e 30,2% a feminina); e a taxa de paro é do 13% (10,7% a masculina e 16,4% a feminina). En Ribadavia a agricultura supón o 3,4% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 16,27% do seu territorio, con predominio da vide ( aproximadamente o 75% da superficie cultivada e amparada pola Denominación de Orixe Ribeiro) seguida moi de lonxe pola pataca e as hortalizas. A gandaría vacúa apenas ten relevancia, os prados e pastos só representan o 2,42% do seu territorio, e as vacas dedícanse á produción de leite para consumo doméstico. O gando porcino ten máis importancia, xa sexa tanto para reprodución como para a ceba, asociadado á cooperativa COREN. A industria representa o 25,3% da man de obra, destacando a fabricación de cadaleitos, de transformación da madeira, química, de materiais de construción e de bebidas. A construción representa o 10% da man de obra, e caracterízase pola vitalidade do sector inmobiliario, que impulsa a moitos traballadores do sector a desprazarse a Carballiño ou a Ourense. Os servizos dan traballo ao 61,3% dos traballadores, xa que existe un equipamento terciario de alcance comarcal con xulgado, delegación comarcal da Xunta e sede do consello regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que compensa parcialmente as carencias dun comercio e uns servizos de carácter privados, aqueixados pola debilidade demográfica da comarca e a notable competencia da capital provincial e da próxima vila do Carballiño. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, e a estrada N-120, de Logroño a Vigo; ás que se engade a que comunica Ribadavia co Carballiño. O seu territorio está atravesado pola vía férrea Monforte de Lemos-Vigo, con estación en Ribadavia.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan de época castrexa, son os castros do Castelo (Ribadavia), Veiga (Ventosela), Sanín e Esposende. Da presenza dos romanos no territorio tamén se documentaron numerosos vestixios, dos que destacan varias pezas de cerámica e obxectos de uso cotián. O primeiro nome da poboación foi Abobrica, que significa ‘pobo ou poboación do Abo’, o primeiro nome do río Avia. A vila situouse nun primeiro momento na marxe esquerda do río e posteriormente trasladouse á dereita. Xa na Idade Media recibiu o nome de Rippa Avie, denominación de orixe romana, e nos ss X, XI e XII foi designada oficialmente territorio de Castela pola súa importancia militar, reflectida nas distintas construcións defensivas que había por todo o territorio e das que case non quedan restos. No s XII o Rei Fernando II concedeulle o primeiro foro que se coñece. Foi no medievo cando a vila cobrou maior importancia ao converterse en capital do Reino de Galicia durante o reinado de García I a finais do s XI, que estableceu alí a súa sede entre 1065 e 1071. Nestas datas produciuse a fundación dos mosteiros próximos de Santa María de Melón, Santa María de San Clodio, Santa María de Oseira ou San Salvador de Celanova, que propiciaron a repartición de terras e o establecemento de xurisdicións eclesiásticas no territorio, nas que se impulsou o cultivo da vide. Así, o seu florecemento produciuse durante a Baixa Idade Media ao que contribuíu a importancia das exportacións do viño cultivado na comarca cara a Inglaterra, alimentando un importante colectivo de mercadores xudeus que formaron a alxama máis importante de Galicia, e da que se conserva o barrio xudeu. En 1375 o Rei Enrique II outorgoulle o señorío da vila a Pedro Ruiz Sarmiento, adiantado maior de Galicia, feito co que esta perdeu a súa condición de reguengo, e cara a 1492 os Reis Católicos concedéronlle o condado de Ribadavia a Bernardiño Sarmiento como premio pola súa intervención na Guerra de Granada. A puxanza da vila, gravemente minguada como consecuencia da expulsión dos xudeus en 1492, durou ata que os conflitos entre España e Inglaterra ao longo dos ss XVI e XVII interromperon as exportacións de viño. A vila non só foi un destacable centro económico, senón tamén feudal, ao ser o soar da casa do conde de Ribadavia, unha das liñaxes máis relevantes de Galicia. A crise das exportacións de viño levou á vila a decadencia, que acadou o seu punto máis grave no s XIX cando comezou a sufrir pragas sobre o viñedo que forzaron a substituír as cepas tradicionais por outras máis resistentes. Durante o Antigo Réxime o territorio repartíase entre as xurisdicións de Camporredondo, señorío do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario; Ponte Castrelo de Miño, señorío do conde de Monterrei; e as de Ribadavia, Roucos, A Veiga e Carballada, todas elas rexidas polo conde de Ribadavia. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Camporredondo e Ribadavia. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando xurdiu o concello actual coa fusión dos concellos de Camporredondo e Ribadavia. En 1858 parte do territorio segregouse e deu paso ao concello de Carballeda de Avia. En 1948 aumentou a súa extensión coa anexión das aldeas de Regueiro e Granxa de Outeiro, que pertencían a Melón.
Patrimonio cultural
O conxunto histórico da vila, por onde se estende o barrio xudeu, foi declarado BIC en 1947. Destacan as igrexas de San Domingos (BIC, 1931), San Xoán, Santa María de Oliveira, Santa María Madanela e Santiago. Na beira esquerda do río Avia atópase o convento de San Francisco e fóra do centro urbano San Xes de Francelos (BIC, 1951). No eido da arquitectura civil sobresaen o castelo dos condes de Ribadavia, a casa do concello e o pazo dos condes. No pazo de Baamonde, coñecido como a casa da Fundación, atópase o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Entre as festas que se celebran no concello destacan a festa do viño do Ribeiro, o Festival Internacional de Teatro no mes de xullo, a Festa da Istoria, o último sábado de agosto e declarada de interese histórico-artístico, e as festas da Virxe do Portal en setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 25 Km2
Poboación Total 5390 h
Poboación Homes 2564 h
Poboación Mulleres 2826 h
Densidade de poboación 215.6 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias