Riós

Riós


Concello da comarca de Verín, situado no SL da provincia de Ourense e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 41° 58’ 35’’ de latitude N e 7° 16’ 59’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Castrelo do Val (comarca de Verín) e A Gudiña (comarca de Viana), ao S con Vilardevós (comarca de Verín), ao L con Portugal e A Gudiña e ao O cos de Vilardevós e Castrelo do Val. Abrangue unha superficie de 114,4 km 2 c unha poboación de 2.003h (2007), distribuída nas parroquias de Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, Fumaces e A Trepa, O Navallo, Progo, Riós, Rubiós e Trasestrada. A súa capital é o núcleo de Riós, localizada a 82,2 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
Riós atópase nunha área de transición entre o val do Támega e as áreas máis elevadas situadas cara ao L. Trátase dun espazo cunha altitude media relativamente elevada (600-800 m), composta de pequenas aliñacións que destacan sobre os vales dos ríos Mente e Arzoá, que se introducen en Portugal. Os materiais que compoñen o substrato litolóxico son lousas e pelitas, con algunha banda cuarcítica. Cara ao N, localízanse as maiores altitudes, como A Urdiñeira (1.148 m), que descenden en altura cara ao val do río Mente, que discorre moi encaixado. Cara ao S atópanse, unha serie de lombas aliñadas de O a L cunha altura que non supera os 1.000 m, o val do río Marcelín e o Arzoá, e outra aliñación de cotas que non son moi releventes no límite con Vilardevós. Desde o punto de vista climático, Riós posúe un clima oceánico de montaña con matices mediterráneos. As temperaturas medias sitúanse ao redor dos 10°C, con invernos fríos (3-5°C) e intensas xeadas, e veráns suaves (18-19°C). As precipitacións que chegan aos 1.200 mm, poden ser en forma de neve nas áreas máis elevadas, e están motivadas pola elevada altitude media. Os principais ríos son o Mente e o Arzoá, co seu afluente o Marcelín, que forman parte da conca fluvial do Douro, e traspasan a fronteira para introducirse en Portugal. A vexetación clímax ten certa presenza no termo, sobre todo os castiñeiros e os cerqueiros, pero estas especies retroceden en favor doutras de repoboación como o piñeiro. En zonas de maior altitude crece o mato de piornais, xesteiras e carqueixas.
Xeografía humana
En Riós existe unha dualidade na evolución demográfica marcada polo ano 1940, no que cambiou a tendencia evolutiva. Desde 1900 (4.664 h) ata 1940, a poboación foi medrando de forma pausada e suave (4.979 h en 1920, e 5.504 h en 1940) grazas a un crecemento vexetativo de signo positivo, para desde aquí tornarse negativo debido á intensa emigración cara a áreas urbanas (5.169 h en 1950, 4.669 h en 1970, 4.056 h en 1981, 2.520 h en 1991 2.132 h en 2001 e 2.003 h en 2007). A consecuencia é unha poboación moi avellentada. En 2006 a natalidade foi do 2,4‰ e a mortalidade do 20,6‰ polo que o saldo vexetativo foi negativo, -18,2‰. Os maiores de 65 anos representan o 41,8% da poboación fronte ao 9,3% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 48,8%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,37% de mulleres e 49,62% os homes. A poboación caracterízase por vivir no medio rural, en pequenas aldeas concentradas, especialmente nas áreas de val, aínda que algunhas delas se distribúen nos puntos máis altos, grazas ao paso da N-525. As entidades máis destacadas son, a capital, Riós, San Cristovo e Fumaces.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Riós é do 41,2% (48,3% a masculina e 34% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,9% (41,1% a masculina e 30,7% a feminina) e a taxa de paro é do 12,8% (14,8% a masculina e 9,9% a feminina). Os sectores económicos máis destacados no concello de Riós son o primario (32,8% dos activos) e os servizos (38,5%), nun termo no que a industria (10,9%) e a construción (17,8%) teñen menos importancia. No sector primario destacan as actividades gandeiras e silvícolas, nunha área onde as masas forestais e a matogueira cobren o 71% da superficie municipal. A gandaría bovina é a máis importante (1.138 cabezas en 2007), aínda que tamén hai presenza de granxas porcinas e cría de gando ao aire libre nos montes do concello. O ovino, noutros anos básico para a economía de Riós, perdeu moito peso. Os recursos forestais acadan neste termo gran relevancia, tanto na explotación madeireira como no que se refire ao cultivo da castaña, que aumentou nos últimos anos, ademais de ser o centro de recepción deste cultivo doutros concellos limítrofes, coma Vilardevós, A Gudiña, Castrelo do Val, Laza ou Vilariño de Conso. As numerosas superficies de montes comunais foron repoboados polo ICONA entre 1952 e 1956. Tamén ten importancia económica a recolección de cogomelos, coa presenza dunha fábrica de procesado dun produto basicamente orientado cara a exportación Os empregos xerados polo secundario céntranse na construción e no procesado de cogomelos. A estrada N-525 e a autovía A-52 ao seu paso polo concello fixeron que xurdira un importante número de establecementos hostaleiros e empresas de transportes, base do sector terciario, pero a proximidade da vila de Verín xera diariamente moitos desprazamentos por parte dos habitantes do concello. A capital municipal concentra algúns equipamentos e servizos básicos. As principais vías de comunicación do concello son a autovía A-52 entre Vigo-Benavente, a estrada N-525 (Zamora - Santiago de Compostela) e outras de menor entidade.
Historia
Os primeiros poboadores deste territorio foron do pobo interamnico, que pertencía ao conxunto de pobos interanenses, termo que alude á presenza de ríos que “intermedian”, con abundantes troitas e anguías. Este pobo é un dos que figura na inscrición da ponte romana de Chaves xunto cos tamaganos, bibalos e limicos, todos eles estendidos pola zona meridional de Galicia. Desde o medievo a vila foi lugar de paso dunha vía de peregrinación importante, a Ruta da Prata, que penetraba desde Castela cara a Santiago de Compostela. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Riós integráronse na xurisdición de Souto Vermello, señorío do conde de Monterrei. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Riós e Castrelo. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando xurdiu o concello de Riós.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destaca a igrexa de Santa María de Riós. Entre as festas que se celebran no concello hai que salientar as de San Cristovo o 25 de xullo, as da capital municipal o 15 de agosto e as de Fumaces e A Trepa, celebradas o 15 de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Verín
Extensión 114 Km2
Poboación Total 2003 h
Poboación Homes 994 h
Poboación Mulleres 1009 h
Densidade de poboación 17.57 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias