Ribas de Sil
Concello da comarca de Quiroga, situado no SL da provincia de Lugo e no L da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 27’ 59’’ de latitude N e 7° 17’ 12’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos da Pobra do Brollón (comarca de Terra de Lemos) e Quiroga (comarca de Quiroga), ao S cos de Castro Caldelas (comarca de Terra de Caldelas), San Xoán de Río e A Pobra de Trives (os dous da comarca de Terra de Trives), ao L novamente con Quiroga e ao O con Monforte de Lemos (comarca de Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 67,8 km 2 en que acolle unha poboación de 1.218 h (2007) distribuída nas parroquias de Nogueira, Peites, Piñeira, Rairos, Ribas de Sil, Soutordei e Torbeo. A súa capital é o lugar de San Clodio, na parroquia de Ribas de Sil, localizada a 82 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
Ribas de Sil emprázase na vertente S do val do Sil ao seu paso pola depresión de Quiroga, nunha área dominada tanto polo val como pola montaña. O substrato litolóxico está composto basicamente por lousas e xistos, ademais dalgunha banda de calcarias. A tectónica e a litoloxía tiveron moita importancia na formación do relevo, xa que o Sil foi incidindo no Cuaternario nas zonas de maior vulnerabilidade litolóxica e nos materiais máis brandos, así como nas fracturas que o Alpino deixou nesta área. O N do concello está ocupado polo val do Sil, cunha altitude que oscila entre os 300 e os 400 m, máis amplo na súa parte central e angosto tanto cara ao L coma ao O. A modo de arco elévase no S o sistema montañoso que culmina nos altos da Moa (1.124 m) e do Cerengo (1.286 m). O clima caracterízase polos matices mediterráneos no val do Sil e de montaña nas áreas elevadas. As temperaturas medias anuais no val sitúanse ao redor dos 13°C, con invernos fríos (6°C) e veráns calorosos (21-22°C), mentres que na montaña estes valores son inferiores. As precipitacións son escasas (700-800 mm) cun claro déficit no verán, mentres que na montaña ascenden a máis de 1.200 mm. As xeadas son constantes no inverno e a neve aparece nas cotas máis elevadas. O río Sil é a principal arteria fluvial, na que conflúen outros ríos menores, condicionados pola pendente, como o rego da Ventosa ou o rego de Peites.
Xeografía humana
Ribas de Sil tivo a evolución demográfica característica dun concello do interior de Galicia, dunha área montañosa regresiva. En 1900 a poboación total ascendía a 3.767 h, que foi crecendo ata os 3.923 h de 1950. Este leve aumento foi posible grazas ás elevadas taxas de natalidade e a unha mortalidade non excesivamente alta, o que era contrarrestado pola intensa emigración. Desde 1950 a poboación descendeu a un ritmo moi forte, cun descenso de máis do 50% (2.992 h en 1960; 2.089 h en 1970, 1.568 h en 1991, 1.347 h en 2001 e 1.218 h en 2007). As baixas taxas de natalidade (2,8‰) e a alta mortalidade (16,1‰ ) fan que a perda de efectivos sexa constante, en 2006 o saldo vexetativo foi de -13,3‰. A estrutura da poboación por idades mostra o elevado avellentamento da poboación pois os maiores de 65 anos supoñen o 39,2% fronte ao 8% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,9%. Por sexos domina as mulleres: 51,31% fronte ao 48,68% de homes. A poboación caracterízase por vivir en asentamentos rurais en todo o termo, con pequenas aldeas agrupadas, ao redor das que se sitúan os campos de cultivo. Só a capital municipal, San Clodio, posúe certos trazos urbanos, ao concentrar os equipamentos necesarios para a poboación do termo municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribas de Sil é do 34,3% (44,6% a masculina e 24,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 30,5% (39,8% a masculina e 22% a feminina) e a taxa de paro é do 11% (10,7% a masculina e 11,5% a feminina). A súa economía xa non depende do sector primario, como o facía hai anos. A diversificación das actividades económicas veu dada, por unha parte, polo incremento dos activos mineiros, polo desenvolvemento da construción e polo crecemento do emprego nos servizos. O primario (10,3% dos activos) está copado polo cultivo da vide, que posúe unha extensión de 100 ha, para a produción de viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, na subárea Quiroga-Bibei. No secundario (34,1%) non destaca ningunha empresa industrial nin mineira de relevancia, non obstante, moitos dos obreiros das minas de lousas de Quiroga, A Rúa e O Barco de Valdeorras son de Ribas de Sil. Tamén destaca a produción eléctrica nos encoros que comparte co concello de Quiroga. O sector servizos, que ocupa ao 55,6% dos activos, desenvolveuse sobre todo en San Clodio, que conta con certa actividade comercial e hostaleira. Ademais, na vila está a estación de tren da comarca. A veciñanza de Quiroga afecta de forma positiva ao concello, de modo que moitos dos seus habitantes teñen emprego alí. A principal vía de comunicación do concello é a estrada N-120 (Vigo-Logroño), que discorre nun pequeno tramo pola parte setentrional. Tamén pasa por este concello a liña de ferrocarril entre A Coruña e Palencia no seu tramo Monforte de Lemos-Ponferrada.
Historia
Os restos máis antigos de poboamento datan de época paleolítica e son vestixios da industria lítica elaborados aproveitando as cuarcitas dos aluvións do río. De época castrexa atopáronse asentamentos como o Castro de Abaixo en Nogueira, o de Santa Bárbara en Ribas de Sil e o dos Castros en Soutordei. Xa no s I a C documentouse a presenza romana no val do Sil, con explotacións mineiras, como se constatou cos restos da mina de Peites. En 1225 o Rei Afonso VIII outorgoulle ao territorio un foro especial e xa no s XV as Guerras Irmandiñas provocaron a destrución do castelo de Malpica, que pertencía ao señorío da casa de Lemos, e que non foi reconstruído. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Ribas de Sil pertenceron ás xurisdicións de Peites, señorío da Encomenda de Quiroga e dun señor laico; Quiroga, señorío da Encomenda de Quiroga; San Clodio do Sil, rexida polo seu párroco; e o couto redondo de Torbeo, rexida polo seu párroco e polo conde de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creáronse os concellos de San Clodio e Torbeo. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se creou o concello de San Clodio de Ribas de Sil.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santa María de Torbeo, románica dos ss XII-XIII, e con restos do antigo mosteiro; San Clodio de Ribas de Sil, románica do XII que pertenceu ao antigo mosteiro de San Clodio; Nosa Señora das Neves de Nogueira; e San Martiño de Peites (s XVIII) e San Cristovo de Piñeira. Sobresaen tamén os pazos da Casa Nova (s XVIII) e o de Batanero, a ponte metálica sobre o río Sil, construída seguindo un deseño de Alexandre-Gustave Eiffel, a estación de ferrocarril, e os antigos muíños de aceite de Peites e Figueiredo (Piñeira). Entre as festas que se celebran no concello destacan as da Asunción e a romaría tradicional de Santa María de Torbeo en agosto e a festa de San Clodio en outubro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Quiroga |
| Extensión | 67 Km2 |
| Poboación Total | 1218 h |
| Poboación Homes | 593 h |
| Poboación Mulleres | 625 h |
| Densidade de poboación | 18.18 h/Km2 |