1 roda

1 roda

(

  1. [TECNOL]
    1. s f

      Peza circular, ríxida, de escaso ancho en relación ao seu diámetro, que pode xirar arredor dun eixe fixo ou dotado de movemento de rotación cando é solidaria, que pasa polo seu centro. A roda pode consistir nun disco, macizo ou oco por sectores ou segmentos circulares, ou estar formada por unha parte central circular chamada cubo pola que pasa o eixe, unida radialmente a unha parte anular, ás veces revestida pola súa parte externa cun círculo de ferro ou goma. Está considerado un invento capital da humanidade, dado que facilitou o transporte e permitiu fabricar obxectos de barro, determinadas pezas de madeira ou fío, moer moitos produtos agrícolas, elevar a auga, e outras utilidades. Emprégase para transmitir movementos ou para soster e propulsar vehículos, se é unha roda motriz, ou facilitar o seu desprazamento, se non é motriz.

    2. roda dentada

      Cada unha das rodas provistas de dentes na súa periferia, con dentadura interior ou lateral, ou con máis dunha destas dentaduras e que, engrenando cos dentes doutras rodas dentadas, constitúen unha engrenaxe ou, engrenando cunha cadea, forman parte dun sistema de transmisión por cadea.

    3. roda mestra

      Roda dentada principal dunha engrenaxe.

    4. roda motriz

      Roda dentada que non recibe o movemento de ningunha outra roda e que llo transmite ás outras rodas dunha engrenaxe.

  2. s f

    Tallada de certas froitas, peixes ou carnes de forma circular.

    Sinónimos: toro.
  3. s f

    Conxunto de persoas ou cousas que forman un círculo.

    Sinónimos: riola.
  4. s f [XOGO]

    Xogo en que os participantes forman un círculo.

  5. s f [MAR]

    Peza máis sobresaínte da proa dunha embarcación e que lle dá a forma. A parte inferior da roda vai unida á quilla mediante unha peza ou unha parte dela mesma, chamada pé de roda.

  6. s f [ARQUIV/BIBLIOT]

    Signo redondo, derivado do signum crucis, constituído por unha cruz inscrita en dous círculos concéntricos, con inscrición e figura, que representaba a sinatura do papa e dos reis de Castela e León, e que autenticaba os documentos solemnes emanados das chancelarías correspondentes e lles daba validez entre os ss XI e XIV.

  7. s f [HIST]

    Suplicio que consistía en crebarlle os membros ao condenado, e ás veces tamén as costelas, e colocalo atado no alto dunha roda de carro posta horizontalmente, chantada na terra mediante un pau. Usado na Alemaña medieval, foi introducido en Francia en 1534 e suprimido pola Revolución Francesa.

  8. [TECNOL]
    1. s f

      Cada unha das rodas dentadas ou piñóns que constitúen a engrenaxe dun reloxo.

    2. roda catarina

      Roda dentada do mecanismo de escape dalgúns reloxos, de dentes agudos e oblicuos, que é accionada polas pas da áncora. OBS: Tamén se denomina roda de escape ou roda de áncora.

  9. [MAR]
    1. roda de pas

      Roda provista dunha serie de brazos radiais, cunha pa ou paleta nos seus extremos, que se sitúa nun lado do casco dunha embarcación, e ás veces a popa, que serve para propulsala. A idea de substituír os remos e as velas por rodas de paletas é moi antiga.

    2. roda de temón

      Roda provista de asas na súa periferia e fixada polo seu centro a un eixe, que permite manobrar o temón ao facela xirar.

  10. roda da Fortuna [ARTE/HIST]

    Símbolo da volubilidade da sorte e das vicisitudes das cousas humanas que se representa como unha roda posta aos pés da deusa Fortuna.

  11. roda de muíño [ETN]

    Pedra do muíño, en forma de roda, que xira sobre outra para triturar cereais, olivas ou outros produtos.

  12. roda hidráulica [ENX]

    Roda provista na súa periferia de numerosas pas sobre as que se aplica a forza da auga dunha corrente perpendicular ao seu eixo de rotación, ou dun salto que provoca a rotación da roda transformando en enerxía mecánica a enerxía do salto ou da corrente.