Ribeira
Concello da comarca de Barbanza, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia, ao SO da provincia da Coruña, a 42° 33’ de latitude N e 8° 59´ 12” de lonxitude O. Limita ao N con Porto do Son (comarca de Noia), ao S coa ría de Arousa, ao L coa Pobra do Caramiñal (comarca de Barbanza) e a ría de Arousa, e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 69 km 2 nos que acolle unha poboación de 27.181 h (2007), distribuída nas parroquias de Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira. A súa capital, Santa Uxía de Ribeira, dista 125 km da Coruña e 62 km de Santiago de Compostela. É cabeceira de partido xudicial e está adscrito á arquidiocese de Santiago .
Xeografía física
O concello de Ribeira presenta un relevo caracterizado pola súa situación no extremo SO da península do Barbanza, cun emprazamento case peninsular. Ao concello chegan os contrafortes meridionais da serra do Barbanza. Trátase dun bloque granítico de cronoloxía paleozoica no que se erguen as maiores altitudes (Os Forcados, 620 m). Neste sector aparecen numerosos vales encaixados formados pola erosión lineal dos numerosos regatos que baixan dos cumios. No O, L e S do concello desenvólvese unha ampla chaira litoral. No O e SO do concello, sitúase o sistema dunar do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, que conta coa maior duna móbil de Galicia, e as lagoas constitúen un dos hábitats máis destacados do parque pola significativa avifauna que nelas aniña e se alimenta. A costa é moi recortada, alternando cantís e areais, como os de Corrubedo e Coroso. Próximos á costa aparecen numerosos illotes e illas como Sagres, Vionta ou Sálvora. O clima encádrase dentro do dominio oceánico húmido, e dentro dos subtipos galegos no litoral das Rías Baixas. A orientación favorable do concello fronte aos fluxos húmidos do O e SO, responsables da maior parte das precipitacións que se rexistran na costa, favorece a existencia dunha pluviosidade elevada (1.250 mm), cun máximo invernal (35% das chuvias), un segundo máximo no outono (33%), reducíndose en primavera (23%) e, sobre todo, en verán (9%), cando aparecen problemas de aridez entre xullo e setembro. O número de xornadas anuais de precipitación sitúase entre 140 e 150. O réxime térmico mostra unha media anual de 14,6°C, cun mínimo invernal moi suave (9,4°C), e un máximo tamén suavizado pola influencia mariña (xullo 20,5°C). A amplitude térmica anual é de 11,1°C.
Xeografía humana
A poboación de Ribeira incrementouse notablemente ao longo do s XX, duplicando os seus efectivos. Desde o primeiro censo moderno, o de 1887 (10.352 h), ata 1940 o colectivo demográfico do concello medrou de xeito notable a un ritmo do 2,53% anual, debido ao pulo da vila, nun momento de boas perspectivas pesqueiras e de desenvolvemento dunha puxante industria conserveira, de xeito que a oferta de emprego levou á atracción demográfica de Ribeira. Non obstante, entre 1940 e 1950 o concello viviu un período de fonda crise pola diminución das capturas de peixe, o anquilosamento e avellentamento da frota e pola crise do sector conserveiro. Así, neste período intercensual o concello perdeu un -0,26% do seu potencial humano cada ano, e a vila un -0,11%. Durante os anos 1950 renovouse a frota e recuperáronse os caladoiros, ademais de producirse unha certa rendibilización das industrias conserveiras, polo que a vila se converteu na cabeceira comarcal de Barbanza, grazas á instalación de numerosos servizos públicos e privados. Todos estes aspectos conxugados propiciaron un avance sen precedentes do núcleo urbano que medrou un 3,56% cada ano, sendo máis moderado o incremento demográfico do conxunto municipal, pois malia o forte pulo acadado pola vila, o resto de parroquias notaron as saídas vía emigración cara a Venezuela e Europa. A partir de 1950 e ata 1981 o concello medrou a un ritmo do 0,85% anual, estancándose entre 1981 e 1991 (0,08% anual de incremento) como consecuencia de novo dunha fonda crise do sector pesqueiro e das industrias del derivadas da entrada de España na UE. Isto supuxo a reconversión do sector pesqueiro para lograr unha competitividade adecuada e resolver os problemas xurdidos coa sobreexplotación dos caladoiros propios e a dificultade de acceso aos internacionais. Superada a crise e grazas á puxante economía municipal e malia ás negativas perspectivas pesqueiras, durante o período intercensual 1991-2001 produciuse un forte incremento poboacional do 1,33% anual. Entre 2001 e 2007 o crecemento foi do 4,19%, aínda que en 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-0,6‰) froito dunha moderada natalidade (8,5‰) pero unha alta mortalidade (9,1‰). O colectivo demográfico é relativamente novo, cun 20,2% da poboación por debaixo dos 20 anos e un 17,3% maior de 65 ou máis anos;o grupo intermedio representa o 62,5%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,49% de mulleres e 49,50% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Ribeira é 49,7% (64,6% a masculina e 35,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,7% (60% a masculina e 30,2% a feminina) e a taxa de paro é do 9,9% (7,2% a masculina e 14,7% a feminina). A actividade económica de Ribeira está directamente relacionada coa pesca. Por unha banda, está a importante frota pesqueira que posúe e por outra, un destacado número de empresas industriais e de transporte que teñen a súa materia prima nos produtos pesqueiros. Así, na pesca están empregados o 30,2%. Ata ben entrados os anos 1960 e durante 1970, Ribeira contaba cunha importante frota palangreira e de cerco que entrou nunha fonda crise pola redución das capturas nas augas galegas ante o esgotamento dos recursos biolóxicos por sobreexplotación. A modernización da frota e a reorientación cara a caladoiros internacionais non supuxo a desaparición da artesanal, que seguíu funcionando e actúa como colchón de alivio económico en momentos de paro biolóxico ou forzado. A súa frota pesqueira estímase nuns 500 buques, a maior parte de moi pequeno calado, no que están enrolados uns 1.500 mariñeiros, cifra só superada por Vigo. Respecto ao valor económico que xera a pesca na súa primeira venda en lonxa, Ribeira vese só superada por Vigo e A Coruña. Factura por riba dos 25 millóns de euros anuais, que converten ao seu porto no máis importante dentro dos de baixura de España. A estas cifras hai que engadir os 1,5 millóns de euros anuais que xeran as capturas do porto de Aguiño. Esta primeira venda do peixe non é a que xera o maior volume económico, a transformación industrial e a distribución da mesma produce beneficios maiores e xera un volume de emprego moi considerable. Así, facturan por riba dun millón de euros 34 empresas (2001), das que sete están dedicadas ao subministro de buques ou á construción naval (100 empregados). As actividades de segunda venda do peixe e de distribución do mesmo aos mercados, xa sexa fresco, conxelado ou con algún tipo de transformación emprega a uns 500 traballadores agrupados en dezaoito empresas. Pola súa banda, a industria de transformación do peixe e mariscos, que engloba a empresas que van desde as conserveiras ás de conxelación industrial, pasando polas de pratos precociñados de peixe, é a que presenta as entidades empresariais de maior tamaño e volume de emprego, con preto de 800 traballadores. Por último, a acuicultura conta cunha factoría de rodaballo. Pódese dicir que máis da metade do emprego que existe en Ribeira está vinculado á pesca, xa sexa directamente ou mediante empresas derivadas dela. O máis significativo para a economía local é que a maior parte da actividade empresarial é de capital autóctono. A industria no seu conxunto supón un 16,2% dos ocupados, mentres que a construción crea o 8,9% do emprego. Unha actividade en franco retroceso e que só complementa as economías familiares é a agricultura (2,1% dos activos), bastante practicada a tempo parcial. Esta base económica vese complementada pola actividade terciaria (42,6% dos activos) que se atopa en expansión como consecuencia do seu crecemento demográfico, converténdose nun centro de servizos semiautónomo que abastece ao concello e aos limítrofes de bens de uso xeral. É importante tamén a achega do turismo estival, que acrecenta o dinamismo terciario do concello. Outros servizos significativos son a Administración Pública e seguridade, a educación e a sanidade grazas a que conta coa Fundación Hospital de Barbanza. As principais vías de comunicación do concello son a VRG-11, de Padrón a Ribeira e a estrada AC-550.
Historia
A antigüidade do poboamento destas terras amósase nas numerosas mámoas megalíticas atopadas, das que destaca o dolmen de Axeitos (BIC, 1978), os gravados rupestres, como os de Pedra das Cabras de Figueiredo (Palmeira), o enterramento con catro cavidades no lugar de Cruxeiras en Ribeira e os restos dos castros da Cidade (Carreira), Castelos (Aguiño) e Couso (Aguiño), entre outros. Aos fenicios atribuíuselle a construción dun pequeno peirao na Covasa (Aguiño) e da presenza dos romanos atopáronse varios muíños en Artes e unha estela en Bretal (Olveira). A situación costeira do territorio provocou que sufrira frecuentes ataques marítimos. No s IX producíronse as primeiras invasións viquingas e posteriormente apareceron os sarracenos, otománs e outros pobos que estableceron bases nas illas próximas, como Sálvora ou Sagres, desde as que facían incursións a terra firme. Tamén por mar chegou no s XVI a peste bubónica á comarca. Os ingleses tentaron tomar a vila en 1644, pero foi defendida con éxito por Andrés de Otero Arias Mariño, e en 1739 prendéronlle lume, pero Pedro Arias Mariño de Soutomaior reuniu homes nas parroquias veciñas conseguindo expulsalos. A Historia do territorio estivo sempre ligada ao mar e existen documentos que falan da importancia das compañías do cerco no s XVII. Cen anos despois chegaron os empresarios cataláns, que introduciron o salgado e o comercio do peixe a longa distancia. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Ribeira pertenceron ás xurisdicións de Caramiñal, señorío do marqués de Parga; e Noia, señorío do arcebispado de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Olveira, Carreira, Ribeira e Palmeira. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando xurdiu o actual concello de Ribeira. En 1960 a parroquia de Aguiño separouse da de Carreira e desde entón non se produciron máis variacións nos límites municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de San Xián de Artes, San Paio de Carreira e Santa Uxía de Ribeira, a capela de San Alberte en Ribeira, de orixe románica, o pazo dos marqueses de Revilla e os numerosos cruceiros de capela que se atopan por todo o concello, como o de Pedra Furada en Caamaño. Dos espazos naturais cos que conta destaca o Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán declarado en 1989. Entre as festas que se celebran atópanse as da Virxe do Carme, as patronais de Aguiño e Corrubedo en xullo, as da Dorna o 24 de xullo, as de Santa Uxía a primeira semana de agosto, e as romarías de San Roque en Frións (Carreira) e de San Alberte en Ribeira.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Barbanza |
| Extensión | 68 Km2 |
| Poboación Total | 27181 h |
| Poboación Homes | 13455 h |
| Poboación Mulleres | 13726 h |
| Densidade de poboación | 399.72 h/Km2 |