rocha

rocha

(< lat v *rŏcca)

  1. s f

    Masa considerable de materia pétrea, especialmente a que se alza na superficie da terra ou do mar.

  2. s f [XEOL]

    Material constitutivo e esencial da codia terrestre composto por un agregado natural de minerais. É unha masa de materia mineral coherente, consolidada e compacta que posúe unha uniformidade de conxunto que vén dada pola súa composición química e mineralóxica, cor, textura e estrutura. Algúns minerais preséntanse en masas de bastante consideración para formar rochas simples, pero a maior parte resultan da xustaposición coherente de máis elementos minerais, orixinando rochas compostas. Pola continua dinámica da Terra as rochas destrúense e créanse outras novas. A ciencia que estuda as rochas e a súa constitución é a litoloxía.
    Composición
    Na composición das rochas simples só hai que considerar a composición química, pero nas compostas é preciso investigar a súa composición mineralóxica. Son poucos os minerais, como o cuarzo, o sal común ou as arxilas, que se atopan en cantidade suficiente para ser considerados como verdadeiras rochas. Tamén na composición química dos minerais que forman as rochas principais da Terra hai un reducido número de elementos, dos que predominan sobre todo o osíxeno, o silicio e o aluminio. Así a unión do primeiro e o terceiro dá lugar á alumina, a que, asociándose coa sílice e a auga produce as arxilas. A composición química das rochas compostas resulta da dos minerais que as forman. Non obstante, hai un elemento, o ácido silícico, que adoita presentarse nelas en varias formas á vez. As rochas divídense en ácidas, se este ácido se atopa en máis dun 65%, básicas, cando está entre un 45 e 52%, neutras, se alcanzan dun 52 a un 65%, e ultrabásicas, que teñen menos dun 45% de ácido silícico. Os silicatos ricos en óxidos metálicos son os que dominan na constitución das rochas básicas e a sílice predomina nas rochas ácidas, por iso son máis lixeiras que as primeiras. Dos minerais que forman as rochas compostas uns son esenciais, xa que a súa presenza é indispensable para constituír a rocha, e outros son accesorios, xa que adoitan presentarse na rocha, aínda que non dun modo constante en todos os exemplares. Estes compoñentes accesorios dan lugar a variedades de rochas.
    Estrutura
    A estrutura das rochas simples corresponde coa do mineral que as constitúe. Nas formadas por asociación de minerais hai que recoñecer as estruturas puramente litolóxicas que resultan do modo diverso como estes aparecen agregados. Entre as rochas compostas distínguense as rochas detríticas ou clásticas, en que os compoñentes son fragmentos ou detritos de rochas anteriores, aglomerados ou cementados, e as macizas ou en masa, en que os seus compoñentes son unha masa primitiva homoxénea, amorfa ou cristalina. As rochas detríticas están formadas por fragmentos grandes ou pequenos que, xeralmente, conservan a natureza da rocha anterior da que proceden. Se están trabados por unha pasta ou cemento cualifícanse de conglomerados ou aglomerados. Tamén poden consistir nos produtos da alteración química doutras rochas ou minerais anteriores, que cambiaron a súa natureza e caracteres antigos. As rochas en masa divídense segundo o modo en que están relacionados os minerais que as compoñen en tres tipos: graníticas, porfíricas e vítreas. A estrutura granítica deriva de elementos graúdos cristalinos que están xustapostos sen ningún cemento ou pasta que os trabe. En xeral, ofrecen aproximadamente o mesmo desenvolvemento os elementos das distintas especies que forman a rocha. Segundo os elementos se perciban a simple vista ou só mediante o microscopio fálase dunha estrutura macro ou microgranítica. A estrutura porfírica caracterízase porque a rocha constitúe unha pasta ou magma fundamental de elementos microscópicos. En medio dela están encallados cristais, as máis das veces visibles a simple vista, denominados cristais porfíricos. Poden ser todos dunha mesma especie mineral, ou corresponder a varias, e adoitan presentarse máis ou menos fragmentados e corroídos. No magma fundamental recoñécense dous elementos: unha base vítrea de composición variable e micrólitos e cristálitos diversos cementados por aquelas. As rochas porfíricas consolidáronse en dous momentos distintos, pertencendo ao primeiro grosos cristais, que se orixinaron cando a rocha se atopaba aínda nas profundidades, e o segundo o magma e as diversas formacións que contén, solidificadas despois ao exterior ou nunha área superficial da codia terrestre. A estrutura vítrea aparece exteriormente nunha substancia compacta e brillante, ás veces celular ou cavernosa, e vista ao microscopio presenta a mesma disposición ca o magma fundamental das rochas porfídicas. Ten diversos micrólitos dispersos na base vítrea.
    Posición
    Existen dous tipos principais: o das rochas sedimentarias, que se corresponde coa das rochas que se sitúan en capas superpostas, e o dos materiais en masa que compoñen macizos uniformes e non aparecen dispostos en capa.
    Clasificación
    As rochas clasifícanse segundo a súa orixe en: rochas eruptivas, rochas sedimentarias e rochas metamórficas. As eruptivas e metamórficas son rochas formadas en profundidade, e as sedimentarias son rochas formadas na superficie da terra ou nas súas proximidades. As rochas sedimentarias afloran aproximadamente nun 75% da superficie dos continentes pero se se considera o conxunto da codia terrestre (desde a superficie ata os 30 ou 40 km de profundidade), as rochas eruptivas son maioritarias e forman preto do 95% da codia. As rochas eruptivas divídense en dúas grandes categorías: as rochas plutónicas e as rochas volcánicas ou efusivas. Están formadas principalmente por silicatos ou aluminosilicatos. Os minerais que constitúen arredor do 99% das rochas eruptivas son os feldespatos e plaxioclases (59,5%); piroxenos e anfíbolos (16,8%), sílice (12%), sobre todo en forma de cuarzo; biotita ou mica negra (3,8%), minerais a base de titanio (1,5%) e outros como olivina, entre outros (6,4%). As rochas plutónicas e as volcánicas non se diferencian pola natureza dos seus constituíntes minerais, senón pola súa estrutura (tamaño relativo e disposición dos cristais). As plutónicas resultan da cristalización en profundidade dun magma, mentres que as volcánicas foron transportadas á superficie seguindo as fisuras da codia terrestre. Debido a isto, as primeiras presentan unha cristalización de gran tamaño e unha estrutura granítica onde os diversos minerais son visibles a simple vista. Nas segundas os cristais son moi pequenos, cunha estrutura porfírica. Hai dúas grandes categorías de magma que difiren pola súa orixe, a súa temperatura inicial, a súa composición química e o seu comportamento na codia terrestre: os magmas basálticos, que teñen unha temperatura inicial de 1.200-1.500°C, son pobres en sílice, chegan xeralmente ata a superficie e proceden da fusión local de áreas situadas no límite entre a codia terrestre e o manto superior, e graníticos que teñen unha temperatura inicial de 550-800°C, son ricos en sílice e cristalizan xeralmente en profundidade e proveñen da fusión de antigas rochas metamórficas. No momento da cristalización dun magma os minerais primeiros en formarse son os que teñen unha temperatura de fusión máis elevada e encerran menor cantidade de sílice e os máis tardíos teñen unha baixa temperatura de fusión e son ricos en sílice. Cando a temperatura diminúe e se a composición química se presta, os primitivos minerais formados poden desaparecer e ceder o seu sitio a novos minerais. Esta sucesión é coñecida como serie reaccional de Bowen, onde a etapa desta serie require sílice para levarse a cabo e o seu desenvolvemento máis ou menos completo depende directamente da composición inicial do magma. A partir dun magma basáltico só se forman minerais como a olivina, os piroxenos ou as plaxioclases cálcicas. A partir dun magma granítico desenvólvese a sucesión das reaccións e rende un conxunto de micas, feldespatos e cuarzo. As rochas eruptivas son moi utilizadas na construción. Ademais, numerosos xacementos de substancias útiles son asociados a estas rochas: sales metálicas de chumbo, cinc, uranio e minerais excepcionais como o berilo ou o diamante. As rochas sedimentarias proceden da alteración e erosión de rochas preexistentes e os seus constituíntes clasifícanse en catro categorías: minerais detríticos, de alteración, dunha precipitación química e orgánicos. Os minerais detríticos proceden da erosión das rochas preexistentes, e a súa variedade é moi grande. Todos os minerais das rochas eruptivas, metamórficas ou de antigas rochas sedimentarias poden entrar nesta categoría. Non obstante, como consecuencia das súas propiedades mecánicas e químicas, só algúns minerais como o cuarzo, as arxilas e, en menor medida, os feldespatos e as micas xogan un papel primordial. Os minerais de alteración derivan da modificación química dos minerais preexistentes. Os principais son os minerais arxilosos, pero tamén algúns óxidos de ferro e de aluminio. Os minerais que resultan dunha precipitación química son sales que ben poden precipitar directamente ou ser subtraídos ao medio a través de organismos vivos. Por último, os materiais orgánicos poden dar orixe a rochas carbonadas como os carbóns ou os petróleos. Os principais fenómenos dos que derivan as rochas sedimentarias son a sucesión de alteración, a erosión, o transporte, a sedimentación e a diaxénese. O axente esencial de alteración é a auga, que provoca a hidrólise e a disolución de practicamente todos os minerais. Produce como consecuencia a segregación química dos diversos elementos constitutivos da rocha, os máis solubles son arrastrados en solución e constitúen a fase migratoria, e outros permanecen intactos ou vólvense combinar no sitio. A erosión caracterízase ante todo por unha ablación mecánica das rochas ou dos seus elementos constitutivos. A súa intensidade varía en función do clima, da importancia dos relevos e da estabilidade tectónica da rexión. Despois, o transporte dos detritos que resultan da erosión realízase fundamentalmente polos ríos e os seus afluentes. Os compostos solubles poden sufrir algunhas modificacións, pero o fenómeno principal é o desgaste e fragmentación dos produtos sólidos. Practicamente todos os minerais das rochas endóxenas disgréganse ao longo do transporte, salvo o cuarzo que  resiste. Tamén o fan as arxilas, que flotan, que son transportadas en suspensión, polo que non sofren ningún choque nin desgaste importante. A sedimentación das partículas detríticas é especialmente activa na periferia dos continentes e sobre a plataforma continental. De todas as maneiras, unha parte das partículas detríticas pode ser arrastrada a espazos máis profundos grazas á existencia de canóns submarinos e de correntes violentas. Ademais, as partículas máis finas migran lentamente ao ancho e forman nas chairas abisais as arxilas dos grandes fondos. A sedimentación química e bioquímica é tamén activa no bordo dos continentes, onde numerosos organismos subtraen á auga do mar o calcio necesario para a formación da súa caparuza calcaria, despois da súa morte, estas caparuzas acumúlanse sobre o fondo. O depósito dos sedimentos nos mares explica por que estas rochas se presentan en forma de bancos sucesivos e estratos á vez que encerran a miúdo fósiles. Cando un sedimento é depositado recentemente, preséntase en forma de barro anegado en auga. O conxunto dos procesos que realizan a transformación desta lama en rocha coherente recibe o nome de diaxénese. Prodúcese na acumulación progresiva de materiais a eliminación das augas intersticiais e as modificacións químicas que cementan a rocha e a fan compacta. Entre as rochas residuais destacan as areas e as arxilosas, pero tamén algunhas bauxitas e rochas férricas. As rochas detríticas pódense clasificar segundo a talla dos seus elementos constitutivos e as rochas de orixe química ou bioquímica segundo a natureza do seu compoñente principal. No primeiro caso se a talla das partículas e superior a 2 mm fálase de bloques, seixos e gravas se son rochas soltas, e de brechas e conglomerados se son rochas consolidadas; se está entre 0,06 e 2 mm de areas e pedras de gra, respectivamente se son soltas ou consolidadas; se está entre 0,04 e 0,06 mm de lamas e pelitas; e se é inferior a 0,004 mm de arxila e arxilita. Nas rochas de orixe química ou bioquímica se a compoñente principal é o calcio estamos ante calcaria, se é o calcio e o magnesio, a dolomita; os alcalinos sodio ou potasio, as rochas salinas; o fósforo, os fosfatos; o silicio, o sílex; e o carbono, os carbóns e os petróleos. Moitas substancias útiles son de orixe sedimentario, é o caso de todos os combustibles, de case todos os minerais de aluminio, de ferro e de fósforo. As rochas calcarias empréganse na construción e na fabricación de cal e de cemento, as arxilas explótanse para a fabricación de ladrillos, tellas e produtos refractarios e as salinas para a química ou a agricultura. As rochas metamórficas resultan da transformación de rochas preexistentes baixo a influencia de fortes aumentos de temperatura, de presión ou ambas, sen que estes factores leven a cabo unha fusión completa do material orixinal. Estas rochas poden ser eruptivas, ou incluso metamórficas, pero case sempre se trata de rochas sedimentarias, e por iso as rochas metamórficas son a miúdo estratificadas. O aumento da presión, da temperatura e da auga son os principais factores que levan á xénese das rochas metamórficas. O aumento da presión vai ligado a varios fenómenos, entre eles a movementos da codia terrestre. As forzas implicadas no momento da formación das grandes cadeas montañosas son enormes e durante longos períodos vastos territorios foron sometidos a grandes aumentos de presión. A temperatura aumenta cando nos afundimos na codia terrestre e a orixe desta calor está na desintegración dos elementos radioactivos presentes nas rochas, que se acompaña dun desprendemento de calor. Baixo a influencia da presión e da temperatura prodúcense intercambios químicos nas rochas. A auga e o aumento de temperatura provocan a modificación profunda da composición mineralóxica da rocha primitiva. Minerais das rochas sedimentarias, como as arxilas, que son quimicamente estables na superficie da terra, vólvense inestables cando se someten ás condicións do metamorfismo, e aparecen unha serie de minerais novos, metamórficos, como os granates e a andalucita. Polo contrario, outros minerais como o cuarzo ou os feldespatos permanecen estables, pero adoitan recristalizarse e aumentar o seu tamaño. En total tense unha recristalización cunha modificación mineralóxica máis ou menos profunda da rocha orixinal. A natureza dos minerais formados de novo dependerá do aumento da temperatura e da presión, da súa duración e da composición da rocha primitiva. Reciprocamente, a presenza de certos minerais metamórficos proporciona información sobre as presións e temperaturas que presidiron a formación da rocha e da composición do material que sufriu unha metamorfose. A intervención da presión tradúcese nunha disposición en capas ou en follas da gran maioría das rochas metamórficas, polo que se denominan tamén rochas cristalofílicas. A acción da presión dá lugar a unha deformación máis ou menos plástica cando a rocha primitiva non é ríxida (adquisición de xistosidade). Senón, a rocha rompe, é triturada e obtense unha milonita. O termometamorfismo aparece en poucas ocasións. En contacto con sedimentos recubertos por coadas de lava obsérvase a cocción da rocha. O metamorfismo de contacto, por outra banda, é sempre moi localizado e prodúcese cando un macizo magmático intrusivo entra no interior dunha serie sedimentaria. As rochas que se obteñen dependen da natureza da rocha receptora. En xeral non están dispostos en capas, xa que a irrupción do macizo intrusivo non vai acompañada dun aumento importante de presión. As auréolas de metamorfismo de contacto máis frecuentes atópanse no contorno de macizos graníticos intrusivos. O metamorfismo de enterramento dáse no interior de series sedimentarias de gran anchura arrasadas a profundidades relativamente importantes como consecuencia do afundimento continuo dunha conca de sedimentación, fenómeno de subsidencia. É un proceso relativamente localizado en certas fosas mariñas, xeosinclinais, que se forman no bordo de áreas continentais inestables. O metamorfismo xeral é con moito o máis importante. Vai unido directamente á formación dos grandes conxuntos montañosos. Todas as grandes cadeas posúen un armazón cristalofílico que ocupa superficies moi grandes. Neste tipo de metamorfismo as rochas encóntranse nunha orde determinada que corresponde ao aumento progresivo da temperatura e da presión. A súa natureza depende das rochas primitivas e distínguense diversas secuencias de rochas metamórficas segundo a súa orixe. Galicia sitúase nun dos núcleos máis antigos da Península Ibérica: o macizo hespérico. Os materiais rochosos que afloran aquí poden ser divididos en varias áreas: a) o espazo asturleonés, con cuarcitas, xistos e lousas con intercalacións de calcarias, e son rochas do Palozoico sometidas a metamorfismo; b) o espazo centro-ibérico, onde se atopan gneis glandular ou porfiroide, coñecido como ollo de sapo, formado a partir de materiais do Precámbrico, deformados ata dar o núcleo dun anticlinal emprazado na oroxénese herciniano, e diferentes rochas asociadas, tamén de tipo metamórfico; e c) a área de Galicia Media--Tras-os-Montes, o espazo máis complexo e con diversas unidades asociadas. Nesta última área existen rochas básicas e ultrabásicas como os gabros, anfibolitas e ecloxitas da área do Cabo de Ortegal e do NO de Santiago; os xistos de Ordes, con alto contido en clorita, aflorando polo interior de Galicia desde A Coruña ata Ribadavia; o complexo polimetamórfico ou unidade Malpica-Tui, en que aparecen distintas clases de xistos, gneis e anfibolitas, a partir de materiais tamén precámbricos forman unha franxa que corta as rías da costa occidental, aproximadamente desde a localidade de Malpica no N ata Tui no S. Ademais, na área de Galicia Media-Tras-os--Montes florecen rochas graníticas formadas ao final do Paleozoico coa oroxénese herciniana, un dominio de xistos en que se distinguen a unidade de Santabaia, Nogueira, Paraño e Lalin-Forcarei, e materiais sedimentarios, constituídos no Cenozoico, durante o terciario, que aparecen en enclaves de extensión reducida destacan as concas de Monforte, Maceda, Monterrei e socalcos nas ribeiras do Miño.

  3. rocha encaixante [XEOL]

    Formación rochosa en que se produciu unha intrusión de rochas ígneas ou ben se introduciron mineralizacións.

  4. rocha nai [XEOL]

    Horizonte C dun solo, constituído polo substrato litolóxico, que fornece os elementos minerais do solo e do que derivan, por pedoxénese, os outros horizontes.