Ribeiro

Ribeiro

Denominación de Orixe recoñecida pola orde do 2 de febreiro de 1976 do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A zona amparada para a súa produción é o oeste da provincia de Ourense: os concellos de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada; as parroquias de Banga, Cabanelas e O Barón do concello do Carballiño; as parroquias de Albarellos, Cameixa, Laxas, Moldes e Pazos de Arenteiro do concello Boborás; os lugares de Santa Cruz de Arrabaldo e Untes do concello de Ourense; os lugares da Eirexa, Celeirón e Puga na parroquia de Puga, os entidades de Feá, Celeiro e a parroquia de Alongos do concello de Toén; o lugar da Touza do concello de San Amaro. A uva branca preferente é a treixadura e as autorizadas torrontés, albariño, loureira, godello, macabeo, albilla e xerez; a uva tinta preferente é caíño e as autorizadas brancellao, ferrón, sousón, mencía e garnacha, tempranillo. Son viños novos, lixeiros, moderadamente ácidos, con aromas de froitas. Os elaborados con treixadura e torrontés teñen unha amplitude de matices e, ao non ser sometidos a proceso de envellecemento, deben ser consumidos no primeiro ou no segundo ano. Os viños tintos elaborados con caíño, sousón ou brancellao deben ser consumidos no primeiro ano.