Ribadumia
Concello da comarca do Salnés situado no O da provincia de Pontevedra e no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 30’ 25’’ de latitude N e 8° 46’ 01’’ e lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa (comarca do Salnés), ao S cos de Meis e Meaño (comarca do Salnés), ao L con Meis (comarca do Salnés) e con Portas (comarca de Caldas) e ao O con Cambados (comarca do Salnés). Abrangue unha superficie de 19,7 km 2 cunha poboación de 4.659 h (2007) distribuída entre as parroquias de Barrantes, Besomaño, Leiro, Lois, Ribadumia e Sisán. A súa capital é o lugar da Escusa, na parroquia de Ribadumia, localizada a 22,5 km da capital provincial. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Cambados.
Xeografía física
O relevo de Ribadumia caracterízase pola súa planitude no marco do amplo val do Salnés, dominado pola litoloxía granítica e pola influencia da tectónica e da erosión diferencial. As maiores altitudes acádanse na parte oriental do termo, no límite con Meis, e son pequenas lombas que culminan a 206 m no monte de San Martiño, con pendentes moi pouco pronunciadas e unha dirección SO-NL. Estes relevos son resaltes de litoloxía máis dura ca no val do Umia, onde se asenta o concello. Ribadumia ten un clima oceánico húmido caracterizado por veráns con certa aridez, especialmente nos meses de xullo e agosto. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 14°C, con invernos suaves (9-10°C) e veráns non excesivamente calorosos (19-20°C). As precipitacións chegan aos 1.500 mm e son moito máis frecuentes no inverno. A rede hidrográfica está articulada ao redor do río Umia, que discorre pola parte setentrional e occidental, e o seu afluente principal o río San Martiño, que se une a este polo S. Na súa desembocadura na ría de Arousa, o Umia forma un pequeno esteiro ocupado por limos e comunidades vexetais de marisma que son protexidas pola Xunta de Galicia a través de Rede Natura 2000.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello de Ribadumia mostra un crecemento xeral en distintas fases, con altos e baixos. En 1900 o termo contaba con 3.057 h que que creceron de forma lenta ata os 3.697 h de 1950. O crecemento vexetativo favoreceu esta evolución demográfica positiva, non obstante, a partir deste ano, a emigración minguou os efectivos (3.441 h en 1960), cifra que foi en aumento ata 1981 (4.027 h), despois desta data produciuse un retroceso (3.656 h en 1991) e de novo un incremento dos efectivos (4.079 h en 1996, 4.240 h en 2001 e 4.658 h en 2007). En 2006 o crecemento natural foi negativo (-2,9‰), froito dunha baixa natalidade (2,9‰) e unha elevada mortalidade (12‰). A estrutura por idades mostra que os menores de 20 representan o 18,3% da poboación fronte aos maiores de 65 que son o 20%; o grupo intermedio representa o 61,8%. Por sexos dominans as mulleres: 53,36% fronte ao 47,63% de homes. A poboación agrúpase en aldeas de diverso tamaño, pero cun poboamento bastante disperso, moi característico do val do Salnés, e do val do Umia. A maior destas entidades de poboación é Barrantes, seguida da Carrasqueira, O Couto de Arriba e A Escusa, a capital municipal, que concentra a maior parte dos equipamentos do concello. A poboación presenta uns índices de avellentamento bastante marcados, pero non comparables aos doutros concellos do interior de Galicia.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribadumia é do 56% (69,2% a mascuilina e 43,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,8% (61,4% a masculina e 35,3% a feminina); e a taxa de paro é do 14,7% (11,2% a masculina e 19,7% a feminina). A economía de Ribadumia xira ao redor da produción de viño baixo a denominación de orixe Rías Baixas. Non obstante, o sector primario tan só ocupa ao 11,1% da poboación activa, sendo moito máis importante o peso do secundario (27,5% na industria e 18,8% na construción) ou dos servizos (42,7%). O número de explotacións agrarias e de parcelas é elevado, o que explica o minifundismo das terras, que están dedicadas na súa maior parte á produción vitícola (397 ha). O viñedo de Ribadumia cultívase en parras altas, e non en cepas como noutras áreas, e produce tanto albariño branco como tinto Barrantes para a Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona val do Salnés. Ademais do viñedo, Ribadumia é un lugar idóneo para a horticultura onde se desenvolven os cultivos de invernadoiro e outros produtos como o kiwi. Dentro do sector secundario destacan os sectores da construción, xa que moitos habitantes da zona empréganse en Vilagarcía de Arousa, Cambados ou Sanxenxo, así como nas Illas Canarias, especialmente por parte da xente máis nova. Tamén teñen importancia os transformados metálicos, así como empresas téxtiles. O sector servizos, en crecemento, está representado polo comercio e polos empregos xerados nas vilas de Cambados e Vilagarcía de Arousa, a onde se dirixen moitos dos traballadores. A principal vía de comunicación do concello é a Vía Rápida do Salnés (VRG-4.1 e VRG 4.2).
Historia
Os restos máis antigos de poboamento constitúenos os gravados rupestres e os restos castrexos que existen no territorio, como os do monte do Castro. Tamén se atoparon vestixios da presenza dos romanos e das invasións árabes e dos pobos nórdicos. No s XII as terras foron doadas por Ramiro Muñiz, sobriño do arcebispo Diego Xelmírez, á igrexa compostelá. No medievo dona Urraca e o arcebispo Xelmírez enfrontáronse nestas terras, e nesta época tamén destacou a presenza da orde templaria, da que se atoparon restos iconográficos característicos en varias igrexas. Durante as Guerras Irmandiñas, a zona foi un dos últimos redutos que resistiu o contraataque dos nobres. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Ribadavia pertenceron á xurisdición de Fefiñáns, señorío do conde de Fefiñáns; San Tomé do Mar, señorío do marqués de Monte Sacro; Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela máis un señor laico; e Vilagarcía, señorío do marqués de Vilagarcía. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creáronse os concellos de Cambados e Leiro, que se integrou no anterior. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se creou o novo concello de Ribadumia, que ata 1841 non acadou a denominación e a extensión actual.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de Santa María de Besomaño, que reflicte unha estrutura particular polo arcaísmo do seu desenvolvemento e os elementos construtivos que se empregaron nela, cun pequeno torreón de forma cilíndrica que semella o cubo defensivo dunha fortaleza, e a de Santo André de Barrantes, ambas as dúas con engadidos barrocos; e as igrexas barrocas de San Clemenzo de Sisán e San Xoán de Leiro. Da arquitectura civil sobresaen os pazos de Barrantes, Pedreira (Sisán) e os do Monte e do Casal, en Lois. Da arquitectura popular hai que mencionar a ponte Arnelas. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Complexo Ons-O Grove, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello salientan a do viño tinto do Salnés que se celebra en Barrantes en xuño, e as romarías de Santa Marta de Ribadumia, o en xullo, e de Santa Baia, en outubro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 19 Km2 |
| Poboación Total | 4658 h |
| Poboación Homes | 2219 h |
| Poboación Mulleres | 2439 h |
| Densidade de poboación | 245.16 h/Km2 |